Séculos Escuros e Rexurdimento: Historia da Lingua e Literatura Galega
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 11,35 KB
Séculos Escuros: O Contexto Histórico
A marxinación política e o empobrecemento de Galicia fixeron que o galego quedase fóra do poder e da cultura. Factores que orixinaron o declive de Galicia:
- A guerra entre Pedro I e Henrique de Trastámara, que provocou unha inestabilidade social.
- O fracaso das revoltas antinobiliarias dos Irmandiños no século XV, que supuxo a eliminación da burguesía galega.
- A loita entre Isabel a Católica e Xoana a Beltranexa, na que gañou Isabel a Católica. Este proceso dividiuse en varias etapas:
- Represión dos nobres que apoiaron ao bando perdedor.
- Substitución das clases dirixentes da Igrexa galega e reforma dos mosteiros.
- Implantación de novas institucións de goberno ao servizo da monarquía centralizada.
- Retirada do dereito a voto nas Cortes.
- As guerras nas que se viu inmersa a Coroa.
- A política centralista da dinastía borbónica no século XVIII, que levou a cabo unha fonda reforma administrativa.
Consecuencias Lingüísticas do Galego
O galego quedou relegado a unha lingua das clases populares, con importantes consecuencias:
- O galego non se conformou como lingua de Estado.
- Despois do Concilio de Trento, a Igrexa galega adoptou o castelán para explicar os textos sagrados.
- A universidade empregaba o latín e o castelán.
- O galego non participou no vocabulario da administración.
- A lingua literaria quedou fóra das innovacións léxicas e sintácticas.
- O galego non tivo dicionarios nin gramáticas.
- Introducíronse castelanismos.
- Castelanizáronse os topónimos e antropónimos.
- Minusvalorouse o galego.
Primeiros Síntomas de Decadencia e a Escola Galego-Castelá
- Desaparición dos reis e nobres protectores de trobadores e xograres.
- Difusión dunha nova poesía de influencia italiana.
- Consolidación dos estados de Castela e Portugal.
- Nacemento da burguesía, que tiña diferentes gustos literarios.
Na escola galego-castelá destacan:
- Macías o Namorado
Destaca no campo da lenda, e os seus poemas acadaron moita popularidade.
- Afonso Álvarez de Villasandino
Foi o máis fecundo e hábil poeta. Trataba temas amorosos, relixiosos e doutrinais.
- Arcediago de Toro
Foi o primeiro en utilizar o verso de arte maior na Península Ibérica.
A Literatura Galega nos Séculos XVI e XVII
Moitas das manifestacións de prosa popular que hoxe conservamos teñen orixe nestes séculos. A produción literaria desta época é fragmentaria e está escrita en verso.
Destacan a poesía de carácter culto e de carácter popular.
- Carácter culto
Coñécense poucos autores, pero pertencen á nobreza galega, á Igrexa, á administración, etc.
Da influencia renacentista destaca o anónimo Soneto de Monterrei, e da barroca dous sonetos: Soneto con falda e Respice finem, que tratan os tópicos da fugacidade da vida e da morte.
Cultas, pero de carácter popular, son as Décimas do Apóstolo Santiago, que ocasionaron unha polémica xurdida co intento de proclamar a Santa Tareixa de Ávila como patroa de España.
Os nove romances conservados das Festas Minervais son reveladores do estado de prosaización da lingua.
- Carácter popular
Sobreviviu transmitida oralmente e basease en tres temas:
- O do Mariscal Pardo de Cela.
- O histórico, que constaba de saqueos, etc.
- O tradicional, con cantigas de traballo, de romaría, etc.
- Panxoliñas de Nadal
Era tradicional cantarlle aos Reis e por Nadal panxoliñas en galego. Presentan unha galeguización do nacemento de Cristo.
A Lenta Recuperación do Galego no Século XVIII
Os ilustrados comezaron uns estudos lexicolóxicos sobre o galego. Tamén lles debemos a recuperación da literatura popular; recolleron refráns, cantigas, etc. Destacan:
- Frei Martín Sarmiento
Preocupouse pola promoción social e económica de Galicia, así como pola defensa da súa cultura e lingua. Sorprenden as súas reflexións sobre:
- Ensino do galego e ensino en galego.
- Os funcionarios e o clero deben coñecer a lingua de Galicia.
- Necesidade de acabar coa minusvaloración do galego.
- Elaboración dun galego culto e estándar.
- Plácido e Anselmo Feixoo
Deixáronnos poemas en galego publicados en Madrid nun volume colectivo.
- Xosé Andrés Cornide Saavedra
Ten tres poemas en galego. O soneto prerromántico A Filida foi un exemplo do que puido ser a literatura galega se non sufrise esa decadencia.
- Diego Antonio Cernadas e Castro
Foi un poeta moi popular no seu tempo. Nas súas obras, ademais dunha continua loanza a Galicia e ao mundo rural, combate a mala imaxe e os insultos á nosa terra.
- Padre Feixoo
Escribiu unha serie de ensaios baixo o título Teatro Crítico Universal, considerada a obra cume da Ilustración en castelán. Neles abordou materias moi diversas. Xa daquela defendeu a idea da igualdade entre o home e a muller, expuxo as vantaxes da lectura, repudiou a tortura e denunciou a rapina española na conquista de América. Respecto ao galego, deixou ben sentado e demostrado que o noso idioma procedía do latín e que ademais formaba unidade co portugués.
O Rexurdimento Galego
A Evolución do Pensamento Galeguista
- O provincialismo foi un movemento político e cultural que consideraba a Galicia como unha soa provincia.
- O federalismo perseguiu a mobilización das clases medias para reclamar os seus dereitos e mellorar a súa situación económica.
- O rexionalismo foi un movemento político que defendía as súas peculiaridades culturais e reclamaba maior descentralización administrativa.
- O nacionalismo comezou coa creación das Irmandades da Fala. Os nacionalistas reivindicaban unha autonomía integral para Galicia dentro dun Estado federal. O seu maior logro foi a aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936.
A Literatura Galega na Primeira Metade do Século XIX
Nos primeiros anos do século houbo unha grande axitación política e social motivada pola invasión francesa. Esta situación favoreceu a aparición dunha literatura de circunstancias de carácter propagandístico ou de intención didáctica.
- Escritos contra a invasión francesa
Apareceron textos de propaganda antifrancesa para mobilizar o pobo contra a invasión dos exércitos de Napoleón. Estaban escritos en galego para facilitar a súa comprensión e incrementar a emotividade da mensaxe. Destacan Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento e Proezas de Galicia.
- Escritos de propaganda ideolóxica
Expulsados os franceses, floreceu un liberalismo que deu orixe a algúns escritos para combater a ignorancia na que se atopaba o pobo. Tamén gozaron de certa importancia os escritos satíricos en forma de diálogo ou tertulia. Eran personaxes populares que opinaban sobre temas da política e da situación social do momento.
- As panxoliñas de Nadal
Santiago e Mondoñedo continúan esa tradición de cantarlle en galego ao Neno durante o século XIX e primeiros anos do XX. As panxoliñas da catedral de Mondoñedo presentan unha galeguización máis completa do texto e unha maior riqueza léxica.
Primeiros Textos de Valor Literario
Aparecen uns primeiros textos de maior valor literario.
- Nicomedes Pastor Díaz
Foi o primeiro escritor que utilizou o galego na poesía moderna. Combina trazos da literatura neoclásica con aspectos que se repetirán en toda a lírica galega do século XIX.
- Tamén destaca A Casamenteira, que é unha obra de intención didáctica, que se desenvolve nun ambiente rural e trata o tema dos matrimonios amañados.
O Rexurdimento: Recuperación da Cultura Galega
É o movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas. Consolidouse un sistema literario galego autónomo e publicáronse obras significativas.
Períodos do Rexurdimento
Período Precursor
Engloba autores anteriores a 1863, ano da publicación de Cantares Gallegos.Rexurdimento Pleno
Coinciden tres grandes escritores: Rosalía, Curros e Pondal.Período Finisecular
Corresponde co declive dos temas cultivados polos grandes mestres da etapa anterior.
Obxectivos e principais iniciativas do Rexurdimento
- Cambio da consideración negativa do galego e a ampliación das súas funcións sociais.
- Estudo, depuración e perfeccionamento da lingua co fin de conseguir un galego culto.
- Recuperación do pasado histórico de Galicia.
- Reivindicación da singularidade de Galicia e do galego.
Os historiadores desempeñaron un papel moi destacado na difusión do pensamento galeguista. Andrés Martínez Salazar fundou a Biblioteca Galega onde se publicaron moitos documentos históricos inéditos.
A preocupación polo estudo da lingua deu lugar a gramáticas e dicionarios galegos. Francisco Mirás publicou a primeira gramática galega, e o primeiro dicionario foi de Francisco Xavier Rodríguez.
A actividade editorial reflectiuse na fundación de editoriais e na edición de xornais, revistas, etc.
Os coros e os orfeóns non só axudaron a rescatar e difundir as cantigas musicais, senón tamén a divulgar outras composicións de carácter culto.
Os Precursores do Rexurdimento
Son autores que participaron ou simpatizaron co movemento provincialista e usaron o galego antes da aparición de Cantares Gallegos.
- Vicente Turnes
Escribiu panxoliñas e poemas de carácter áulico relacionados con festexos da casa real española.
- Xosé Manuel Pintos
Escribiu o primeiro libro importante da literatura galega contemporánea, A Gaita Galega, onde se mesturan textos didácticos, diálogos en verso e prosa, e destaca pola riqueza do seu léxico e pola enxebreza da súa sintaxe.
- Francisco Añón
Está vinculado ao movemento provincialista. Na súa produción poética hai composicións de tipo costumista, de circunstancias e de carácter bucólico. Destacan A Pantasma, A Leiteira, etc.
- Alberto Camino
Foi un dos precursores máis próximos a Cantares Gallegos. Escribiu poemas de carácter romántico, elexíaco, costumistas e de circunstancias.
- Marcial Valladares
Autor da primeira novela en galego, Maxina ou A Filla Espúrea. Tamén escribiu poemas de tipo intimista, didáctico e costumista.