Os tres grandes do Rexurdimento: Rosalía, Pondal e Curros
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 10,77 KB
Rosalía de Castro: Compromiso social e feminismo
Rosalía de Castro e o seu compromiso social: foi dotada dunha aguda sensibilidade perante a marxinación, a inxustiza e a opresión. Por iso a súa obra ten un forte compoñente social, como nos demostrou no prólogo de Follas Novas.
- a) A defensa da cultura e do idioma galego, da nosa maneira de ser colectiva fronte á visión de que o galego era sinónimo de atraso e ignorancia.
- b) A defensa de valores sociais e morais do pobo galego fronte aos novos da sociedade burguesa.
- c) A identificación cos problemas, sufrimentos e aspiracións das clases populares galegas.
- d) A denuncia das inxustizas, insultos e abusos contra Galiza e cos galegos (emigración).
- e) A reivindicación dos dereitos das mulleres.
O feminismo en Rosalía
Na segunda metade do século XIX, o feminismo irrompeu en todos lados con forza (debate). A figura feminista de Rosalía está presente en toda a obra (Lieders, La hija del mar, Flavio).
Obra literaria: Cantares Gallegos (1863)
Cantares Gallegos foi o primeiro libro publicado integramente en galego. Consta de 36 poemas, todos eles vinculados a unha cantiga popular que Rosalía reproduce e glosa con maior ou menor extensión. En algúns dos poemas, Rosalía é a protagonista pero en voz doutros personaxes. Vaise compoñendo unha especie de retablo do que era Galiza na época, dos seus costumes, crenzas, etc.
Cantares Gallegos é tanto un libro folclórico como un documento apoloxético e dignificador de Galiza, unha epopea popular escrita no preciso momento histórico en que o novo mundo burgués substituía á sociedade patriarcal precapitalista. Os 36 poemas van precedidos por un prólogo onde Rosalía pide perdón polos defectos do libro. Ten un triplo obxectivo:
- a) Reivindicar a validez e capacidade do noso idioma.
- b) Denunciar o maltrato e a marxinación que padece o noso país e o menosprezo e explotación de que son obxecto os seus habitantes (labregos, emigrantes e mulleres).
- c) Combater a falsa e negativa imaxe de Galiza que se tiña aínda nesa época.
A temática de Cantares Gallegos
- a) O Prólogo ("Has de cantar") e o Epílogo ("Eu cantar, cantar cantei"), como introdución e despedida.
- b) Poemas de temática folclórico-etnográfica: reflectir a idiosincrasia do pobo galego, o costumismo e o amor.
- c) Poemas de temática social e/ou patriótica: trata a penuria e marxinación dos galegos, a denuncia da emigración e a defensa de Galiza fronte a Castela.
- d) Poemas de temática intimista: vivencias e sentimentos persoais (saudade, lembranza do pasado, soidade, desgraza).
Follas Novas (1880)
Publicado en Madrid, pero a desgusto e obrigada polas editoriais. Consta dun prólogo en prosa e 137 poemas clasificados en cinco apartados: Vaguedás, ¡Do íntimo!, Varia, Da terra e As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos. Trátase dunha obra máis persoal e filosófica que Cantares, aínda que haxa poemas que pareza que o continúen. No prólogo non hai a mesma aspiración que en Cantares porque é máis escéptica e pesimista. Divídese en dous apartados:
- a) A lírica solitaria ou subxectiva (Vaguedás e Do íntimo): O primeiro fai de prólogo poético (20 poemas), reflexiona sobre a escrita feminista e sobre os trazos e contidos da súa propia obra, o seu estado anímico caracterizado polo desasosego, o pesimismo, a saudade, a melancolía e a intranquilidade. Ao final di que os seus versos non poden reflectir todos os seus sentimentos (prólogo: "pobres enxendros da miña tristura"). O segundo, con 36 poemas, exterioriza as súas particulares reflexións metafísicas, filosóficas e intimistas sobre a insolidariedade humana, etc.
- b) A lírica solidaria ou obxectiva (Da terra e As viúdas dos...): O primeiro conta con só 9 poemas e unha clara identificación co pobo galego (costumes, cultura, idioma). O segundo, con 31 poemas, céntrase no tema da emigración e nas causas que a provocan; faino sobre todo desde a solidariedade e admiración das mulleres galegas (viúdas). Como ponte entre ambos está Varia.
Conto gallego (1864)
Ambientado na aldea, dous amigos apostan sobre cal deles consegue conquistar a unha viúva o día do enterro do seu marido. Aínda que poida parecer que trata sobre a indefensa muller, é un relato claramente feminista.
Eduardo Pondal: O bardo e o celtismo
Obra: A súa primeira composición en galego foi A campana de Anllóns (1858), sobre un soldado galego prisioneiro que sente morriña das paisaxes bergantiñás. Logo, Pondal comeza a colaborar con revistas e xornais con poemas soltos. En 1877 aparece o libro Rumores de los pinos, con 21 poemas en total. No 1884 edita o opúsculo Gandreiras.
Queixumes dos pinos (1886)
Consta de 91 composicións, 89 delas en galego e 2 bilingües. O celtismo, o bardismo, a misoxinia e o helenismo son os compoñentes temáticos e ideolóxicos básicos. A temática da obra trata da evocación do pasado celta glorioso, a loita pola dignidade e a reivindicación do idioma.
Os Eoas
Trátase dun longo poema narrativo onde canta a fazaña de Cristovo Colón e dos mariñeiros galegos que presuntamente o acompañaron. Cántanse as fazañas dos eoas e dos lusíadas na conquista de novos territorios. A Pondal custoulle moito publicar esta obra por medo ao fracaso.
Principais liñas temáticas de Pondal
- Celtismo: Pondal cre que a base étnica do pobo galego é celta. Moitos poemas fan alusión, en ton épico, aos feitos e figuras dos heroes celtas. A propia Galiza pasa a ser denominada "fogar de Breogán", presentando o país como un pobo con historia propia e un pasado glorioso para motivar aos galegos a recuperar a súa autoestima.
- Bardismo: Os bardos eran sacerdotes-poetas-adiviños celtas que gardaban a sabedoría da tribo. Pondal trata de revelar aos galegos o seu pasado histórico, aínda que ser bardo resultaba unha tarefa ingrata, pois a figura aparece como un ser solitario.
- Iberismo: Nalgúns poemas soña coa futura unidade ibérica, con Galiza facendo o papel de ponte entre hispanos e lusitanos. O idioma galego serve para establecer un vínculo de unión con Portugal, idea que retomarían as Irmandades da Fala no século XX.
- Misoxinia e machismo: Manifesta un pensamento machista e misóxino (desprezo da muller); esta aparece como unha presa de caza e a relación amorosa preséntase como unha "conquista" con violencia.
- Helenismo ou Clasicismo: Admira profundamente o pasado de Esparta. O helenismo ponse de manifesto na mención de personaxes históricos e míticos da Grecia clásica. Como o poeta Tirteo, Pondal concibe a súa poesía como un himno para soerguer o ánimo dos galegos na loita.
- Misticismo panteísta: A natureza ocupa un papel moi relevante (ás veces personificada); as árbores, o vento e as aves poden falar e escoitar (¿Que din os rumorosos...?).
Lingua e estilo de Pondal
Esforzouse por crear un rexistro culto, refinado e literario para o idioma. O seu estilo é solemne, grave e sobrio, caracterizado por:
- Uso abundantísimo de adxectivos correspondentes ás oposicións semánticas.
- Uso constante de epítetos e de frases feitas.
- Uso frecuente de elementos naturais como símbolos.
- Abundante emprego de topónimos e de antropónimos de resonancias célticas e heroicas.
- Presenza de cultismos do grego e do latín.
Manuel Curros Enríquez: O gran poeta cívico
Obra poética: Curros é a terceira gran figura do Rexurdimento literario. A súa actitude de compromiso con quen sufría os males do seu tempo convérteo no gran poeta cívico do XIX. Os ataques públicos e o procesamento por mor dos poemas de ton anticlerical en Aires da miña terra fixeron que a súa sona se espallase por toda Galiza, sendo o poeta máis coñecido popularmente, mesmo por riba de Rosalía.
Comezou co poema Cántiga (1869), seguido de Ben chegados (1873). A súa instalación plena no galego prodúcese en 1877. No Certame Literario de Ourense obtivo o primeiro premio con A Virxe do Cristal, Unha boda en Einibó e O gueiteiro. A súa consagración viría con Aires da miña terra (1880) e O divino sainete (1888).
Aires da miña terra (1880)
Poemas moi heteroxéneos (de 17 iniciais a 32 na terceira edición de 1886). Agrúpanse en:
- a) Poemas sociais ou cívicos: Defende o seu ideario progresista, democrático e galeguista, criticando os abusos de poder e a tiranía.
- b) Poemas intimistas e de circunstancias: Orixinados en acontecementos persoais ou familiares (Ben chegado, Ai, Na morte da miña nai).
O divino sainete (1888)
Longo poema satírico-burlesco que parodia a Divina Comedia de Dante. Curros pretendía:
- a) Facer unha crítica ás institucións de goberno, aos sectores reaccionarios e á Igrexa católica.
- b) Desenvolver unha defensa do Rexurdimento e da literatura galega autónoma.
- c) Satirizar inimigos persoais e ideolóxicos. O poema narra unha peregrinación a Roma con Manuel Añón, onde os vagóns representan os pecados capitais.
Liñas estéticas e ideolóxicas de Curros
- Progresismo: Defende as liberdades e os dereitos individuais fronte aos poderosos.
- Compromiso social: Misión ética de denunciar a inxustiza e ser a voz dos que non teñen voz.
- Anticlericalismo: Ataca a xerarquía eclesiástica por considerala imaxe da intolerancia e represora da liberdade de pensamento.
Curros experimentou unha evolución ideolóxica: de confiar no capitalismo para o progreso, pasou a combatelo ao ver que creaba novas desigualdades. De ver a emigración como solución, pasou a denunciala ao vivila en carne propia. Finalmente, sumouse ao rexionalismo galego, afirmando que "na unión dos bos galegos, está da Patria o porvir".