Literatura Galega na Posguerra: Represión, Exilio e Resistencia (1939-1975)
Enviado por Valdo y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 12,6 KB
A literatura galega durante o franquismo (1939-1975)
1. Galicia na inmediata posguerra
Nada máis comezar a Guerra Civil, en 1936, Galicia quedou integrada no bando franquista. A represión da ditadura foi implacable contra os seus opositores, que foron asasinados ou padeceron cárcere ou exilio.
2. A represión cultural
A Guerra Civil e a inmediata posguerra supuxeron unha ruptura profunda con toda a tradición cultural vinculada co nacionalismo democrático. Desde 1939 ata 1950 practicamente non se publicou nada en galego. Elimináronse todas as institucións e organismos que mantiñan viva a cultura do país. Clausurouse o Seminario de Estudos Galegos, prohibíronse a prensa e as editoriais nacionalistas e o uso do galego en actos públicos quedou marxinado.
3. A cultura galega no exilio
Os intelectuais galeguistas víronse forzados ao exilio, maioritariamente en países e capitais de América Latina. A Galicia do exilio converteuse no centro neurálxico da oposición política ao franquismo. En Bos Aires asentouse o principal grupo galeguista, grazas a Castelao, que viviu alí desde 1940 ata a súa morte en 1950. A influencia de Castelao deixouse sentir no ámbito cultural e ideolóxico, coa publicación do seu ensaio Sempre en Galiza.
4. A literatura galega no exilio
Entre todas as publicacións pódense destacar Galicia Emigrante, editada en Bos Aires, e Vieiros, en México. Algúns dos autores máis relevantes foron:
- Luís Seoane (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979): Destacou como artista gráfico, pintor, gravador, debuxante e editor. No campo literario escribiu o libro Fardel de exiliado e a obra teatral A soldadeira.
- Lorenzo Varela (A Habana, 1917 - Madrid, 1978): Naceu na Habana e emigrou coa súa familia a Bos Aires. Desde alí veu a Galicia e máis tarde tivo que exiliarse e retornou a Bos Aires. A súa obra poética en galego é breve e atópase nos libros Poemas para catro gravados (1944) e Lonxe (1954).
5. A resistencia cultural en Galicia
Na década de 1950, o feito máis destacado foi a fundación da Editorial Galaxia e a revista Grial. Os impulsores do proxecto de Galaxia foron, entre outros, Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto, Domingo García-Sabell e Francisco Fernández del Riego. Na década de 1960, a vida cultural galega rexorde coa aparición de asociacións culturais como "O Galo" e "O Facho". Tamén apareceron novas editoriais como "Ediciós do Castro" (1963). Cómpre lembrar que a partir do 17 de maio de 1963, centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega estableceu a celebración do Día das Letras Galegas.
A poesía da posguerra
1. O silencio da década de 1940
Desde o remate da Guerra Civil ata os derradeiros anos da década de 1940 apenas se publicaron libros en galego. O primeiro poemario galego da posguerra, Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, non se publicou ata 1947.
2. A recuperación poética de 1950
A creación da Editorial Galaxia e de varias revistas poéticas bilingües permitiron dar a coñecer a obra de numerosos poetas de distintas idades e tendencias:
- Xeración de 1936: Pertencen a ela Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, María Mariño, Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carballo Calero.
- A Promoción de Enlace: Está composta por poetas como Luz Pozo Garza, Antón Tovar, Manuel Cuña Novás e María do Carme Kruckenberg.
- Xeración das Festas Minervais: Pertencen a ela Manuel María, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Xohana Torres, Antón Avilés de Taramancos e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Tamén seguiron a publicar poesía na década de 1950 autores da época de Nós como Ramón Cabanillas, Fermín Bouza-Brey e Luís Pimentel.
3. A obra de Luís Pimentel
Luís Pimentel (1895-1958) naceu en Lugo. Participou nas iniciativas máis renovadoras da década de 1920, como a revista poética Ronsel. A súa produción en galego foi breve: Triscos e Sombra do aire na herba. Na poesía de Pimentel predomina un intimismo moi intenso e persoal.
4. A década de 1950: o intimismo
A poesía galega da década de 1950 tende a facerse intimista nos temas e clasicista ou neopopular nas formas. Das tendencias poéticas que se cultivaban na preguerra, sobreviven as rupturistas:
- Hilozoísmo ou imaxinismo: Humanización da paisaxe a través das imaxes.
- Neotrobadorismo: De inspiración na lírica medieval e popular. Segue vixente en autores como Cunqueiro, quen na posguerra continúa insistindo na recreación da lírica medieval en Dona do corpo delgado (1950), aínda que algúns poemas presaxian a súa evolución cara a unha poesía máis íntima e orixinal.
- Virxilianismo: Lírica de estilo clasicista e de contido existencial e relixioso. Inflúe en poetas como Xosé María Díaz Castro (Nimbos, 1961).
- A Escola da Tebra: É unha liña temática de carácter existencialista, que reflicte o pesimismo, a angustia e a desesperanza que se vivían na posguerra. Destacan Manuel Cuña Novás e Manuel María (Muiñeiro de brétemas).
- Tendencia paisaxista renovadora: Son representantes Manuel María (Terra Chá) e Uxío Novoneyra (Os eidos).
5. A década de 1960: o socialrealismo
En 1962, Celso Emilio Ferreiro publica Longa noite de pedra, libro onde se fai explícito o compromiso social e político do poeta coa sociedade do seu tempo, denunciando a opresión e a inxustiza que sofre Galicia. O socialrealismo caracterízase polos seguintes trazos:
- Sinxeleza expresiva.
- Predominio da mensaxe ideolóxica.
- Uso de recursos como o humor, a ironía e o sarcasmo.
- Apertura lingüística do poema, achegando a linguaxe á fala cotiá.
Principais poetas da posguerra
Celso Emilio Ferreiro
Naceu en Celanova en 1912 e morreu en Vigo en 1979. Foi sobre todo poeta, aínda que tamén cultivou a narrativa en obras como A fronteira infinda (1972). Na súa obra poética distínguense tres temáticas:
- O socialrealismo: Onde expresa o seu compromiso cívico con Galicia e coas súas clases populares.
- O intimismo: Na súa primeira obra, O soño sulagado, trata temas como a angustia ou o pesimismo.
- A sátira burlesca: Constitúe unha variante irónica dos temas tratados no socialrealismo, cun estilo vulgar e unha actitude sarcástica contra as clases dominantes. Esta liña predomina nos libros Viaxe ao país dos ananos e Cantigas de escarnio e maldicir.
Poetas da Xeración das Festas Minervais
Os poetas da xeración dos 50 déronse a coñecer a través dos certames poéticos universitarios —as Festas Minervais— no diario compostelán La Noche. A súa traxectoria pode resumirse así:
- Na década de 1950 comeza o seu labor literario, dentro da corrente do intimismo existencialista.
- Na década de 1960, desde posicións ideolóxicas nacionalistas de esquerda, a súa poesía tende cara ao socialrealismo.
- Desde finais da década de 1970 á actualidade, cada poeta evoluciona e madura de xeito distinto.
Pertencen a esta xeración:
- Manuel María: Foi un poeta de moi extensa produción. Na súa poesía mantén tres liñas temáticas que se alternan e mesturan entre si: a da poesía paisaxística, centrada na Terra Chá; a da poesía comprometida, con versos moi combativos, cheos de ironía e sátira; e, por último, a poesía intimista e existencial (Muiñeiro de brétemas, A primavera de Venus).
- Uxío Novoneyra: Foi un dos poetas máis orixinais da posguerra. Os poemarios Os eidos e Os eidos 2 defínense pola súa vivencia íntima e radical da paisaxe das terras do Courel.
- Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931): Destaca como poeta e como narradora. A súa obra lírica iníciase con Do sulco e continúa con Estacións ao mar e Tempo de ría.
- Bernardino Graña: Foi membro do grupo Brais Pinto e resultou premiado no certame poético das Festas Minervais. Os temas predilectos da súa poesía son a fusión do ser humano co mar, o amor, a denuncia ecolóxica e a defensa das persoas fronte á deshumanización do mundo moderno. Entre os seus libros de poemas destacan Profecía do mar e Himno verde.
- Xosé Luís Méndez Ferrín: É un autor clave na evolución da literatura galega contemporánea. Como poeta iníciase na literatura existencial con Voce na néboa. Na década de 1960 achégase á poesía sociopolítica baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, pero sen descoidar o rigor formal do poema. En 1976 publica Con pólvora e magnolias, libro que sinala un cambio de rumbo na poesía galega desde o socialrealismo cara ao culturalismo, con múltiples referencias da cultura universal.
A prosa da posguerra
1. A narrativa na década de 1950
En 1951 publícase a primeira novela da posguerra, A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero. Tamén nesta década comezaron a publicar tres autores fundamentais: Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole.
2. Álvaro Cunqueiro
Naceu en Mondoñedo en 1911. Estudou Filosofía e Letras e dedicouse ao xornalismo. A partir de 1950 vinculouse co proxecto da Editorial Galaxia, recuperando o galego para a súa obra literaria. Morreu en Vigo en 1981. Cunqueiro destacou pola súa capacidade para inventar un mundo propio onde mestura o cotián e o marabilloso, o real e o mítico, o irónico e o humorístico. Na súa obra en galego cultivou tanto a novela coma o relato breve. As súas novelas máis destacadas son:
- Merlín e familia (1955)
- As crónicas do sochantre (1956)
- Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961)
Tamén publicou tres libros de relatos breves: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes.
3. Eduardo Blanco Amor
Naceu en Ourense en 1897 e en 1919 emigrou a Bos Aires. Regresou a Madrid e alí contactou con escritores da Xeración do 27. Na posguerra viviu na Arxentina, volveu a Galicia en 1962 e faleceu en Vigo en 1979. Foi poeta vinculado coa vangarda e tamén dramaturgo. As súas obras narrativas ambiéntanse sempre na cidade de Auria, nome literario de Ourense, e son A esmorga, Os biosbardos e Xente ao lonxe.
4. Ánxel Fole
Naceu en Lugo (1903-1986). Destacou como escritor de relatos breves, historias narradas por un personaxe ante outros que actúan de auditorio e cos que se establece un diálogo. Os temas proceden da tradición oral galega: historias de lobos e de meigas, de aparecidos, de premonicións ou avisos da morte. Escribiu varios libros, entre eles:
- Á lus do candil (1953)
- Terra brava (1955)
- Contos da néboa (1973)
Variedades xeográficas do galego
1. Unidade e variedade da lingua
No galego existen diferenzas entre a fala das persoas dunha zona e a das doutra, o que non impide que se entendan entre elas. Estas diferenzas chámanse variedades dialectais ou xeográficas. Hoxe sabemos que a diferenciación dialectal na nosa lingua é pouco importante. A variedade xeográfica da lingua pódese representar nun mapa coa axuda das isoglosas.
2. Bloques dialectais e principais fenómenos lingüísticos
O galego fálase nas catro provincias e na franxa occidental de Asturias, León e Zamora. A distribución de diferentes fenómenos lingüísticos permite diferenciar no galego tres bloques: o occidental, o central e o oriental.
3. A lingua estándar
Falar unha variedade dialectal non é falar mal; moi ao contrario, contribúe a manter a riqueza e a variedade do noso idioma. A lingua estándar ou normativa é unha variedade máis, non localizable nun único espazo xeográfico.