Rexurdimento: Historia da Lingua Galega
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,62 KB
O Rexurdimento Literario
Nesta época, o galego segue sendo a lingua da maioría da poboación, pero o proceso de imposición do castelán vaise estendendo ás clases medias e ás cidades. O castelán era a única que gozaba de prestixio social. O castelán era a lingua culta e o seu coñecemento facíase imprescindible se se quería progresar socialmente. Esta situación supón o inicio en Galicia do conflito lingüístico. Os galegofalantes vense obrigados a aprender o castelán, mentres que os castelanfalantes non senten ningunha presión neste sentido.
Na década de 1840 xorde o movemento galeguista. Coa emerxencia destas reivindicacións faise explícito o conflito galego-castelán e comeza a loita por rescatar o galego da súa situación de marxinación e dotalo dunha variedade culta e unificada. Na evolución do galeguismo distínguense tres etapas sucesivas: o Provincialismo, o Rexionalismo e o Nacionalismo.
O Provincialismo
O Provincialismo xorde como un movemento político que perseguía facer de Galicia unha única provincia. O seu representante máis destacado foi Antolín Faraldo. En 1846 os provincialistas protagonizan unha insurrección militar e civil. Logo, o provincialismo centrou a súa actividade na cultura e na reivindicación do idioma. A prensa convértese en canle de expresión de textos literarios en galego. Os escritores deste período, entre os que destacan Francisco Añón e Xoán Manuel Pintos, coñécense co nome de Precursores, pois son os que preparan o camiño para o Rexurdimento.
O Rexurdimento
O Rexurdimento pleno ten lugar na década de 1860. En 1861 convócanse os primeiros Xogos Florais de Galicia, e ao ano seguinte publícase El Álbum de la Caridad. A data emblemática do Rexurdimento é 1863, ano da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro impreso escrito integramente en galego. Tamén son da década de 1860 os primeiros dicionarios e gramáticas da lingua galega. Entre as gramáticas destaca especialmente a de Saco e Arce (1868). No ano 1880 dáse a coincidencia da publicación de varias obras de alta calidade literaria, que consolidan o renacer das letras galegas: Follas Novas, Aires da miña terra.
O Rexionalismo
Por esa época asístese ao tránsito cara ao Rexionalismo, movemento galeguista que reúne tendencias políticas distintas, unhas progresistas, con Manuel Murguía, e outras conservadoras, representadas por Alfredo Brañas. Ambas coinciden na concepción de Galicia como rexión diferenciada e no propósito de rexenerar os seus trazos culturais e lingüísticos.
De Comezos do Século XX ata 1936
A comezos do século XX fúndase na Coruña a Real Academia Galega (1906) presidida por Murguía. Estas contradicións poñen de relevo a falta de normalización do idioma nese período e a distancia entre as doutrinas teóricas e a práctica lingüística. A situación muda coa fundación das Irmandades da Fala (1916) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Estas organizacións propoñíanse defender a lingua galega e promover o seu uso oral e escrito. Así, o galego comeza a ser usado cada vez máis no ensaio, na prensa e nos actos públicos e académicos.
Neste labor vai adquirir vital importancia a revista A Nosa Terra (1916-1936) que se constituíu no voceiro das Irmandades da Fala e, desde a súa fundación en 1931, do Partido Galeguista. En definitiva, son estas publicacións as que nos permiten falar, por primeira vez, dunha prosa galega moderna, tanto literaria como científica. O ano 1916 considérase o punto inicial do nacionalismo galego. Outro dos principais ideólogos dos nacionalismos foi Vicente Risco, que dirixe ademais a revista Nós (1920-1936), vehículo de expresión da xeración de escritores do mesmo nome e que contribuíu tamén á extensión do galego a todo tipo de escritos e temáticas.
No século XX tórnase preocupante o proceso de substitución do galego polo castelán. A porcentaxe do monolingüismo en galego comeza a descender como resultado da modernización e a urbanización, e os instrumentos que estas traen consigo. En 1936 apróbase o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia. Recollíase a consideración de Galicia como rexión autónoma, a cooficialidade de galego e castelán e a obriga de coñecer o galego para os funcionarios. Pero en menos dun mes estala a Guerra Civil, quedando interrompidos os procesos logrados polo galeguismo.