Vangardas na Literatura Galega: Anos 20-30 e Autores

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,61 KB

As Vangardas Galegas nos Anos 20 e 30

Contexto e Difusión das Vangardas

A literatura e a arte galega experimentan nos anos 20 e comezos dos 30 un proceso de renovación, levado a cabo polas vangardas, movementos estéticos nados na Europa no primeiro terzo do século XX, o cal supón unha ruptura radical, concibindo a arte en todas as súas manifestacións. Cada movemento constitúe un "-ismo", que difunde os seus propios postulados a través dos chamados manifestos vangardistas.

A difusión das vangardas en Galicia foi escasa e problemática: o poeta Manuel Antonio segue o ronsel vangardista e rompe definitivamente coa tradición poética galega. Este autor, xunto co debuxante Álvaro Cebreiro, asinaron o manifesto vangardista ¡Máis Alá!.

A renovación poética dos anos 20 e 30 tivo a súa canle de expresión nas revistas literarias (Alfar, Ronsel...) e noutras publicacións periódicas como Galicia e El Pueblo Gallego.

A Xeración Novecentista

Os protagonistas deste proceso de renovación artística e literaria son chamados novecentistas. Foi unha xeración malograda, posto que moitos deixaron a súa carreira literaria ou morreron cedo. A esta xeración pertencerán Fermín Bouza-Brey, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Luís Amado Carballo...

Tendencias da Poesía Renovadora

A poesía renovadora segue tres tendencias principais:

Neotrobadorismo: Bouza-Brey e Cunqueiro

Practica unha imitación dos xeitos de compor e de dicir das cantigas medievais (especialmente as de amigo) coa utilización de recursos como o refrán, o leixaprén, o paralelismo, etc. Os dous autores máis emblemáticos desta tendencia son Fermín Bouza-Brey, quen inaugura esta tendencia coa publicación de algúns poemas no boletín Nós en 1926 que logo reúne en 1933 en Nao senlleira; e Álvaro Cunqueiro, quen compuxo Cantiga nova que se chama Riveira.

Hilozoísmo: Luís Amado Carballo

Ten como principal figura a Luís Amado Carballo, quen elaborou Proel e O Galo. Trátase dun tipo de poesía caracterizada pola brevidade, a sinxeleza, a permanencia do esquema de rima e métrica tradicionais, a frecuente personificación de elementos naturais (prosopopea), o predominio de imaxes (imaxinismo), a concepción pictórica do poema e a linguaxe metafórica. Inspíranse na paisaxe, tema absolutamente tradicional, con imaxes e recursos totalmente novos, de raíz vangardista.

Vangardismo: Manuel Antonio

Esta baséase na asimilación parcial e reúne características dos diferentes "-ismos" europeos. A esta tendencia pertencen poetas como Álvaro Cunqueiro, quen elaborou Mar ao norde (cubista) e Poemas do si e do non (surrealista). Pero é Manuel Antonio quen serve de prototipo vangardista, posto que é aventureiro, antiacademicista, inconformista e rompe coa tradición poética.

A Poética de Manuel Antonio

No manifesto ¡Máis Alá! e en artigos como «Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu» expuxo a súa posición rupturista respecto á literatura galega que se estaba a escribir entón. A partir do seu poemario Con anacos do meu interior, con 18 poemas, prodúcese a ruptura vangardista, introducindo trazos innovadores con elementos tradicionais.

De modo xeral, a poética de Manuel Antonio está caracterizada pola ruptura discursiva e a ausencia de argumento no poema, creación de imaxes autónomas con respecto á realidade, presenza do referente mariñeiro, transfondo existencial dos poemas e afán de orixinalidade. Asimilou con criterio propio elementos do Creacionismo. Na súa obra utiliza numerosas voces estranxeiras, a procura de imaxe poética poliédrica (con varios significados) impactante e orixinal, introdución no poema de discursos diferentes ao poético, presenza de elementos propios da linguaxe científica e tecnolóxica da época, ausencia de ritmo e rima e o heterosilabismo dos versos, parodia de certos elementos románticos. Do cubismo e futurismo apreciamos os espazos en branco e as peculiares disposicións dos versos.

Análise de De catro a catro

De catro a catro é o único libro editado por Manuel Antonio en vida. Esta obra constitúe un auténtico fito na historia da poesía galega e unha obra fundamental, tanto polo tema como pola forma na renovación poética dos anos 20. O seu carácter vangardista apréciase porque rompe coa temática da literatura galega anterior, utiliza o verso libre e non tipos de estrofa ríxidos, ten unha peculiar construción rítmica dos versos e ausencia de rima, presenta ruptura gramatical e semántica no poema, unha disposición tipográfica particular dos versos e a utilización dun léxico "novo", con predominio de imaxes de corte creacionista no poemario.

Interpretacións de De catro a catro

A obra posúe dúas liñas interpretativas:

  • O libro é a crónica dunha viaxe que vai desde a ilusión do comezo á saudade do final, pasando polas sensacións que provocan a vida cotiá no mar, a soidade e a monotonía. A viaxe convértese así nunha reflexión do poeta. O mar que aparece no libro acaba por ser un mar-vida, un mar persoal e único, sempre outonizado.
  • Outros non coinciden en que a viaxe sexa o núcleo do poema. A ilusión do comezo aparecerá negada máis adiante; o navío de Manuel Antonio non navega, aparecen elementos estáticos, tempos e espazo aparecen ligados. Os poemas son metáforas de vivencias, pensamentos, sensacións en desorde dunha alma náufraga e desamparada, a de Manuel Antonio, rodeado de soidade. O libro desprende así unha sensación pesimista, negativa.

A Prosa Renovadora: Rafael Dieste

En prosa destacará Rafael Dieste, autor da obra Dos arquivos do trasno. O seu estilo relaciónase co de Castelao, Edgar Allan Poe... ao cultivaren os contos.

Narrativa de Dieste: Estilo e Temas

Na súa narrativa, Rafael Dieste utiliza numerosos recursos tópicos do relato oral popular: apelacións ao auditorio, autoxustificacións do narrador, referencias de tempo e espazo precisas, presenza de digresións (saídas do tema), aparición de historias encaixadas dentro da historia ou argumento principal, etc. De raíz culta son o gusto pola descrición plástica impresionista de ambientes e personaxes, rica adxectivación, disposición fragmentaria do material narrativo, numerosas rupturas no plano temporal, comezos in medias res e finais abertos. Ten preferencia por temas misteriosos. Dieste combina relatos realistas con outros fantásticos. A orixe popular das historias contadas aparece nos argumentos próximos ás lendas e supersticións e no perfil dos seus personaxes protagonistas.

O Teatro Renovador: Rafael Dieste

No teatro, Rafael Dieste, coa súa peza A fiestra valdeira, marcará o fito máis relevante do teatro galego de preguerra, xa que presenta novidades tanto temáticas como formais.

A fiestra valdeira: Fito Teatral

Esta obra marca unha nova orientación na literatura dramática galega, abrindo un camiño de rigor estético e tratamento orixinal de temas populares que se afastan tanto do costumismo tradicional como do teatro "de tese". A obra aborda a problemática da identidade persoal e colectiva, critica as deformacións morais que causan nos individuos o desexo de diferenciación social e a teima por ocultar as propias raíces cando estas son humildes.