Literatura Galega: Hipergaleguismos, Lusismos e Xeración dos 80

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 11,75 KB

Hipergaleguismos: O Desexo de Crear unha Lingua Común Enxebre

O Fenómeno do Hiperenxebrismo

O desexo de crear unha lingua común enxebre, libre de interferencias do castelán, levou en ocasións a incorrer no hiperenxebrismo ou hipergaleguismo, isto é, a falsa galeguización de formas que coinciden en ambos os idiomas. En realidade, o hipergaleguismo constitúe en última instancia unha variante do castelanismo, xa que ten tamén como referencia o castelán, neste caso para se afastar del. Algúns hipergaleguismos perviven na actualidade. Na maioría dos casos substitúen cultismos e semicultismos galegos tras sometelos artificialmente ás mesmas evolucións etimolóxicas que sufriron as voces patrimoniais. Noutras ocasións establécese unha falsa regra de tres: se o castelán puerta ou viento se corresponden co galego porta e vento, pénsase que o castelán frecuente ou ingrediente se corresponde co galego freconte e ingredente. Outros exemplos son ambente, inconvinte, hourizonte...

Préstamos e Interferencias: Enriquecemento e Empobrecemento Léxico

As linguas adoitan incorporar no seu léxico termos procedentes doutras, que se coñecen por este motivo co nome de préstamos. Normalmente recórrese a eles para denominar realidades ou conceptos novos, para os que se toman prestadas as palabras da lingua onde se levou a cabo a descuberta, en lugar de inventar unha etiqueta nova en cada lingua. Cando se trata de linguas en proceso de normalización, os préstamos constitúen unha ferramenta fundamental para cubrir as lagoas léxicas que van xurdindo a medida que se conquistan novos espazos de uso. Nestes dous supostos, estamos ante préstamos necesarios ou aceptables; non obstante, tamén son moi habituais os préstamos innecesarios, é dicir, aqueles para cuxo significado si existe unha palabra propia na lingua receptora. Estes últimos denomínanse interferencias e son debidos á presión sociocultural dunha lingua dominante. De aí que na lingua galega a maior parte das interferencias procedan do castelán, aínda que nos últimos tempos son moitas tamén as que veñen do inglés. Por outra banda, dado o pasado do galego e o portugués, este considerábase a fonte fundamental para o arrequecemento do léxico culto, aínda que nalgúns casos atopamos tamén préstamos innecesarios desta lingua, denominados lusismos.

Lusismos: Unha Influencia Complexa na Lingua Galega

Os lusismos aparecen cando se recorre a termos do portugués para substituír formas lexítimas galegas. Poden ser de tres tipos: gráficos, morfolóxicos ou léxicos. Algunhas voces consideradas tradicionalmente lusismos hoxe en día son aceptadas no galego estándar, como até ou o sufixo -bel. Noutros casos incorporouse a forma portuguesa para eliminar un castelanismo.

A Xeración dos 80: Diversidade de Tendencias na Poesía Galega

Estética Formalista ou Culturalista

Aparece como a liña estética predominante nos 80. Nos autores relacionados con esta tendencia apréciase na década de 1990 unha evolución cara a outras fórmulas máis comunicativas e menos artificiosas.

Xavier Rodríguez Baixeras

A súa obra coñece unha etapa formalista -"Fentos no mar", "Lembranza do areal" e "Anos de viaxe"- caracterizada polo recurso ao metro clásico e polo papel que lle concede á memoria na indagación das propias vivencias. Xorden desta maneira versos nos que o pouso do tempo, a evocación de universos da infancia e da adolescencia ou a nostalxia sentimental cobran especial significación e relevo. Con "Visitantes", Baixeras abeirase ao narrativo e simbólico para apostar por unha viaxe iniciática e mítica que se prolonga noutros títulos posteriores, como por exemplo "Nadador", "Eclipse" ou "Pan da tarde".

Xosé María Álvarez Cáccamo

Mostra ao longo da súa dilatada obra poética un discurso dominado pola circularidade de dous grupos de poemas: os intimistas, os de referencias familiares, a paisaxe e a reflexión sobre a palabra poética, xa presentes no seu primeiro poemario "Praia das furnas", ao que lle seguen "Arquitecturas de cinza" e "Os documentos da sombra". Con "Luminoso lugar de abatemento", Álvarez Cáccamo decídese por unha poesía máis intimista, máis próxima ás propias vivencias. Esta liña prolóngase con "O lume branco" ou "Colección de espellos", incluíndo mesmo textos nos que renace a expresión combativa: "Os cadernos da ira", "Vocabulario das orixes", "Depósito natural" ou "Vilar dos fillos".

Xavier Seoane

Manifesta no seu traballo poético unha boa dose de experimentalismo e creación, compartida nun primeiro momento con outros escritores como Raúl Reguera e Manuel Rivas: "Poesía experimental", "Anisia e outras sombras". No resto da súa produción, desde "Iniciación e regreso" e "O canto da terra" o escritor desenvolve unha poética centrada no amor e na terra nun marco de harmonía e vitalismo.

Xesús Manuel López Valcárcel

A través do hermetismo artella unha viaxe existencial, recollida en "En voz baixa". En 1988 publica "Rosa clandestina", premio Leliadoura. E máis tarde "Casa última", obra galardoada co premio da crítica pola súa radical vivencia da desposesión.

Claudio Rodríguez Fer

A crítica observa dous ciclos na obra deste poeta. O primeiro aséntase sobre os eixes da poesía erótica, a preocupación por Galicia e a reflexión metaliteraria. Toda a poesía deste ciclo recolleuse en "Vulva". O segundo ciclo presenta unha fasquía rupturista tanto na presentación formal dos libros como na simbiose de texto e imaxes cun marcado carácter culturalista. Entre as últimas achegas están "Rastros de vida e poesía", "Moito máis que mil anos", "A loita continúa" e "Ámote vermella".

Ramiro Fonte

Inicia con "As cidades de nada" unha poesía presidida polo coidado formal e as referencias culturalistas asentadas sobre a nostalxia e a melancolía proxectadas na paisaxe. Non obstante, no caso de Fonte, o poeta sitúa tamén as ditas referencias como episodios da propia experiencia persoal, como elementos vividos intimamente e que acaban por formar parte do propio eu poético que establece un diálogo intenso con ese singular cosmos que o rodea. Tal proceder ocupa os versos de poemarios como "Pensar na tempestade", "Pasa un segredo" ou "Adeus norte". Con "Luz de mediodía" cambia o rumbo, explorando novas fórmulas expresivas, máis evidente nos derradeiros libros: "O cazador de libros", "Capitán Inverno", "A roncha dos proscritos" ou o póstumo "Reversos".

Miguel Anxo Fernán-Vello

A súa obra poética aparece en "Trópico de luas". Trátase dunha poesía que presenta certa unidade temática e preocupación formal. Logo da publicación de "As certezas do clima" péchase este discurso para entrar nunha nova experiencia cosmovisionaria. As últimas achegas constitúenas poesías de índole reflexiva que pretenden ser unha voz de alarma no lector. Nesta obra do transcendente vai a última obra: "Dicionario do estremecemento".

Manuel Forcadela

Quizais sexa un dos autores máis representativos da estética formalista nos seus elementos culturalistas e cosmopolizantes. Nos versos de Forcadela destaca especialmente a musicalidade, a riqueza e máis o cromatismo das imaxes. En "Ferida acústica de río" o preciosismo verbal, o diálogo intertextual e as referencias literarias serven para recrear ambientes íntimos e decadentes. Semellantes escenarios volverán aparecer aínda en "O regreso das ninfas" e "O varredor en outono". O requintamento cromático e a presenza/distanciamento íntimo segue presente, polo demais, en títulos posteriores como "Morte do fadista", "Refutación da musa", "Lámpada e medusa" ou "Música de cinza".

Roman Raña

Sitúase na mesma coordenada estética ca Manuel Forcadela. Na súa poesía abundan os temas universais, tratados con gran rigor formal, musicalidade e tendencia aos metros clásicos en "Nas areas doutro mar", "Extramuros da noite" ou "Da muda primavera". Non obstante, coa aparición de "As metamorfoses do túnel" e logo con "Zen invernos", Raña parece inclinarse por unha lírica máis reflexiva que regresa ao eu poético e na cal, á beira do esteticismo e das referencias culturalistas, xorden as vivencias persoais, a dor polas presenzas da morte ou a crónica do desamor.

Eusebio Lorenzo Baleirón

A súa obra preséntase a cabalo entre a poesía formalista e a poesía de aprendizaxe das propias circunstancias biográficas. Cun corte clásico e decadente, libros como "O corpo e as sombras" e "Os días olvidados" abordan a reflexión metaliteraria e os temas intimistas como o amor, o paso do tempo e a morte. Esta última constitúe a presenza viva no seu acontecer biográfico, como evidencia o volume póstumo "A morte presentida".

A Poesía da Experiencia

Manuel Rivas

A identificación coa terra e a paisaxe vai cobrar unha dimensión social na súa poesía. "Balada nas praias do oeste" e "Mohicania" reafírmanse nesta poética, que cobrará unha expresión máis sinxela que "Ningún cisne", "Costa da morte blues". A súa obra poética está agrupada no volume "Do descoñecido ao descoñecido".

Cesáreo Sánchez Iglesias

Aposta por unha reforma sinxela, que rexeita a narratividade e o verso longo e gaña en capacidade evocativa. É característica da súa escrita a profusión de símbolos, na maior parte plurisignificativos. "Escrita luz" é unha antoloxía persoal que lle ofrece ao lector unha explicación do seu proceso creativo e poético.

O Experimentalismo

Trátase dunha tendencia que arrinca na segunda metade da década dos setenta. Entre os autores destacan:

Manuel Vilanova

As primeiras obras "E direi-vos eu do mister das cobras" e "A lenda das árbores de prata" son libros que se articulan sobre símbolos para marcar unha poesía rupturista sen rexeitar a tradición, dirección que volveremos atopar en "A esmeralda branca".

Víctor Vaqueiro

Aposta desde o seu primeiro libro "Lideiras antre a paisaxe" por unha renovación da linguaxe poética que a partir de "Informe da gavilla" hase de centrar na recreación culturalista dos mitos clásicos e no diálogo coas artes plásticas sen renunciar a unha forte vocación experimental. Posteriormente publicou "A fraga prateada", "A cámara de néboa" e "Traxectorias".

Vicente Araguas

Os temas que forman parte do seu universo poético participan das propostas anteriores. Na súa antoloxía "Billarda" hai que destacar tres libros tanto pola súa temática amorosa como por unha clara aposta de signo renovador: "Paisaxe de Glasgow", "Ás veces en domingo abonda coa tenrura" e "O gato branco". Á experimentación formal habería que sumarlle "Xuvia" e "Caleidoscopio" a presenza dunha linguaxe cotiá que adquire novas formulacións grazas ao contexto no que se sitúan as imaxes. En "Maneiras de querer", un volume que presenta a súa obra completa, fúndense con sorprendente habilidade o erotismo, a melancolía e a experiencia.