A Poesía Galega do Século XX: Vangardas, Posguerra e Modernidade
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 7,12 KB
A Poesía Galega do Século XX
As Vangardas
Os anos 20 e a primeira metade dos 30 supuxeron a incorporación das vangardas europeas (creacionismo, imaxinismo, cubismo, surrealismo, futurismo e ultraísmo) á poesía galega grazas a autores moi novos como Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Fermín Bouza Brey, e outros como Álvaro Cunqueiro, Euxenio Montes, Roberto Blanco Torres ou Manuel Luís Acuña.
Manifestos: Proclama dunha Nova Literatura
Manifesto Máis Alá!. Prólogo dun libro de poemas que ningúen escribeu. Fatiguémonos. Estes manifestos proclaman ante a xuventude os seguintes aspectos:
- Romper coa literatura paisaxística e cívica anterior.
- Provocar por ir contra «o vello» e querer presentar unha poesía nova.
- Afastarse da realidade ollando esta dunha maneira diferente.
- Renovar a linguaxe e os recursos estilísticos.
Revistas de Difusión Poética
As revistas foron o principal medio de difusión da nova poesía por toda Galicia: nos anos 20, Ronsel en Lugo e Alfar na Coruña; nos anos 30, Cristal en Pontevedra; Galiza e Papel de color en Mondoñedo; Yunque en Lugo e Resol. Hojilla volandera del pueblo, en Santiago.
As Vangardas en Galicia
A Vangarda Plena
A máis innovadora. Representada polo creacionismo de Manuel Antonio na obra Catro a catro.
- Metáforas innovadoras froito de asociacións insólitas.
- Simboloxía marítima relacionada co existencialismo (o mar é a existencia e o barco, o home).
- Antirromanticismo.
- Desmitificación de elementos tópicos da literatura (a auga -H2O ou a Lúa).
- Renovación da linguaxe (neoloxismos, linguaxe técnica marítima, anglicismos) e da métrica (verso libre, ausencia de estrofa e alteracións na sintaxe).
- O humor froito da dimensión lúdica do poema.
Outras obras de Manuel Antonio, menos innovadoras, son Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis dispois, Viladomar.
Vangarda Moderada
A menos innovadora e a que máis perdurou, xa que abrangue parte da poesía de posguerra. O hilozoísmo representado por Roberto Blanco Torres (Orballo de media noite), Euxenio Montes (Versos a tres cás o neto), Amado Carballo (Proel e O galo) e Manuel Luís Acuña (Fírgoas).
- Animación da natureza e subxectivo cromatismo que crea orixinais sinestesias.
- Métrica máis tradicional ca no creacionismo: verso octosílabo e rima asonante.
O neotrobadorismo, representado por Fermín Bouza Brey (Nao Senlleira), Xoán Vicente Viqueira ou Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama riveira).
- Recupera a estilística da cantiga de amigo: refrán, paralelismo, leixaprén e léxico medieval; así como a voz lírica feminina.
- Imaxes innovadoras, propiamente vangardistas.
Á parte destes movementos de renovación podemos falar de influencias doutros ismos como o surrealismo (en Poemas do si e non de Cunqueiro), cubismo (uso do caligrama en Manuel Antonio) e futurismo e ultraísmo en Roberto Blanco Torres.
A Poesía de Posguerra (1936-1975)
A poesía foi un xénero privilexiado en comparación coa narrativa, en canto á cantidade de obras producidas nunha época adversa para as letras en lingua galega e a apertura literaria. As primeiras obras desde 1936 son O amor, o mar, o vento e outros gozos (1938) de Ángel Sevillano, e Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesia Alvariño. A difusión da maioría das obras foi a través da colección poética Benito Soto, do suplemento cultural sabatino do xornal La Noche e da Editorial Galaxia.
Orientacións e Xeracións Poéticas
| Xeración | Tendencias | Características Xeracionais |
|---|---|---|
| Xeración do 36 | Poética paisaxística e intimista. Hilozoísmo e neotrobadorismo, pero sen a orixinalidade das vangardas. Clasicismo, relixiosidade, intimismo e socialrealismo prosaico de Celso E. Ferreiro. | Nacen entre 1910 e 1920. Formación debida aos homes Nós e ás vangardas. Sofren directamente a Guerra Civil. |
| Promoción de Enlace | Intimismo, existencialismo e poesía relixiosa. Preocupación social por riba da dimensión estética do poema. | Nacen entre 1920 e 1930. Non coñeceron a fondo a Guerra Civil. Formación marcada polo illamento cultural. Escritores bilingües. |
| Xeración das Festas Minervais | Escola da Tebra (pesimismo e existencialismo) e discurso socialrealista con afán de superación e modernidade. Influencias da literatura estranxeira. | Nacen entre 1930 e 1940. Formación debida a Galaxia, á Xeración do 36 e a Celso E. Ferreiro. Pequena burguesía vilega liberal e republicana. Non coñecen a guerra. Actitude inconformista e renovadora. Grupos compostelán e Brais Pinto. |
A Poesía dos 80
Ábrese coas obras Herba aquí ou acolá de Cunqueiro e Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín. Poesía caracterizada polo culturalismo, pola preocupación de superar o prosaísmo dotando ao poema de calidade estilística, con influencias da literatura medieval vangardista e doutras culturas. Emprega símbolos como a mazá, a casa, a cinza, os espellos, a praia ou a illa para desenvolver temas como o erótico, a infancia como paraíso perdido, o existencialismo e o socialrealismo. Arredor de Vigo e da Coruña danse a coñecer colectivos e autores como o Grupo Rompente, Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Xavier Seoane ou Xavier Rodríguez Baixeras, e Ramiro Fonte entre outros.
A Poesía dos 90
Aproveita os símbolos da poesía dos 80 e amplía e renova temas como o erótico, o paisaxístico, o saudosista e o socialrealista (ecoloxía, violencia de xénero, consumismo, etc.). Os autores desta década (maioritariamente mulleres e moi novos ao comezaren a escribir) teñen como principal preocupación levar poesía por toda Galicia. Numerosos recitais poéticos e acompañamento da música ao texto. Simplificación estilística e simbólica do poema. Xorde o discurso feminino marcado pola deconstrución de tópicos literarios, cuestionando o amor, o sexo, os mitos femininos e o papel da muller na sociedade. Pertencen á poesía dos 90 Rafa e Miro Villar, Chus Pato, Enma Couceiro, Cristal e Oriana Méndez, Ana Romaní, Medos Romero, Lupez Gómez, Yolanda Castaño, María Dacosta, Fran Alonso, e Estevo Creus entre outros.
A Poesía na Década de 2000
Grande heteroxeneidade de temática e estilos, con obras dos poetas dos anos 80, 90 e as novas promocións que continúan os parámetros da década anterior. Maior aproveitamento da Rede, edición dixital (Pérfida érin de Mª do Cebreiro ou A illa dentro de Rafa Villar) para conseguir un maior número de lectores. Publicación da obra en CD (De bar en bar de Xosé C. Caneiro) e a autoedición.