A Narrativa de Otero Pedrayo: Temas, Estilo e Legado

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,15 KB

Características da Narrativa de Otero Pedrayo

Otero Pedrayo formou parte da Xeración Nós, un grupo de escritores cunhas preocupacións políticas e sociais que abriron as portas da literatura galega a novos camiños mediante a súa modernización.

Temas Centrais na Obra de Otero Pedrayo

A súa obra abarca todos os xéneros da prosa, mais destaca o conxunto da narrativa, que xira arredor da decadencia da fidalguía e a conseguinte perda da influencia social. O autor consideraba que fidalgos e campesiños representaban a esencia da sociedade galega, así pois debían liderar o desenvolvemento de Galicia a través da unión de tradición e progreso. Polo tanto, complementando esta idea principal, xorden outras diferentes asociadas á súa obra.

A Decadencia Económica e Social da Fidalguía

Por un lado, trata a desaparición no s. XX do sostén económico dos fidalgos, os ‘foros’, debido á imposición dunha monarquía parlamentaria. A falta de capacidade para adaptarse a estes cambios políticos e sociais fixo que desertasen as súas obrigas como clase dirixente, que quedou ancorada no pasado e na mentalidade feudal baseada na relación amo-servo.

A Visión de Otero Pedrayo sobre a Fidalguía e a Burguesía

Como consecuencia, ao desatenderse da sociedade, os burgueses gañaron prestixio social e accederon aos centros de poder para acabar ocupando os postos de responsabilidade. Non obstante, o autor mostra a súa visión positiva sobre a fidalguía como clase dirixente, a cal posúe conciencia dunha identidade propia e uns valores morais por pertencer a unha terra, mentres que para os comerciantes só existe a moral do diñeiro. Así é que sempre inclúe algún personaxe caracterizado pola esperanza, a rexeneración e o mantemento dos sinais de identidade do pobo:

  • Unha terra
  • Unha cultura
  • Un idioma

A Importancia da Paisaxe na Narrativa

Por outro lado, a paisaxe ten unha gran importancia como elemento definidor da vida. O eloxio constante da vida natural amósase no paso das estacións, nos traballos da terra en cada unha delas, a beleza dos campos e a súa produción.

Exemplos Notables na Obra de Otero Pedrayo

Finalmente, todas estas características están presentes en novelas como Arredor de si ou Os camiños da vida. A primeira trata sobre a evolución psicolóxica do protagonista e representa a explicación literaria do cambio de mentalidade e evolución intelectual dende un desentendemento ata o compromiso coa súa terra. En canto á segunda, é unha obra innovadora que trata a decadencia da fidalguía, na que a paisaxe condiciona en gran medida as accións dos personaxes.

Legado e Relevancia da Obra de Otero Pedrayo

En definitiva, a obra de Otero Pedrayo pode considerarse como representativa da xeración á que pertenceu, pois recolle os valores que todos defendían: a idea de Galicia como unha nación pola que valía a pena loitar para recuperar a dignidade a partir dunha identidade baseada na cultura, nas tradicións e nun idioma propio.