Lírica Trobadoresca Galego-Portuguesa: Contexto e Evolución
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,47 KB
Ámbito Xeográfico da Lírica Trobadoresca
Sería máis exacto falar de entorno xeolingüístico e xeocultural. Estamos diante dunha literatura que nos seus períodos de esplendor se produce nas cortes de León-Castela e Portugal. O idioma no que se escribiron as cantigas foi o galego-portugués, lingua na que se expresaban autores non só galegos e portugueses, senón tamén poetas das áreas de León, Castela e Aragón. Na Idade Media non se pode establecer unha ecuación entre lingua nacional e cultura nacional, xa que o galego-portugués é a expresión lírica mesmo de individuos nados fóra dos dominios xeográficos da propia lingua. Toledo é a cidade onde reside a Corte, punto de encontro entre dúas tradicións: a autóctona e a occitánica. A ruína política de Provenza provocou a espallada da poesía occitana, aínda que había lugares nos que era máis dificultosa a súa transmisión. A peregrinaxe á cidade de Santiago de Compostela fixo que outras culturas influísen sobre a nosa. O noso trobadorismo é un produto da lírica occitana. O avance da Reconquista fixo que os xograres galegos migrasen coa súa arte, convertendo o galego-portugués nunha lingua con máis prestixio nas cortes.
Ámbito Social da Lírica Trobadoresca
Pode falarse de lírica popular no caso da lírica trobadoresca galego-portuguesa en canto que nela están impresas formas de vida e condutas de individuos de diferentes condicións e orixes. Pero esta lírica na que participan reis, alta nobreza, clérigos, burgueses, xograres e pequena nobreza é unha lírica palaciana. Os mecenados xogan un papel decisivo na creación e na conservación da poesía dos trobadores. A aristocracia divertíase nesta época non só coa caza ou cos torneos, senón asemade coas actividades dos xograres e, pouco a pouco, a mesma nobreza, influída pola moda provenzal, vai participar directamente na actividade poética. A poesía trobadoresca deixará de ser unha actividade áulica, o que provocará a súa desaparición.
Ámbito Temporal e Teorías sobre a Lírica Trobadoresca
As orixes do lirismo trobadoresco galego-portugués están relacionadas co nacemento paneuropeo das linguas romances, algo que, no caso do galego, se complica pola existencia dun xénero (a cantiga de amigo), de raíz autóctona. Isto deu pé a diversas teorías:
- Tese folclórica: de orixe románica. Segundo esta opinión, a orixe desta lírica sería popular, baseada nas composicións folclóricas: cancións de berce, de muller, de traballo...
- Tese medio-latina: a orixe estaría na literatura medieval en latín de ámbito europeo.
- Tese litúrxica: relaciona o lirismo en lingua vulgar coa poesía culta da Igrexa e o uso do folclore en certos actos litúrxicos.
- Tese arábigo-andaluza: enfatiza a influencia da cultura árabe. Sobre esta tese superpúxose a tese mozárabe tras o descubrimento das xarxas, escritas na lingua románica dos mozárabes, xeralmente en forma de zéxel.
Esta lírica trobadoresca pode dividirse en:
- Período inicial ou preafonsino (ata 1230)
- Período afonsino (1230-1280)
- Período dionisíaco (1280-1325)
- Período posdionisíaco (1325-1354)