Curros Enríquez: Análise de 'Aires da miña terra' e 'O Divino Sainete'
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,05 KB
Aires da miña terra (1880)
Aires da miña terra (1880) está formado por un conxunto de poemas moi heteroxéneos, encadrados entre unha "Introdución", que ten por obxecto xustificar o emprego do galego, e unha "Encomenda final", que serve para deixar asentado o compromiso cívico do autor. Desde un punto de vista temático, os poemas deste libro poden agruparse en:
Poemas Cívicos ou sociais
Constitúen o grupo fundamental do libro e son os que recollen os aspectos básicos do seu ideario progresista, democrático e galeguista, con críticas á sociedade do seu tempo. Denuncian a tiranía, o fanatismo relixioso e os privilexios da Igrexa, as penosas condicións dos labradores galegos, a ignorancia, a pena de morte, os abusos do poder, as levas dos quintos...
Poemas intimistas e de circunstancia
Expresan a súa anguria e soidade ou reflicten algún acontecemento persoal e familiar ou algunha desgraza da vida do autor. "Ben chegado" escribiuno con motivo do nacemento do seu primeiro fillo, Abelardo; "¡Ai!" cando lle morreu o seu segundo fillo, Leopoldo; aos que hai que engadir o poema elexíaco en que chorou a morte da súa nai.
Poemas costumistas
"A Virxe de Cristal", "Unha voda en Einibó" e "O gueiteiro de Penalta". Están ao comezo do libro tras o titulado "Introdución" e, segundo as bases do concurso, versifican unha lenda, un costume e un tipo populares.
O Divino Sainete
O Divino Sainete é un longo poema narrativo, en tercetos octosílabos, de carácter satírico-burlesco. Trátase dunha utilización paródica do molde temático e formal dunha das obras cumes da literatura occidental, a Divina Comedia, de Dante Alighieri. Así como nesta obra Dante é guiado polo poeta Virxilio na súa viaxe ao mundo de ultratumba, Curros é guiado polo poeta precursor Añón na súa peregrinación a Roma, con motivo do xubileu decretado polo papa León XIII (1877).
Servíndose desta imaxinaria viaxe nun tren de sete vagóns que simbolizan os sete pecados capitais, Curros pretende conseguir tres obxectivos fundamentais:
- Facer unha crítica da Igrexa católica, das institucións do goberno e dos sectores máis reaccionarios da sociedade.
- Expoñer unha defensa do Rexurdimento e das súas principais figuras, reivindicando a necesidade dunha literatura galega autónoma, ao servizo do país.
- Satirizar determinados inimigos persoais, ideolóxicos e literarios que impulsaran o proceso contra el cando a publicación de Aires da miña terra, e a escritora Emilia Pardo Bazán, pouco simpatizante da obra de Rosalía e do Rexurdimento.
A obra móstranos un mundo alegórico, cheo de inmoralidade e podremia, que, por contraste, debe motivar o lector para loitar por unha sociedade máis xusta e solidaria. A finalidade moral faise explícita no remate do texto cando, na comida co Papa, Añón e Curros pídenlle que a Igrexa renuncie ás súas riquezas e regrese a unha auténtica vida espiritual. O Papa promete facelo. Mais Curros, desconfía.