Sociolingüística: Linguas Minorizadas e Normalización en Galicia
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,75 KB
Sociolingüística:
Linguas minorizadas e linguas minoritarias:
As linguas minorizadas son as que están en situación de desvantaxe ou desequilibrio con respecto a unha lingua dominante coa que comparten territorio. Moitas veces, estas linguas cualifícanse por defecto como minoritarias, equiparándose ambos termos. Non obstante, non é sempre así, senón que se dan casos de linguas minorizadas pero maioritarias. Ademais, o concepto de lingua minoritaria é relativo. Falamos, polo tanto, de dous conceptos distintos: minoritaria fronte a maioritaria por un lado, e minorizada fronte a dominante por outro.
Independentemente do seu número de falantes, cando unha lingua é minorizada recibe a presión da lingua dominante e, debido a esta presión, tenden a desaparecer ou marxinarse. Por iso, fálase dun conflito lingüístico e, co fin de superalo, cómpre poñer en marcha o que se coñece como proceso de normalización, que forma parte á súa vez dunha actuación social máis ampla denominada planificación lingüística, na cal están implicados cidadáns, institucións, administración e grupos sociais.
No caso de Galicia, o obxectivo é deter o proceso de substitución do galego polo castelán e recuperar a lingua propia de Galicia como lingua de uso cotián en todos os ámbitos. Isto implica unha normativización, que consiste nunha fixación dunha norma, é dicir, un modelo de lingua codificado, e a normalización, é dicir, a súa transmisión e uso e o aumento do número de falantes. Ambos os procesos están estreitamente relacionados.
Aínda que non constitúen o único axente normalizador, as institucións públicas teñen un papel determinante no proceso de normalización da lingua. A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como obxectivo a promoción da lingua galega na administración e na sociedade en xeral. Ademais, na Xunta, as deputacións provinciais e os concellos destinan unha pequena parte dos seus orzamentos á normalización da lingua. Desde que entrou en vigor a LNL en 1983, o proceso de planificación levado a cabo en Galicia non conseguiu deter a progresiva substitución do galego polo castelán, de xeito que o galego segue a perder falantes.
As actuacións centráronse en catro aspectos:
- A mellora da competencia en galego a través dos cursos de formación.
- A introdución do galego en espazos antes marxinados mediante a subvención e axudas con ese fin.
- O financiamento da Compañía de Radio Televisión de Galicia.
- Moitos esforzos no ensino.
Destes catro aspectos sinalados, o ensino constituíu un dos sectores prioritarios no proceso de revitalización social do galego e, de feito, o que acaparou maior número de orzamentos, pero os resultados non foron os esperados. Os principais defectos foron a falta de formación en planificación lingüística do persoal responsable, o incumprimento da normativa legal establecida e o inadecuado seguimento e valoración dos investimentos realizados. En contraste, o maior éxito radica na conquista de novos espazos para o galego, como o dos medios de comunicación, a administración ou a política, é dicir, un salto do uso privado ao público. Cómpre que as novas xeracións utilicen a lingua e que o fagan en todos os ámbitos da vida. Este é o principal reto e o máis difícil de conseguir no camiño da normalización.
Os axentes normalizadores non institucionais, ademais das iniciativas institucionais, tamén se crearon asociacións e organizacións como a Mesa pola Normalización Lingüística. Esta naceu en 1986 nun encontro en Compostela no que asistiron máis de 500 persoas interesadas e comprometidas coa lingua. Desde entón, desempeñou un importante labor que vai desde denuncias do incumprimento das leis lingüísticas ata campañas sociais diversas.
Durante máis de vinte anos levouse a cabo o proceso de normalización do galego sen a existencia dun plan xeral, isto é, sen contar cun documento onde se establezan os obxectivos, medidas e procedementos específicos de aplicación. O proceso de normalización viuse sometido a desorganización, improvisación e parcialidade, o que deu lugar a resultados claramente insuficientes. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega non se elaborou e aprobou ata marzo de 2004, pero a súa aplicación está aínda pendente na maioría dos ámbitos, a excepción dalgunhas medidas concretas.
Á parte do plan xeral, fixéronse plans destinados a institucións ou organismos concretos. Estes teñen catro fases: o diagnóstico, os principais problemas, os obxectivos específicos e as medidas de actuación a prol da lingua.