A Narrativa Galega da Posguerra á Nova Narrativa: Autores e Obras Clave
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 7,67 KB
Narrativa Galega dos Anos 50
Despois do obrigado silencio da inmediata posguerra, en 1951 publícase a primeira novela de posguerra, A xente da Barreira de Ricardo Carvalho Calero. Nesa década, grazas á Editorial Galaxia, comezan a publicar Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole.
Álvaro Cunqueiro: O Mago da Narrativa Galega
Colabora co galeguismo e dase a coñecer como poeta. Foi xornalista e comeza a súa obra literaria en castelán. Na década dos 50 vincúlase ao proxecto Galaxia e recupera o galego para a súa obra literaria. A súa obra é unha das máis orixinais da cultura galega, cultivou poesía, narrativa e teatro. Destacou por crear un mundo onde mestura o cotián e o marabilloso, o real e o mítico, o irónico e o humorístico, a tradición popular e a cultura universal. Nas súas obras destacan:
- Merlín e familia (1955)
- As Crónicas do sochantre (1956)
- Se o vello Simbad volvese ás illas (1961)
Estas son recreacións de personaxes e mitos literarios que Cunqueiro adapta ao seu modo. A estrutura en común é a dun narrador principal que presenta outros personaxes que narran historias que enriquecen o relato. Publicou tres libros de relatos breves:
- Escola de menciñeiros (1960)
- Xente de aquí e de acolá (1971)
- Os outros feirantes (1979)
Este ciclo de relatos, vinculados á tradición popular oral galega, mestura o real e o marabilloso de maneira natural. Son pequenas anécdotas onde aparecen combinados o humor e a imaxinación, ofrecendo unha perspectiva galega.
Eduardo Blanco Amor: Realismo Crítico en Auria
Na posguerra, vive en Arxentina e desenvolve un gran labor cultural relacionado con Galicia (teatro, radio, xornalismo...) e publica gran parte da súa obra. En 1962 volve a Galicia. Foi poeta vinculado coa vangarda e dramaturgo, pero destacou como un gran narrador da literatura galega contemporánea. A súa prosa é realista, crítica e social. As súas obras narrativas sempre se ambientan en Auria, nome que recibe Ourense:
- A esmorga (1959)
- Os biosbardos (1962)
- Xente ao lonxe (1972)
Ánxel Fole: O Mestre do Relato Oral e Misterioso
Destaca como escritor de relatos breves. A súa técnica baséase nos contos populares de tradición oral, historias contadas por un personaxe a outros personaxes que fan de auditorio cos que se establece un diálogo. Os seus temas proceden da tradición oral galega: historias de lobos, meigas, aparecidos, premonicións, avisos de morte, lendas populares... O seu obxectivo é suxerir o sobrenatural con atmosferas de misterio e tensión. A gran maioría dos seus relatos suceden en Lugo:
- Á lus do candil (1953)
- Terra brava (1955)
- Contos da néboa (1973)
A Nova Narrativa Galega: Características e Innovacións
Entre finais dos anos 50 e comezos dos 60, a literatura galega manifesta un evidente afán de ruptura coas formas e temas tradicionais. Así xorde a «Nova Narrativa Galega», unha tendencia que asimila as correntes máis renovadoras que a novela europea e americana desenvolveu no século XX.
Aspectos Formais da Nova Narrativa
Aposta pola ruptura da cronoloxía lineal do argumento, dálle relevancia ao monólogo interior (expresa directamente o discurso mental dos personaxes) e pon en práctica a técnica do ollo cinematográfico (o narrador é como unha cámara).
Aspectos Temáticos da Nova Narrativa
As obras presentan personaxes anónimos, marxinais, inadaptados con tendencia á violencia e á autodestrución. A través deles suxírese o absurdo existencial, a agresividade oculta do ser humano e a influencia do subconsciente sobre o comportamento das persoas. As historias teñen lugar en ambientes opresivos e claustrofóbicos que fan crecer as obsesións máis íntimas dos personaxes.
Autores Destacados da Nova Narrativa Galega
Xosé Luís Méndez Ferrín: Compromiso e Fantasía
Participou no grupo Brais Pintos en Madrid. É catedrático de literatura. Autor polifacético que cultiva poesía, narrativa, ensaio e artigo xornalístico. Na prosa de ficción, distínguense tres etapas:
Primeira Etapa: Relatos Iniciais
Libros de relatos:
- Percival e outras historias (1958)
- O crepúsculo e as formigas (1961)
E a novela:
- Arrabaldo do norte (1964)
Segunda Etapa: Tagen Ata e a Metáfora Política
Centrado en ofrecer unha interpretación política dunha nación imaxinaria: Tagen Ata, que é unha metáfora da propia Galicia. Destaca a novela:
- Retorno a Tagen Ata (1971)
E varios libros de relatos.
Terceira Etapa: Fantasía, Simbolismo e Memoria (Desde 1980)
Combina fantasía, simbolismo, realismo, a recreación da materia de Bretaña, o compromiso político e a recuperación da memoria da represión franquista. Esta etapa iníciase en 1982 cos relatos:
- Amor de Artur (1982)
- Arnoia, Arnoia (1987)
- Arraianos (1991)
E chega ata a actualidade con:
- No ventre do silencio (1999)
Carlos Casares Mouriño: Entre a Renovación e a Tradición
En Santiago achégase ao galego grazas a Ramón Piñeiro. É elixido deputado do Parlamento galego polas listas socialistas en 1982. Na etapa democrática alternou a literatura coa crítica e co xornalismo. Dirixiu diferentes institucións culturais: Editorial Galaxia, a revista Grial e o Consello da Cultura Galega.
Primeira Etapa: Renovación Formal e Franquismo
Vinculada á renovación formal, as súas obras reflicten de modo autobiográfico a sociedade galega do franquismo. Relatos:
- Vento ferido (1967)
Novelas:
- Cambio en tres (1969)
- Xoguetes pra un tempo prohibido (1975)
Segunda Etapa: Recuperación do Enfoque Tradicional
Recupera un enfoque narrativo máis tradicional. Relatos:
- Os escuros soños de Clío (1979)
Comeza un novo ciclo con:
- Ilustrísima (1980)
E remata con:
- O sol do verán (2002), publicada postumamente.
Os temas das súas obras manifestan unha concepción escéptica do mundo: personaxes frustrados por culpa da intolerancia, violencia e hipocrisía social. Con todo, a visión crítica da sociedade non impide a emotividade, humor e tenrura á hora de retratar o mundo interior dos personaxes.
Xosé Neira Vilas: A Voz do Rural e da Emigración
Á marxe da narrativa galega, polos seus temas e estilo, sitúase a súa obra. Pasa a infancia no mundo rural que logo recrea nas súas obras. En 1949 emigra a Arxentina. A súa narrativa inscríbese na tradición da novela realista de tema social e espírito crítico. Vertebra o conxunto da obra en dous eixes temáticos: a Galicia rural do interior e a Galicia inmigrante. Con Memorias dun neno labrego (1961) inicia un ciclo de obras ambientadas no rural cunha perspectiva infantil e adolescente. É unha obra de estrutura sinxela e linguaxe popular.
Xente do rodicio (1965) aborda o mundo rural desde un punto de vista adulto.
Historias de emigrantes (1968) e Remuíño de sombras (1973) exploran o mundo da emigración, denunciando as inxustizas que provocan angustia, morriña e loita cotiá para fuxir da miseria. As únicas saídas son a revolución e a solidariedade cos oprimidos.