A Prosa Galega do Primeiro Terzo do XX Século
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,14 KB
L3A Prosa do Primeiro Terzo do XX. A creación en 1916 da primeira Irmandade da Fala, na Coruña, por Antón Vilar Ponte, dá inicio a unha nova etapa de esplendor na literatura galega. O galego literario ábrese a outros xéneros distintos da lírica, ata entón o xénero predominante, pasando a empregarse na narrativa e no teatro, así como no ensaio, na investigación científica e na política. Os intelectuais das Irmandades publican o semanario A Nosa Terra, crean editoriais como Céltiga ou Lar, e consolidan a ideoloxía nacionalista, xa non tanto baseada no pasado histórico, senón na lingua e na cultura propias, que defenden e desenvolven conscientemente nos seus artigos, ensaios e discursos. Entre os prosistas das Irmandades destacan, na narrativa, Xosé Lesta Meis, e, no ensaio, Xoán Vicente Viqueira e Antón Vilar Ponte. O labor das Irmandades tivo continuidade nos membros da Xeración Nós, formada por autores nados arredor de 1885 que teñen como principal elemento definitorio a publicación da revista Nós entre 1920 e 1936. Falamos, principalmente, de Risco, Pedrayo, Cuevillas e Castelao, que, ademais, comparten unha serie de trazos vitais e ideolóxicos, pois pasan por tres etapas na súa evolución: a pregaleguista, na que se amosan individualistas e desvinculados do nacionalismo; a galeguista, na que contactan coas Irmandades e desenvolven un intenso labor político e cultural; e, por último, a etapa de posguerra, coa separación ideolóxica do grupo. Dende o punto de vista literario, buscan a renovación temática e técnica do conto literario e da novela, e potencian o ensaio enriquecéndoo dende o punto de vista lingüístico e abríndoo a múltiples saberes.
Vicente Risco é autor dos relatos Do Caso que Lle Aconteceu Ó Doutor Alveiros (1919), no que trata a temática, tan de moda na época, do espiritismo e o mundo de ultratumba, e O Lobo da Xente (1925), no que reelabora unha lenda popular galega, retornando á tradición. A súa única novela foi O Porco de Pé (1928), na que se fai unha sátira da burguesía e o materialismo, representados pola figura caricaturesca de Don Celidonio, o protagonista. No ensaio, Risco destaca como o ideólogo do nacionalismo, que explica e xustifica en Teoría do Nacionalismo Galego (1920).
Ramón Otero Pedrayo tamén tratou a temática de ultratumba nos seus relatos, como en O Purgatorio de D. Ramiro (1926). En canto ás novelas, destacan as de carácter histórico, como Os Camiños da Vida (1928), que narra as transformacións na sociedade rural galega do século XIX, coa decadencia da fidalguía e o ascenso da burguesía. En Arredor de Si (1930), pola contra, Pedrayo fai unha especie de biografía espiritual do Grupo Nós, relatando a evolución do protagonista, Adrián, ata o seu compromiso co galeguismo. Por último, o ensaio máis salientable de Pedrayo foi Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (1939).
Na obra de Alfonso D. Rodríguez Castelao teñen un lugar destacado o relato curto e o conto literario, como demostran Un Ollo de Vidro (1922), Cousas, publicada en dous tomos (1926 e 1929), e Retrincos (1934). Os corenta e catro relatos de Cousas, cada un deles acompañado inseparablemente por unha ilustración do propio Castelao, constitúen a súa obra máis orixinal. Teñen como protagonistas a personaxes populares (mariñeiros, emigrantes) e neles mestura o humor e o lirismo. A única novela de Castelao foi Os Dous de Sempre (1934). En canto ao ensaio, destaca Sempre en Galicia (1944), recompilación de ensaios e artigos que recolle o pensamento de Castelao.
Rafael Dieste, que non forma parte da Xeración Nós, escribiu o libro de relatos titulado Dos Arquivos do Trasno (1926), formado por vinte relatos protagonizados por personaxes populares e nos que o extraordinario aparece integrado no cotián. Dieste emprega técnicas innovadoras, relacionadas coas vangardas, e é considerado un precursor do realismo máxico.