O galego desde 1975 ata a actualidade

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,8 KB

Durante o franquismo, as distintas linguas peninsulares quedaron relegadas á fala oral, establecéndose o castelán como única lingua en España. Tras o remate da ditadura en 1975, instaurouse un sistema democrático e aprobáronse o Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) e a Lei de Normalización Lingüística (1983). Ambas as dúas leis recoñecen o galego como lingua oficial en permanente contacto co castelán.

A continua convivencia provocará unha situación de diglosia en favor do castelán. Algunhas institucións públicas e privadas loitan por unha recuperación da lingua galega e a súa normalización na vida social; unha das máis importantes é a Dirección Xeral de Política Lingüística.

Ámbitos institucionais e sociais

Na actualidade, o uso da nosa lingua nos diferentes ámbitos institucionais é heteroxéneo. Na administración local, ao contrario da autonómica, non se recoñecen datos fiables de que o galego sexa a lingua prioritaria, pois aínda seguen existindo moitas funcións reservadas ao castelán; isto depende, normalmente, do grupo político que goberne. Paralelamente, a súa incorporación ao exercicio da xustiza e aos documentos públicos está a ser lenta e con resultados bastantes cativos. Os oficios relixiosos celebrados en galego non superan o 10 %, situación condicionada pola institución que representan.

Os medios de comunicación

O instrumento máis poderoso no asentamento dos valores sociais, lingüísticos e culturais son os medios de comunicación. Ao longo da historia xorden medios escritos entre os que atopamos A Nosa Terra, O Correo Galego e Tempos Novos. Hoxe, a lingua galega comparte protagonismo cultural co castelán en Galicia e, aínda que pouco a pouco o galego vai abríndose camiño nos diferentes medios de comunicación, o castelán segue a ser dominante; por exemplo, non existen apenas películas de cine dobradas ao galego.

No referente aos medios audiovisuais, que teñen unha maior capacidade de penetración na sociedade, existen datos moi desfavorables, pois só aparece de maneira habitual na TVG e, en canto á radio, só existe unha emisora integramente en galego: Radio Galega.

O sistema educativo

En canto ao sistema educativo, como instrumento fundamental para a recuperación do galego, a súa lexislación obriga ao ensino en galego, pero ten recibido dúas críticas:

  • 1º lugar: Non se cumpren os mínimos de presenza escolar do galego que esixe a lei.
  • 2º lugar: O carácter do castelán nos ámbitos nos que se move a xuventude provoca que a capacidade para utilizar ambas as dúas linguas non quede garantida.