A Lingua Galega no Século XIX: Rexurdimento e Evolución

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,13 KB

A Situación Lingüística no Século XIX

A situación lingüística en Galicia no século XIX é a mesma que a dos séculos anteriores, co galego como lingua falada pola maioría da poboación e o castelán gañando terreo entre a fidalguía e a burguesía. Hai un aumento progresivo da castelanización debido a:

  • Incremento da poboación urbana.
  • A promoción social ía unida ao emprego do castelán.
  • No ensino esténdese a homoxeneización cultural e lingüística.

É dicir, afiánzase a diglosia: sobrevaloración da lingua das clases dominantes (o castelán) e infravaloración da lingua das clases dominadas (o galego).

O Rexurdimento Galego: Recuperación e Fitos

A pesar desta situación diglósica, o século XIX significa para Galicia o inicio da recuperación histórica, cultural e literaria, como resultado da toma de conciencia nacional dunha minoría sensibilizada da pequena burguesía e da clase media de procedencia rural que ve no idioma o elemento definidor das peculiaridades nacionais, fronte ao centralismo negador da personalidade galega.

Precedentes e Movemento Provincialista

Nas primeiras décadas (1800-1830) temos os precedentes do Rexurdimento co uso do galego en publicacións sobre a Guerra da Independencia e escritos sobre a situación política (disputas entre conservadores e liberais). A mediados de século nace o movemento provincialista (1840-1868) impulsado por intelectuais (coñecidos como Precursores do Rexurdimento) que reaccionan en contra da uniformización cultural e lingüística e demandan o recoñecemento da singularidade de Galicia.

Fitos Culturais do Rexurdimento Pleno

Datas destacadas deste período no eido cultural son:

  • 1853: Xoán M. Pintos publica A Gaita Gallega, obra na que fai unha defensa da lingua galega.
  • 1863: Rosalía de Castro publica Cantares Gallegos, convertido nun fito da historia da literatura galega e da historia da lingua galega. Con esta obra iníciase o Rexurdimento pleno.

O Movemento Rexionalista e a Prensa

Cara aos anos 80, os galeguistas reagrúpanse no movemento rexionalista, reiniciando a estratexia cultural, que busca a consolidación da poesía lírica e a demostración da validez da lingua galega noutros xéneros literarios. O ano 1880 supón outra data histórica, xa que se publican:

  • Aires da miña terra, de M. Curros Enríquez.
  • Follas Novas, de Rosalía.
  • Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares (primeira novela galega).

Tamén destaca a prensa con publicacións periódicas escritas en galego, como O Tío Marco da Portela, O Galiciano e A Monteira.

Evolución da Lingua Escrita no Rexurdimento

Os autores do século XIX van asumindo a conciencia de que o galego é un idioma tan apto como o castelán para a súa utilización na literatura; non obstante, non é un idioma normalizado nin normativizado. O crecente emprego do galego como lingua literaria fai sentir a necesidade de instrumentos auxiliares como gramáticas e dicionarios.

Instrumentos Auxiliares: Gramáticas e Dicionarios

Gramáticas Destacadas

Á parte de A Gaita Gallega (1853), que en certo modo era un manual de iniciación ao galego, temos:

  • Compendio de Gramática gallego-castellana (1864), de Francisco de Mirás.
  • Gramática Gallega (1868), de J.A. Saco e Arce, a máis completa e rigorosa da época.

Dicionarios Pioneiros

Os primeiros dicionarios son:

  • Diccionario Gallego-Castellano (1865), de F. J. Rodríguez.
  • Os de Juan Cuveiro (1876).
  • O de Marcial Valladares (1884).

Sempre co castelán como referencia. Vanse fixando os criterios para a formación do galego estándar e para a constitución dunha tradición escrita, aínda contando cunha eiva esencial: o descoñecemento da valiosísima literatura medieval.

Etapas da Escrita Galega no Século XIX

Podemos distinguir dúas etapas na evolución da escrita neste século:

  1. Etapa Dialectal:
    • Os escritores escriben como falan ou como se fala na súa comarca.
    • Ao recorrer á lingua popular, son frecuentes os vulgarismos e, en menor medida, os castelanismos.
    • Na ortografía recórrese ao castelán, lingua na que eses escritores aprenderon a escribir, o que presenta problemas de representación dos fonemas distintos.
  2. Etapa Interdialectal:

    Os escritores descobren un galego máis amplo e enriquecen a lingua ao usar variedades dialectais doutras zonas, aínda que seguen camiños diferentes:

    • M. Curros Enríquez aproxímase ao galego coloquial, aínda que evitando vacilacións e castelanismos.
    • Eduardo Pondal bota man dos cultismos latinos e gregos e achégase ao portugués.