Teatro galego e normalización lingüística no século XX: vangardas, Nós e funcións do galego

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,58 KB

O teatro das vangardas

A todos os problemas que xa de por si tiña a produción dramática galega engadiuse nesta época outro máis: a represión que sufriu o teatro galego durante a ditadura de Primo de Rivera, que comezou en 1923. O principal autor de teatro vangardista foi Rafael Dieste, quen introduciu a dramaturxia galega na modernidade, evitando o tradicionalismo e o costumismo. Preocupouse pola estilización e achegou o teatro ás artes plásticas. Todo nas súas obras ten significado: os movementos, a luz, os decorados, as pausas... todos actúan como símbolos.

Escribiu obras breves como O drama do cabalo de axedrez e A fiestra valdeira (1927), comedia simbolista na que se expón o conflito entre un indiano que volve rico da emigración e a súa muller e a filla, que se avergonzan da orixe humilde do pai e o convencen para falsificala simbolicamente mediante un retrato que lle fan.

O teatro da época Nós

Elevaron o teatro galego ás cotas máis altas coñecidas ata entón. Vinculados ao nacionalismo e ao europeísmo, achegaron o xénero dramático a movementos modernistas como o simbolismo e o expresionismo. Procuraban seguir o modelo do «teatro da arte», que implicaba a estilización de todos os elementos: linguaxe, mímica, música, pintura, iluminación... sen esquecer elementos propios como o celtismo, o atlantismo e os modelos culturais de Portugal e Irlanda.

Autores e obras destacadas

  • Vicente Risco: autor dunha soa obra teatral, O bufón de El-Rei (1928), drama en catro pasos que se desenvolve na época medieval e no que reflexiona sobre a relación entre a deformidade física e a deformación moral.
  • Otero Pedrayo: neste primeiro terzo de século escribiu dúas obras de teatro: A lagarada (1929), traxedia que supuxo un paso de xigante na dramaturxia galega ao introducir digresións líricas e elementos fantásticos; e Teatro de máscaras (1975), conxunto de pezas de tendencia simbolista nas que repite motivos recorrentes na súa obra: fidalguía, progreso, morte, presenza do fabuloso e do irreal e referencia a culturas estranxeiras.
  • Castelao: comezou a escribir Os vellos non deben namorarse en 1931 e rematouna en 1939 mentres estaba en Nova York; ademais, non se estreou ata 1941 en Bos Aires, polo que hai que incluíla nunha etapa distinta.

As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos

A) As funcións sociais do galego

Como todas as linguas, o galego ten dous tipos de funcións sociais: as funcións identitarias e as funcións contextuais.

Función identitaria

O galego serve para indicar a identidade do seu usuario e a identidade que atribúe ao seu interlocutor, en relación á clase social, sexo, idade, grao de confianza, etc.

Función contextual

Ata hai pouco, o galego só se empregaba en contextos familiares e informais; pero, grazas á normalización, aumentou considerablemente a súa presenza en contornas formais do ámbito público (ensino, prensa, política) e nas institucións (universidades, concellos, Parlamento).

Historia da normativización. Interferencias e desviacións da norma

No mundo occidental, as linguas que pretenden ser vehículo de expresión da prensa, da ciencia, da filosofía, da literatura… deben contar cunha variedade lingüística uniformada, de uso fundamentalmente escrito, denominada estándar, que cumpre varias funcións:

  • Serve de modelo de referencia para a alfabetización.
  • Fortalece a conciencia de falar unha lingua diferente das outras.
  • Crea sentimento de unidade lingüística.
  • Aumenta o seu prestixio e posibilita o seu uso en calquera faceta social e cultural.

No caso do galego, os primeiros intentos de construción do estándar remóntanse ao século XIX, aínda que non se conseguiu plenamente ata finais do século XX, concretamente en 1982. Os escritores galegos do século XIX comezaron a escribir descoñecendo a existencia do galego medieval, de xeito que pensaban ser os primeiros cultivadores literarios do galego. Este descoñecemento e a falta de usos escritos contemporáneos implicaban a carencia dun modelo lingüístico a seguir e, polo tanto, dunha ortografía, dunha gramática e dun dicionario normativos.