Historia da Literatura Galega: Séculos Escuros e Prerrexurdimento

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,52 KB

A Literatura Galega: Dos Séculos Escuros ao Prerrexurdimento

Os Séculos Escuros: Contexto Histórico e Lingüístico

Desde o século XV ata o XVIII deixou de haber unha práctica literaria significativa en galego. Esta dilatada etapa de silencio é a que os historiadores coñecen como os Séculos Escuros. Veu motivada porque Galicia pasou a depender da Coroa de Castela, que implantou unha acusada política centralista. A nobreza galega perdeu o seu poder e os cargos políticos, administrativos e eclesiásticos foron ocupados por persoas de fóra de Galicia. Esta elite dominante impuxo o castelán como lingua de administración, de Igrexa e do feble sistema educativo.

A Lingua Galega: Resistencia e Marginación

Desde o século XV, coa derrota e expulsión da nobreza autóctona, o galego quedou afastado dos centros de poder administrativo e eclesiástico, de maneira que o castelán foi ocupando o seu lugar como lingua de cultura. O galego, aínda que seguía a ser a lingua da inmensa maioría da poboación, quedou reducido aos usos orais, xa que a nova situación motivou o abandono do seu uso na escritura.

Houbo dous factores que influíron gravemente nesta marxinación: a imprenta, que chegou a Galicia a finais do século XV e que só usaba o castelán e o latín para as publicacións; e a Universidade, fundada en 1495 por Alonso de Fonseca, que unicamente promovía o uso do latín e do castelán.

Esta marxinación foi denunciada por primeira vez no século XVIII por algúns intelectuais da Ilustración. O Padre Feixoo e, sobre todo, Frei Martín Sarmiento foron as figuras máis destacadas. Sarmiento reivindicou a necesidade da escolarización en galego, e tamén que os forasteiros que viñesen exercer a Galicia a súa profesión aprendesen a lingua do país.

Mostras Literarias dos Séculos Escuros

Ao longo dos Séculos Escuros a práctica literaria en galego foi moi escasa, aínda que se desenvolveu unha rica literatura oral de carácter popular.

Desta poesía popular e tradicional consérvanse diversas mostras que recollen feitos como a condena do Mariscal Pardo de Cela ou o saqueo de Cangas polos turcos. Tamén existiu unha importante tradición de vilancicos de Nadal difundidos en galego fóra das nosas fronteiras.

Na literatura culta, cómpre salientar algúns poemas renacentistas e varios sonetos da época barroca, da autoría de Xoán Gómez Tonel e de Pedro Vázquez de Neira. Desta época é a primeira obra dramática en galego, que data de 1671: O entremés famoso sobre a pesca no río Miño, de Gabriel Feixoo de Araúxo, que relata unha disputa entre galegos e portugueses, motivada pola pesca con redes no río Miño.

Os textos literarios máis importantes atopámolos sobre todo a partir de 1833, ligados á aparición do Provincialismo, que se opoñía á partición de Galicia en provincias. Galicia quedou dividida nas catro provincias e perdeu o territorio de Asturias, León e Zamora.

O Prerrexurdimento: O Renacer da Literatura Galega

Abrangue desde o ano 1808, cando comeza a Guerra da Independencia, ata 1863, ano en que Rosalía de Castro publica Cantares Gallegos. Nas primeiras décadas do século XIX, sobre todo a partir da invasión dos franceses, comezan a publicarse textos en galego, aínda que a maioría non teñen un carácter literario.

Exemplos inclúen:

  • A Casamenteira (1842) de Antonio Benito Fandiño, con temática de matrimonios.
  • Nicomedes Pastor Díaz, político e diplomático, que escribiu en galego a égloga Belmiro e Benigno e o poema Alborada, ambos con temática amorosa.

Os Precursores

Están formados polos poetas que teñen obras publicadas antes de 1863. Destacan:

  • Xoán Manuel Pintos (1811-1878), responsable do primeiro libro publicado na Idade Contemporánea en galego, A Gaita Gallega, aínda que contén algunhas páxinas en castelán.
  • Francisco Añón (1812-1878), natural da Serra de Outes, tivo unha biografía accidentada, vivindo en moitos lugares. A súa obra poética, espallada en revistas e xornais da época, salienta polas temáticas costumista e reivindicadora.