Literatura do exilio galego (1936-1976): Poesía, prosa e teatro

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,69 KB

A literatura do exilio entre 1936 e 1976: Poesía, prosa e teatro

A derrota da República na Guerra Civil levou ao exilio a moitos galegos, entre eles, escritores, artistas e intelectuais.

Arxentina, Uruguai e México acolleron o maior continxente de exiliados (Castelao, Rafael Dieste, Lorenzo Varela...). Alí existían xa comunidades galegas numerosas, consecuencia da emigración que era continua desde o século XIX, e este feito, unido á existencia de asociacións e organizacións culturais, facilitou a súa acollida e a súa inserción profesional. Esta concentración de intelectuais no exilio permitiu a continuidade da literatura escrita, interrompida en Galicia desde o triunfo da Ditadura.

Poesía no exilio

A poesía foi o xénero máis cultivado na literatura do exilio e os temas máis frecuentes foron a denuncia social e o desafogo do drama vivido trala sublevación militar, o patriotismo galego, a saudade evocadora das paisaxes natais, a reflexión sobre a situación do desterrado... Os poetas máis destacados foron:

  • Luís Seoane: Desenvolveu unha intensa actividade no exilio. Foi pintor, muralista, debuxante, ilustrador de libros, poeta, autor teatral, locutor e guionista de radio, xornalista, promotor de editoriais... En Bos Aires edita varios libros artísticos, publica a súa obra poética Fardel do exiliado, Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e a súa obra teatral A soldadeira e O irlandés astrólogo, funda editoriais, realiza numerosas exposicións pictóricas e participa en diversos organismos e entidades culturais do exilio. Regresa a Galicia e crea, con Isaac Díaz Pardo, o “Laboratorio de Formas de Galicia”, orixe da cerámica de Sargadelos, e impulsa a fundación do “Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside” en Sada–A Coruña. As características da súa obra poética son a preferencia pola temática social (con predominio do tema da emigración colectiva do pobo galego contada desde a perspectiva dos propios emigrantes) e pola historia de Galicia (con dous momentos claves: o celta e o medieval irmandiño); e o emprego do verso longo e unha certa despreocupación pola ornamentación do poema buscando transmitir maior emoción.
  • Lorenzo Varela: Exiliado en México e logo en Bos Aires, onde participa en numerosas iniciativas culturais, publicou Catro poemas para catro gravados, e despois a súa obra máis destacada, Lonxe. Os seus temas son as vivencias tráxicas da guerra, o pasado histórico coa reivindicación de certas figuras emblemáticas ou míticas da Galicia medieval (como María Balteira ou Roi Xordo) e a saudade da terra.
  • Emilio Pita: Animador de iniciativas culturais e galeguistas na Arxentina, foi redactor do apartado relativo á música da Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo. Publicou os poemarios Jacobusland, Cántigas de nenos e Os relembros. As cantigas. Temas básicos na súa obra son a nostalxia por Galicia, a condición de emigrante, a denuncia da opresión franquista e as vivencias persoais.
  • Eduardo Blanco Amor: A súa primeira etapa como poeta sitúase na preguerra e está influenciada polos modelos vangardistas: Romances galegos e Poema en catro tempos. Na posguerra edita en Bos Aires Cancioneiro.

Narrativa no exilio

A narrativa no exilio presenta unha clara preferencia pola temática da Guerra Civil, abordada cun afán memorialístico e un ton de denuncia e testemuña.

  • Ramón de Valenzuela: Publicou en Bos Aires a novela Non agardei por ninguén, centrada nas peripecias dun guerrilleiro nos montes de Galicia e como soldado na fronte de batalla. A súa segunda novela Era tempo de apandar complementa a primeira: o protagonista relata a súa vida no exilio francés, a repatriación forzosa, o paso polas prisións franquistas de Burgos e Ávila e o regreso ás terras galegas de Trasdeza, onde se adicará ao traballo nas minas de volframio da zona.
  • Silvio Santiago: Despois de estar preso durante a Guerra Civil, logra fuxir e exiliarse en Caracas. É autor das novelas memorialísticas Vilardevós, sobre a súa infancia na aldea natal, e O silencio redimido, publicada postumamente, que relata a súa aventura para fuxir da España de Franco e as terribles situacións vividas durante esa etapa.

Ensaio no exilio

No exilio continuouse o labor de impulso e consolidación que os compoñentes do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos lle imprimiran ao ensaio antes da Guerra Civil.

  • Alfonso D. R. Castelao: Ademais de editar o estudo As cruces de pedra na Galiza (1950), contribuíu decisivamente á consolidación do xénero ensaístico cunha obra monumental, Sempre en Galiza (1944), da que aparecen a primeira e segunda edicións en Bos Aires. A obra constitúe unha defensa apaixonada de Galicia e está composta por ensaios moi heteroxéneos, escritos en diferentes épocas e en diferentes circunstancias, marcadas sempre pola condición de desterrado ou exiliado.
  • Luís Seoane: É autor de varios estudos sobre figuras da pintura e da arte galega e tamén sobre artistas non galegos (o Bosco, Diego Rivera, Grosz…). Moitos destes ensaios están recollidos no libro Textos encol da arte galega.
  • Lois Tobío Fernández: Despregou unha intensa actividade galeguista en Montevideo. Destacan os seus traballos históricos sobre o conde de Gondomar, as súas traducións do inglés e do francés ao galego e un volume de memorias, As décadas de T.L.
  • Bieito Cupeiro: Recrea a vida dos emigrantes en Galiza de alén mar.
  • Xerardo Álvarez Gallego: Foi biógrafo e xornalista. Escribiu Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda.

Teatro no exilio

Na diáspora conviven dúas tendencias teatrais diferentes: unha de carácter máis popular e costumista, que pretende fundamentalmente evocar a terra, recreando costumes e ambientes, e manter o sentido de colectividade galega apelando ao sentimentalismo, representada, por exemplo, por Varela Buxán, e outra máis culta, con técnicas, temas e enfoques dramáticos innovadores, representada por autores como Castelao, Seoane e Blanco Amor.

  • Alfonso D. R. Castelao: É autor dunha única obra de teatro Os vellos non deben de namorarse (1941), que foi estreada en Bos Aires, e coa que culmina o proceso de renovación do teatro iniciado pola Irmandades da Fala. As liñas básicas da súa concepción teatral son o gusto pola expresión concentrada e a simetría estrutural, simbolismo e expresionismo combinados con elementos do humor e da tradición cultural galega, preferencia por un teatro de protagonismo popular e concepción da obra dramática como un espectáculo integral onde se combinan texto, escenografía, música e danza. A obra consta dun prólogo, un epílogo e tres lances que presentan tres versións dun mesmo esquema dramático: un vello que se namora dunha moza e a imposibilidade destes amores, que acaban inevitablemente coa morte do vello. No primeiro lance o boticario D. Saturio, que vive coas catro irmás solteiras, namórase de Lela e, rexeitado por esta, suicídase con veleno da súa propia botica. No segundo, o fidalgo D. Ramón, apaixonado por Micaela, morre en plena borracheira nun martes de Entroido. No terceiro lance, o labrego rico Sr. Fuco, namorado de Pimpinela, que casará con el por presión dos pais, é tamén vítima do seu namoramento de vello e morre.
  • Eduardo Blanco Amor: Presenta como autor teatral dous tipos de obras: as pezas de realismo costumista e as farsas. As farsas son obras non realistas, cheas de elementos fantásticos e satíricos na liña do teatro do absurdo europeo. As pezas de realismo costumista están pensadas “para a xente do pobo”, pouco afeito a ver teatro, e teñen como principais virtudes a calidade dos diálogos e a recreación dos personaxes tomados do rural galego. A súa obra teatral está reunida en dous volumes: Farsas para títeres, que inclúe pezas como: «Romance de Micomicón e Adhelala» (crítica ao poder tiránico), «Un refaixo para Celestina» (que ofrece unha visión positiva do personaxe da Celestina) ou «Anxélica no umbral do ceo» (afirmación da vida humana fronte ás condenacións bíblicas e ás promesas de eternidade) e Teatro prá xente que reúne catro pezas e tres contos escénicos.
  • Luís Seoane: É autor de A soldadeira, obra de tema histórico e social, coa revolución irmandiña liderada por Roi Xordo (século XV) como fondo da acción, e O irlandés astrólogo, obra na que o protagonista, un católico irlandés do século XVII ten que fuxir do seu país e logra establecerse como catedrático de Retórica na Universidade galega, pero sofre a persecución da Inquisición ao ser denunciado por dous dos seus discípulos e, despois de interrogatorios e tormentos, resulta condenado a un novo desterro. A peza aborda así o drama dos exiliados e o conflito entre o poder e a liberdade do individuo.
  • Manuel Varela Buxán: Foi un dos principais animadores do teatro galego como actor e director na Arxentina, a onde emigrou aos dezasete anos. Escribiu numerosas pezas de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non exentas de crítica social, como A xustiza dun muiñeiro, O ferreiro de Santán ou Taberna sen dono.