Historia do Teatro Galego: De Nós ao Século XXI
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 12,27 KB
ANTON VILLAR PONTE
Antón Villar Ponte, cuxa obra teatral máis destacada foi Os evanxeos da risa absoluta, trata dunha obra inspirada no teatro irlandés de Yeats, así como nos esperpentos valleinclanescos, e que constitúe un esforzo ambicioso e con novidade por parte do autor, se ben carece de verdadeiras tensión e acción dramáticas.
O TEATRO DO GRUPO NÓS
Os membros do Grupo Nós non destacan no tocante ao número de pezas escritas. Ademais, existen importantes desfasamentos cronolóxicos entre a data de elaboración dos textos, a súa posta en escena e a proxección no percorrido do noso teatro. Os autores máis importantes son Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Castelao.
RISCO
Risco foi o primeiro en presentar unha peza teatral, O bufón d'El-Rei, editada en 1928 e estreada en Bos Aires en 1933. Trátase dun drama de carácter tráxico, con elementos de lenda, e que se inscribe esteticamente dentro do simbolismo.
OTERO PEDRAYO
Otero Pedrayo é o autor do grupo que máis contribuíu cun maior número de pezas á nosa dramaturxia, por máis que as súas obras só chegasen aos escenarios en épocas recentes. Así aparece A lagarada, unha farsa tráxica na que se mesturan as escenas realistas con outras de carácter fantástico e forte contido simbólico. En 1934 escribiu un conxunto de dezaseis pezas breves que só apareceron publicadas en 1975 baixo o título de Teatro de máscaras. Cómpre sumarlle outros títulos como O desengano do priorio ou Rosalía. En todas as súas obras aparece como o membro do grupo que demostra unha concepción teatral máis experimental, con elementos procedentes da estética das vangardas.
CASTELAO
Castelao achéganos unha obra máis profunda, tanto que Os vellos non deben namorarse constitúe o texto teatral máis emblemático na historia da dramaturxia en lingua galega.
O LABOR DOS NOVOS
Referímonos a un conxunto de autores nados entre finais do século XIX e comezos do XX, cuxas características comúns son: conformar o grupo dos de menor idade de entre os escritores e artistas galeguistas que levan adiante a súa obra entre 1900-1936 e, doutra banda, o feito de manter unha relación próxima coas vangardas históricas. Non obstante, con respecto a isto último, cómpre sinalar que o teatro que escribiron dista aínda da rotundidade dos ismos. As características do espazo no que se move a cultura galega provocaron que mesmo os autores máis novos se decidisEn por un esforzo de renovación "controlada" de vangarda "enxebre" similar á que presentan os membros do Grupo Nós ou Antón Villar Ponte.
Xaime Quintanilla
Xaime Quintanilla fixo Donosiña. Así mesmo, é autor de Alén, obra que, procurando a universalidade preconizada polos teóricos da renovación do noso teatro, sitúa a acción na cidade de Nova York.
Rafael Dieste
Rafael Dieste é o autor doutro dos textos máis significativos, A fiestra valdeira, presentada como comedia de remate ledo en tres lances. Malia que a ambientación e máis a conduta dos personaxes remiten ao naturalismo, a presenza dos cadros concédelle unha evidente faceta simbolista que conclúe nun final inzado dun elemental idealismo.
A POSGUERRA. O TEATRO DO EXILIO
Durante a década dos corenta, a presenza do teatro galego dentro da propia Galicia viuse reducida apenas ás representacións que levaban a cabo as agrupacións folclóricas. Tratábase, polo tanto, de poñer en escena pezas de carácter costumista, que transcorresen en ambientes rurais e que amosasen tipos e costumes pintorescos. Mentres, Bos Aires aparecía ao lonxe como a única posibilidade para manter unha actividade teatral digna en lingua galega. Alí fundouse en 1938 a Compañía Galega Maruxa Villanueva, dirixida polo autor, director e actor Manuel Varela, que ademais de estrear todas as súas obras, estreou Os vellos non deben namorarse.
Manuel Varela Buxán
Manuel Varela Buxán é un dos máis prolíficos creadores do exilio. A pesar de que a súa labor está relacionada co teatro costumista, e tamén coa dramaturxia rexionalista, foi quen de ofrecer textos de certa calidade como é o caso de O ferreiro de Santán, Taberna sen dono ou A xustiza dun muiñeiro.
Blanco Amor
Blanco Amor con Farsa para títeres. Unha segunda entrega, constituída polas obras incluídas baixo a epígrafe de Teatro para a xente, conecta coa tradición do teatro popular e ruralista na liña de procurar un espectáculo dirixido á xente do común. Por último apareceu Proceso en Jacobusland, que ofrece un texto de crítica social a través de fórmulas que conectan co esperpento.
Luis Seoane
Luis Seoane terá unha obra onde se rexistren propostas máis audaces, con relación á escena europea do momento. A recreación do drama histórico permítelle a Seoane situar no pasado os problemas que se están a vivir no tempo presente, tal é o caso que podemos ver en A soldadeira, cuxa acción transcorre durante a revolta dos irmandiños.
OS ANOS 50: A DRAMÁTICA SILENCIADA
A finais dos corenta comezaron a abandonarse as representacións de carácter costumista. A partir de agora, dentro das obras que xorden na década dos cincuenta, podemos distinguir dúas liñas esenciais:
- Continuación do teatro de preguerra.
- Creación de fórmulas que enlazan os intentos de renovación de antes da Guerra Civil co esforzo das novas promocións do teatro independente.
Carballo Calero
Carballo Calero, que ten o conxunto da súa produción reunida en Teatro completo, comezou a desenvolverse antes da Guerra Civil, tal é o caso de O fillo en 1935. Xa en 1963 tirou do prelo A farsa das zocas, situada na liña de aplicar as técnicas da farsa que traballaron Otero Pedrayo e Castelao. Posteriormente deu a coñecer O auto do prisioneiro e, sobre todo, Os xefes, considerada a súa mellor obra.
Jenaro Mariñas del Valle
Jenaro Mariñas del Valle é un autor verdadeiramente exemplificador das enormes dificultades que atoparon a creación dramática e máis o teatro en galego, tendo en conta que practicamente non existe ningunha coincidencia entre a data de redacción dos textos coa súa publicación e escenificación. Baixo o título xenérico de A revolta e outras farsas, publicou un conxunto de pezas entre as que se inclúe A serpe. Xa na década dos 60, levou adiante unha serie de fórmulas que o levaron a considerar o verdadeiro iniciador do teatro social, algo que se reflicte en A revolta, Loucura e morte de peregrino ou Dúas pezas de teatro inerte: Os ausentes e No palleiro. Finalmente, en Ramo cativo, o autor volve enraizar co teatro popular, asociando elementos valleinclanescos na descrición dunha Galicia rural e bárbara.
Álvaro Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro tivo en 1959 na Coruña a presentación de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, no que Cunqueiro aparece como o autor dunha das obras máis destacadas na historia da nosa dramaturxia. Partindo da mitoloxía escandinava e efectuando unha concentración con respecto ao Hamlet de Shakespeare, Cunqueiro escribe unha peza cuxa orixinalidade reside en dous apartados esenciais:
- Afonda na enigmática personalidade do príncipe de Dinamarca, sitúa a este como fillo do rei Halmar e, ao tempo, convérteo no obxectivo dos desexos sexuais da raíña Gerda, coa que se establece unha relación edípica.
- Efectuando unha redución no tempo e nos personaxes, a obra acada unha nova dimensión formal.
Ademais de Don Hamlet, Cunqueiro é tamén autor de A noite vai coma un río, estruturada nun prólogo, dúas xornadas e un epílogo; presenta un forte carácter lírico que entronca co teatro que explora a potencialidade dos mitos e as dimensións e límites da propia condición humana.
OS ANOS 60: O TEATRO INDEPENDENTE
Será a partir do 1963 cando a revista Grial comece a dar a luz con certa frecuencia textos dramáticos. Polo que se refire a actividades teatrais propiamente ditas, 1965 constitúe unha data esencial. Nese ano ten lugar na Coruña a fundación do grupo teatral O Facho, organizado na sociedade cultural do mesmo nome, e dirixido por Manuel Lourenzo. Dous anos máis tarde Lourenzo funda tamén na Coruña o Teatro Circo. Este novo grupo estreará obras de autores clásicos e tamén do propio Manuel Lourenzo.
Todos estes feitos significan a constitución en Galicia do que se vén denominando como a xeira do "teatro independente", unha formulación que está enmarcada dentro do conxunto de novas formas de expresión dramática que aparecen en toda España ao longo das décadas dos 60 e 70.
Daniel Cortezón
Entre o conxunto de autores máis destacados que inician o seu traballo na década de 1960 temos que citar a Daniel Cortezón, quen iniciou o seu labor coa publicación do drama Nicolás Flamel. Xa en 1970 inicia unha andaina de dramaturgo-historiador coa publicación de Prisciliano, ao que seguirán Os irmandiños e Pedro Madruga.
Manuel María
Manuel María, quen se dera a coñecer en 1957 con Auto do taberneiro, publica en 1961 Auto do labrego e Auto do mariñeiro, en ambas leva a cabo un teatro poético, sen acción. En 1968 dá a coñecer a súa primeira farsa, Barriga verde, coa que vai incidir nunha concepción do teatro popular e reivindicativo utilizando o escenario como unha arma de axitación e propaganda sociopolítica. En 1973 resulta vencedor do I Certame Abrente con O meu mundo non é deste reino, onde o autor parodia o discurso político da ditadura e os personaxes todopoderosos aparecen transformados en monicreques. Tamén escribiu Unha vez foi o trebón e A lúa vai encoberta.
AS MOSTRAS DE RIBADAVIA E O GRUPO ABRENTE
En maio de 1973 é convocada en Ribadavia a I Mostra e o I Certame Abrente de Teatro Galego. Participaron un total de 7 grupos na primeira edición. Os premios foron para Zardigot de Euloxio Ruibal, Farsa de Bululú ou O meu mundo non é deste reino de Manuel María.
Desde 1973 a 1980 as mostras celebradas significaron unha verdadeira inxección de vitalidade para a escena teatral galega, tan só comparable á que produciron no seu día as Irmandades da Fala. Arredor das mostras aparece o denominado Grupo Abrente, que se trata do primeiro conxunto de dramaturgos galegos aos que hai que atribuírlles unha concepción profesional do teatro galego.
Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo procura reflectir a denuncia do presente mediante a recreación da mitoloxía grecolatina. Aparece recollida en O perfil do crepúsculo, aínda que destaca máis Forno de teatro fantástico. Próximo ao teatro experimental é o que se deu a chamar ciclo de teatro urxente ou mínimo. Destaca Veladas indecentes, e xa no novo milenio publica Insomnes.
Euloxio Ruibal
Euloxio Ruibal ofrece distintas etapas. A visión esgazada e cruel das primeiras obras, destaca O cabodano. Séguelle unha etapa de madurez, máis sobria, tingida de ironía, cando denuncia os métodos mafiosos de certos persoeiros, destaca Azos de esguello, ou cando nos quere alertar da política medioambiental, destaca Maremia. Outros títulos son: O son da buguina ou Minimalia. 20 pezas de teatro breve.
Roberto Vidal Bolaño
Roberto Vidal Bolaño ten unha crítica social nos primeiros textos, de inspiración popular e compoñente simbólica, faise evidente en Laudamuco, señor de ningures e Ladaíñas pola morte do Meco. Outras obras a destacar son tamén Cochos, Saxo tenor, Días sen gloria e Doentes.