Narrativa Galega Posguerra: Fole, Cunqueiro, Blanco Amor e Neira Vilas
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 15,16 KB
A Narrativa Galega na Posguerra (1950-1976)
Todo o terreo gañado polas Irmandades da Fala e o Grupo Nós na creación e publicación dunha literatura de prestixio e de carácter universal, quedou truncado coa Guerra Civil. No exilio, sobre todo nas cidades de Bos Aires e México, seguíronse desenvolvendo actividades literarias en galego. Porén, en Galicia foi necesario esperar aos anos 50 para que se comezase a recuperación da literatura galega da man dos homes vinculados ao proxecto Galaxia.
A nosa produción narrativa entre 1950 e 1976, deixando á marxe a literatura galega no exilio e a Nova Narrativa galega, que revisaremos no tema seguinte, vén marcada polos seguintes grupos:
a) Escritores procedentes da etapa anterior, como Otero Pedrayo e outros que continúan na liña da Xeración Nós, como Ricardo Carballo Calero, autor de A xente da Barreira (1950), primeira novela publicada en galego na posguerra.
b) Un grupo de narradores caracterizados, desde o punto de vista literario, pola súa individualidade, que como resultado das súas experiencias literarias deron lugar a unha serie de tendencias narrativas que pervivirán en parte ata a actualidade:
- Ánxel Fole, recreador dunha Galicia rural e misteriosa a través da recuperación da tradición do conto popular (realismo popular ou etnográfico).
- Eduardo Blanco Amor, escritor realista de marcado carácter social (realismo social).
- Xosé Neira Vilas, autor máis novo, pintor do mundo rural galego da emigración, en moitos casos desde a inocente mirada dun neno.
- Álvaro Cunqueiro, quen, desde un discurso realista, pon o lector en contacto cun mundo no que se combinan realidade e fantasía (realismo fantástico).
Ánxel Fole (1903-1986)
Naceu en Lugo en 1903. Estudou Dereito en Santiago, onde contactou co movemento nacionalista, reafirmando esta militancia durante a Segunda República. En 1932 funda e dirixe a revista Yunque en Lugo.
Trala guerra vai vivir a Quiroga e pasa longas tempadas no Incio e na Terra Chá. Esta permanencia no mundo rural será de grande importancia para a súa creación literaria. En 1953 regresa a Lugo. En 1963 ingresa na Real Academia Galega lendo un discurso sobre Castelao e o galeguismo. Morre en 1986. A súa obra literaria intégrana as seguintes obras:
- Á lus do candil (1953), unha colección de contos relacionados entre si cunha simple estrutura: catro fidalgos cos seus criados están reunidos a carón do lume nunha vella torre incomunicada pola neve; cada un deles vai relatando diferentes contos.
- Terra Brava (1955) segue un procedemento semellante: o narrador informa do achado dun vello cartapacio escrito polo seu padriño que contén unha colección de contos; tales contos aparecen reproducidos a continuación. Coinciden na temática e na técnica cos de Á lus do candil.
- Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981) son coleccións que prescinden do artificio estrutural dos libros anteriores; a súa unidade vén dada pola continua presenza do misterio e o marco preferentemente urbano no que se sitúan.
O eixo temático da narrativa de Fole é Galicia, contemplada desde dúas perspectivas: a material e a inmaterial ou espiritual.
A realidade material ten como espazo referencial as terras bravas do Courel, Incio e Quiroga. Fole describe a paisaxe coa súa economía agrícola e gandeira, a súa vivenda, os seus costumes e a súa fala. Deste xeito, ao longo da obra de Fole atopamos un tratado etnográfico do mundo rural galego.
A realidade inmaterial recrea a complexidade psicolóxica do home galego, insistindo no seu humor e a súa cultura espiritual, cimentada con crenzas, lendas e experiencias paranormais: premonicións, aparicións, telepatía. Trátase dunha temática misteriosa e esotérica, vinculada coa tradición narrativa oral de Galicia.
A confluencia de ambas as realidades da cultura popular permítenos falar dun realismo máxico á hora de definir a obra de Ánxel Fole. Publicou tamén unha pequena peza dramática co título de Pauto do Demo (1958).
Álvaro Cunqueiro (1911-1981)
Naceu en Mondoñedo en 1911. De neno frecuentaba a botica do pai onde gozaba das narracións esaxeradas de cazadores e pescadores e dos ditos e crenzas dos clientes. Todo isto foi a orixe, tal como el ten dito, da súa inclinación á fabulación. En 1923 trasládase a Lugo para estudar o bacharelato e coñece a Ánxel Fole. Máis tarde comeza en Santiago a carreira de Historia. Funda en Mondoñedo a revista Papel de color e ao mesmo tempo empeza a colaborar na prensa e na revista Yunque.
Aos vinte anos publica o seu libro de poemas Mar ao Norde (1932). Nestes momentos vincúlase co Partido Galeguista. Despois da guerra colaborou en todo tipo de publicacións e dirixiu El Faro de Vigo entre 1961 e 1970. Morreu en Vigo en 1981.
Cunqueiro foi un escritor polivalente. Cultivou con mestría todos os xéneros literarios (poesía, narrativa, teatro e ensaio), pero tamén foi precursor na divulgación de algo tan actual como as viaxes e as receitas de cociña. Ao longo da súa vida recibiu numerosos premios: en 1958, o Premio Nacional da Crítica; en 1960, o Premio Valle Inclán de teatro galego e, en 1968, o Premio Nadal.
A súa obra non se presta a unha definición e clasificación convencional. Servíndose das lendas, contos e romances populares galegos e a súa febril imaxinación inventou mundos onde se mestura realidade e fantasía, o que o converteu para moitos nun pioneiro do realismo máxico. Con todo, a súa obra pode clasificarse en dous grupos:
As obras que presentan semblanzas de tipos galegos. Este grupo inclúe: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Son obras que conteñen relatos breves. A través deles Cunqueiro ofrécenos un retrato do mundo rural que estaba en proceso de desaparición por mor do auxe dos valores do mundo urbano e tamén pola penetración masiva dos medios de comunicación.
As obras maiores: Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Nelas Cunqueiro combina mundos mitolóxicos e literarios de carácter universal con espazos galegos.
En Merlín e familia, Cunqueiro sitúa o mítico mago Merlín nas terras luguesas de Miranda. A través de diferentes relatos, que podemos considerar como independentes desde o punto de vista da historia, nárranos as visitas de personaxes marabillosos que veñen pedir consello a Merlín. Non obstante, esa independencia é relativa porque hai dous elementos que lle confiren unidade a todo o libro: a presenza de certos personaxes que aparecen en todas as historias (como Merlín e o seu criado Felipe de Amancia) e a repetición dun esquema común a todas elas: chegan a casa do mago uns visitantes de afastadas terras, expoñen o seu problema e a continuación Merlín preséntalles unha solución feliz. Aínda que o narrador principal do libro é Felipe, testemuña dos sucesos fantásticos que se narran, a intervención de distintos viaxeiros con cadanseu relato introduce múltiples voces e perspectivas no texto.
Se o vello Sinbad volvese ás illas entrelaza historias de Sinbad, o mariñeiro de As mil e unha noites, e a tradición mariñeira galega coa que todos nos identificamos.
As crónicas do Sochantre é a única obra na que Cunqueiro se internou nos escuros mundos de ultratumba. O sochantre (eclesiástico que dirixe o coro dunha colexiata ou dunha catedral) de Pontivy, vese envolto nunha tétrica aventura: pouco despois da Revolución Francesa percorre a Bretaña nunha lúgubre carroza co cocheiro, con cabalos e con viaxeiros mortos que nos contan cadansúa historia e a razón pola que non descansan en paz. En 1964 ingresa na Real Academia Galega cun discurso titulado Tesouros novos e vellos.
Eduardo Blanco Amor (1897-1979)
Naceu en Ourense en 1897. Xa na mocidade manifestou interese pola literatura e coñeceu as vangardas europeas a través de Vicente Risco. En 1919 emigrou á Arxentina desde onde viaxou a España como correspondente do xornal La Nación. Foi entón cando entra en contacto cos membros da Xeración do 27, moi especialmente con Federico García Lorca, con quen mantivo amizade. Despois da guerra considerouse un exiliado máis na Arxentina. Alí pasaría a maior parte da súa vida, escribindo libros e desenvolvendo unha intensa actividade cultural no ámbito do teatro, da radio e da prensa (foi editor das revistas Celtiga e Terra). En 1962 regresou a Galicia e morreu en Vigo en 1979.
Antes da guerra, Blanco Amor centrara a súa actividade na poesía de tendencia vangardista, entre o imaxinismo e o creacionismo: Romances galegos (1928), Poema en catro tempos (1931) e, despois da guerra, Cancioneiro (1951). En 1927 publicou un conto na Revista Nós titulado Os nonnatos. Pero sería despois da guerra cando produciu as súas mellores obras: A esmorga, Os biosbardos e Xente ao lonxe.
As tres presentan características comúns:
Un mesmo escenario literario: a cidade de Auria, imaxe de Ourense.
Ambientación temporal de finais do XIX e comezos do XX.
Predominio do narrador en primeira persoa, protagonista dos acontecementos que conta.
Sensación de realismo.
Blanco Amor escribiu as súas obras seguindo técnicas innovadoras da Nova Narrativa. Por exemplo, utilizou o multiperspectivismo, é dicir, construíu a historia desde o punto de vista de varios personaxes.
A esmorga adoita considerarse unha das obras mestras da literatura europea do século XX. Recolle o relato tráxico que un personaxe, Cibrán Canedo, pertencente ao mundo suburbano, lle dá a un xuíz anónimo e os violentos e fatais acontecementos protagonizados por el e outros dous compañeiros (o Bocas e o Milhomes) nun día de esmorga. No relato só aparece o texto de Cibrán; as supostas intervencións do xuíz, doadamente deducibles a partir das respostas do narrador protagonista, aparecen substituídas por un guión. O autor inclúe unha nota inicial e un epílogo, para nos informar dos preliminares e do desenlace dos feitos. A lectura da obra lévanos ata as miserias da realidade e natureza humana. En primeiro lugar, porque a través do diálogo xordo entre o acusado, protagonista principal, e o xuíz sen voz e sen rostro, sobreentendemos a existencia dunha Xustiza prepotente que condena de antemán; e, en segundo lugar, porque somos testemuñas da autodestrución dos tres personaxes principais; coma se os tres estivesen predestinados, guiados por un mal fado, e avanzan irremediablemente cara ao seu triste final, á súa propia destrución.
Na novela tamén destaca o tratamento do tempo. Todo o narrado sucede en apenas vinte e catro horas, é dicir, unha técnica da redución temporal.
Xente ao lonxe é a crónica da familia Vilar, desde o nacemento do derradeiro dos seus fillos ata a inminente morte do pai, cinco anos despois. Pero a novela non é só unha saga familiar senón tamén unha crónica social na que os acontecementos ambientais e colectivos van condicionando a ideoloxía e a actuación dos dous principais protagonistas.
A acción é moi complexa e reflicte ao mesmo tempo a historia particular dos personaxes principais e a crónica, un tanto caricaturesca, da evolución do socialismo en Ourense e provincia nos comezos de século. En Xente ao lonxe conflúen varias voces narradoras, proporcionándolle ao lector varios enfoques da realidade.
Os biosbardos, escritos como “contos para a xente”, trátase dun conxunto de sete relatos breves que presentan como trazos comúns: a narración en primeira persoa, a protagonización infantil ou adolescente, a ambientación urbana ourensá, na que se desenvolven os acontecementos, e o tempo histórico ao que se refiren (as dúas primeiras décadas do século XX). O autor reflicte unha sociedade fortemente autoritaria.
Xosé Neira Vilas (1928-2015)
Naceu en 1928 na aldea de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. En 1949 emigrou a Bos Aires, onde se formou dun xeito autodidacta e se mantivo moi vinculado co ambiente galeguista do exilio arxentino. En 1961 trasladouse a Cuba, onde realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidade da Habana. Neste país crearía unha extensa obra literaria, que se ben abrangue os tres xéneros, sobresae no ámbito da narrativa, pero sen incluírse dentro da nova narrativa.
O escritor reproduce a realidade galega desde unha óptica novidosa, que se centra arredor de dous focos: a Galicia interior e a Galicia emigrante. Tamén podemos dividir as súas obras naquelas de protagonista infantil e as de protagonista adulto.
As obras narradas desde unha óptica infantil e adolescente: Memorias dun neno labrego (1961), Cartas a Lelo (1971), Aqueles anos de Moncho (1977) organízanse arredor da evolución dun neno a través dos seus contactos co medio e cos adultos, nunha sociedade campesiña marcada pola opresión e a pobreza económica, cultural e ideolóxica. Memorias dun neno labrego supuxo o inicio da carreira narrativa do autor. É unha novela autobiográfica. O autor cóntanos, desde a perspectiva dun neno, Balbino, a vida dun rapaz mergullado nun mundo pechado, nunha aldea do interior de Galicia, ata que se ve obrigado a emigrar. A novela constitúe un fito singular na narrativa galega debido ao seu éxito e impacto popular.
Nas narracións de protagonista adulto, Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969), Querido Tomás (1980), o autor recréase na pintura negra da sociedade campesiña, incidindo na degradación, prexuízos e violencia que polarizan as relacións dos personaxes. Estes aparecen incapaces de escapar dos condicionamentos do seu mundo atrasado, onde impera a dominación política e relixiosa nun clima de sometemento e resignación. As obras que amosan a ollada de Neira Vilas sobre a Galicia emigrante: Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Remuíño de sombras (1973), Tempo novo (1987) caracterízanse pola visión dos problemas xerados a causa do éxodo forzoso: a angustia e a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano e a loita por saír da miseria.