O Exilio Galego e a Continuidade Cultural: Autores e Obras (1936-1976)

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,32 KB

A Literatura Galega do Exilio (1936-1976)

Co estalido da Guerra Civil, comezou en Galicia un período de forte represión política. Moitos intelectuais galegos tiveron que exiliarse por motivos políticos, polo que, durante os primeiros anos da ditadura, a literatura galega só puido ter continuidade en América. Alí xa existía unha importante actividade cultural no seo da colectividade emigrante.

Bos Aires foi a cidade na que se desenvolveu a maior parte das iniciativas, pois nela había un enorme número de galegos inmigrados e nela coincidiron figuras clave como Castelao, Seoane, Dieste, Blanco Amor ou Lorenzo Varela.

O Labor Cultural dos Exiliados

O labor cultural dos emigrados concretouse en diversas iniciativas:

  • A creación de revistas culturais e literarias (por exemplo, Galicia Emigrante, Correo Literario, Vieiros...).
  • A creación de editoriais e coleccións para a publicación de libros en galego (Nova, Citania, Botella al mar...).
  • A consolidación do teatro galego, coa posta en marcha de compañías teatrais (a de Varela Buxán, o Teatro Popular Galego, etc.).
  • A creación de programas radiofónicos para a divulgación da cultura galega (Recordando Galicia, Galicia Emigrante...).

A Poesía do Exilio

No ámbito da poesía destacaron, principalmente, tres autores: Luis Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita.

Luis Seoane (1910-1979)

Creador polifacético (pintor, poeta, ensaísta, dramaturgo...), exiliouse en Bos Aires, onde desenvolveu unha intensísima actividade cultural. A súa poesía está dominada polo forte compromiso ético coa realidade social e humana de Galicia, abordando temas como o exilio, a emigración ou o sometemento dos humildes. Na súa produción destacan:

  • Fardel de eisilado (1952)
  • Na brétema Sant-Iago (1955)
  • As cicatrices (1959)

Lorenzo Varela (1916-1978)

Tamén recalou en Bos Aires, onde colaborou con Luis Seoane. A súa poesía vai dende a denuncia da opresión (poesía socialrealista) ata a saudade da terra. Destacan dous títulos: Catro poemas para catro gravados (1944) e Lonxe (1954).

Emilio Pita (1909-1981)

Ten como obra fundamental a titulada Jacobusland (1942), ilustrada por Castelao. Nela testemuña a traxedia da Guerra Civil en Galicia no medio dunha nostálxica visión da natureza galega.

A Narrativa do Exilio

Na narrativa do exilio hai que salientar a Ramón de Valenzuela e Silvio Santiago, sen esquecer tampouco as figuras de Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste, que desenvolveron parte da súa actividade literaria no exilio.

  • Blanco Amor tivo que publicar A esmorga (1959) en Arxentina.
  • Dieste publicou as Historias e invenciones de Félix Muriel (1943), en castelán, tamén en Bos Aires.

Ramón de Valenzuela (1914-1998)

A súa obra ten un marcado carácter autobiográfico e nela domina a acción sobre a descrición, empregando técnicas do relato oral (como o uso da primeira persoa) e retratando os personaxes con precisión e autenticidade. Destacan as súas obras: Non agardei por ninguén (1944) e Era tempo de apandar (1980).

Silvio Santiago (1903-1973)

Escribiu Vilardevós (1961), unha pintura de costumes na cal exalta o popular, valéndose das súas lembranzas de neno no medio rural.

O Teatro no Exilio

Tamén no teatro foi moi significativo o labor dos emigrados galegos.

  • Castelao estreou en Bos Aires a comedia Os vellos non deben de namorarse (1941), sobre os amores de tres vellos por tres mozas.
  • Blanco Amor, pola súa banda, creou o Teatro Popular Galego, tamén en Bos Aires, para o que escribiu as pezas teatrais logo recollidas en Farsas pra títeres (1973) e Teatro pra a xente (1974).
  • Manuel Varela Buxán, pola súa banda, escribiu teatro popular de liña cómica e sentimental, como Se o sei... non volvo á casa (1938) ou Taberna sen dono (1975).