Renovación literaria galega e conflito lingüístico
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,4 KB
Panorama da renovación literaria galega
Na poesía renovadora galega dos anos 20 e 30 destacan tres liñas principais: a neotrobadoresca, a hilozoísta e a vangardista.
A tendencia neotrobadoresca
É un movemento poético que consiste na recreación das cantigas de amigo cunha estética contemporánea. Xorde polo influxo da lectura dos Cancioneiros medievais, popularizándose despois da edición das cantigas de amigo. Os dous autores máis emblemáticos son Álvaro Cunqueiro e Fermín Bouza-Brey.
A tendencia hilozoísta
Ten como principal figura a Luis Amado Carballo cos poemarios Proel e O galo. Caracterízase por:
- Brevidade e sinxeleza.
- Permanencia de esquemas de rima e métrica tradicionais.
- Personificación dos elementos da natureza.
- Predominio de imaxes, concepción pictórica do poema e lingua metafórica.
A tendencia vangardista
Baseada na asimilación parcial e ecléctica de diferentes ismos europeos, representada por:
- Álvaro Cunqueiro: Mar ao norde, Poemas do si e non, Soma de claridades e Cantiga nova que se chama Riveira.
- Manuel Antonio: Distínguense tres etapas:
- De formación.
- De ruptura vangardista: Con anacos do meu interior e Foulas.
- De retroceso na audacia vangardista: Viladomar e De catro a catro.
Dentro de De catro a catro pódense distinguir catro liñas interpretativas:
- O poemario entendido como unha obra estruturada con base nunha viaxe marítima real.
- A obra como unha reflexión existencial.
- Unha interpretación en clave psicoanalítica.
- Unha interpretación metapoética.
A prosa novecentista
A contribución dos novecentismos non alcanzou nos anos 20 e 30 tanta relevancia no campo narrativo coma no poético. Cabe destacar a Rafael Dieste, mestre da mocidade renovadora galega, que deu orientación nas súas colaboracións nos diarios Galicia e El Pueblo Gallego. As súas obras máis destacadas son Dos arquivos do trasno e Contos do monte e do mar. Na narrativa de Dieste destacan tres trazos:
- Importancia concedida á técnica.
- Preferencia por temas con misterio.
- Orixe popular e folclórica dos argumentos.
Outros autores da xeración novecentista son Fermín Bouza-Brey (Cabalgadas en Salnés), Amado Carballo (Maliaxe), Manuel Antonio (Conto do afogado), Lois Tobio e Euxenio Montes.
O conflito lingüístico e a diglosia
A sociolingüística é a disciplina encargada de estudar o uso das linguas e de analizar as relacións entre estas e o medio social. Cada comunidade humana ten unha única lingua propia; porén, no mundo vívese unha situación de contacto lingüístico que dá lugar a un conflito.
O conflito lingüístico
É a tensión que se produce entre linguas dentro da mesma sociedade por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. Pode ter dúas saídas:
- Substitución lingüística: abandono da propia lingua e asimilación á dominante.
- Normalización lingüística: recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua subordinada.
A diglosia
Prodúcese cando dentro dunha sociedade existen individuos que empregan dous idiomas. Designa o contacto estábel entre dúas linguas con distribución xerárquica: unha lingua A (usos formais e prestixiados) e unha lingua B (usos informais).
Os prexuízos lingüísticos
Os estereotipos son categorizacións que facilitan a comprensión do mundo. Os prexuízos xorden por un mal uso dos estereotipos debido a:
- Non recoñecer a existencia de excepcións.
- Crer que os atributos son inherentes e non circunstanciais.
Os prexuízos son valoracións baseadas en ideas erradas que provocan comportamentos negativos. A marxinación que o galego viviu durante séculos provocou o autoodio, caracterizado polo rexeitamento dos propios sinais de identidade. Estes prexuízos afectan negativamente ao autoconcepto individual e colectivo.