A Prosa Galega da Posguerra: Autores Clave e Tendencias
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,26 KB
A Prosa Galega da Posguerra: Recuperación e Desenvolvemento
O Contexto Histórico e a Recuperación Literaria
As circunstancias históricas derivadas da guerra provocaron silencio na nosa literatura. A recuperación será un proceso iniciado polos seguintes feitos:
- A aparición da colección de poesía *Benito Soto* e a creación de dúas pequenas editoriais: Monterrey e Bibliófilos Gallegos.
- A fundación da editorial Galaxia.
O Ensaio na Posguerra
A produción ensaística verase detida ata os anos 50. Será con Galaxia e cos cadernos *Grial* como se recuperará. Entre os ensaístas podemos salientar a Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega.
A Narrativa Galega: Liñas e Tendencias
A narrativa non presenta unha clara sucesión de grupos con características e tendencias comúns. Podemos falar dunha serie de liñas narrativas:
1. Continuación da Tradición do Grupo Nós
- Otero Pedrayo publica *Entre a vendima e a castañeira* e *O señorito da Reboraina*.
- Ricardo Carballo Calero, autor de *A xente da Barreira*, considerada a primeira novela en galego da posguerra.
2. Narradores Senlleiros e o Realismo
Unha serie de narradores senlleiros que presentan en común un realismo abordado desde enfoques diferentes:
- Ánxel Fole, que cultiva o realismo popular.
- Álvaro Cunqueiro, que crea o realismo máxico.
- Eduardo Blanco Amor, orientado cara ao realismo social.
- Xosé Neira Vilas, que cultiva o realismo social.
3. A Nova Narrativa (NN)
A NN rompe coa literatura anterior e busca innovacións técnicas e temáticas.
Ánxel Fole: O Realismo Popular
Ánxel Fole irrompe no panorama narrativo da posguerra co seu primeiro libro, *Á lus do candil*, co que inicia o realismo popular. Neste libro fai unha orixinal aproximación ás terras do Courel. A técnica narrativa que emprega consiste no chamado «encadramento de historias».
Outros títulos son *Terra Brava* e *Contos na néboa*. Os contos presentan as seguintes características:
- A Galicia rural é a protagonista.
- Toma como base a tradición da narrativa popular oral.
- Constante mestura de humor e medo.
- Recrea a fala das terras luguesas.
Álvaro Cunqueiro: O Realismo Máxico
Álvaro Cunqueiro é autor dunha importante obra teatral, narrativa e poética. Con *Merlín e familia* inaugura o realismo máxico, co cal elimina a barreira entre o real e o imaxinario, e tamén mestura o mundo popular con elementos culturalistas e míticos. A súa obra narrativa conta con dúas novelas máis:
- *As crónicas do Sochantre*.
- *Se o vello Sinbad volvese ás illas*, onde recrea un mito da literatura oriental.
O Mundo Mítico de Cunqueiro
O mundo mítico caracterízase por:
- Mestura e síntese de realismo e fantasía.
- Incorporación á nosa literatura de mitos doutras tradicións.
- A paisaxe en función simbólica positiva.
- Combina lingua culta e popular.
Salientan tamén a súa triloxía de relatos curtos: *Escola de menciñeiros*, *Xente de aquí e acolá* e *Os outros feirantes*.
Eduardo Blanco Amor: O Realismo Social e a Narrativa Moderna
Eduardo Blanco Amor iniciou o realismo social na nosa literatura coa publicación de *A esmorga*. Polo seu carácter innovador é considerada o inicio da narrativa moderna galega, debido a que:
- Na temática introduce o tema da degradación humana nun contexto urbano e marxinal.
- Na forma introduce unha orixinal técnica narrativa.
- Na lingua salienta a recreación do rexistro «coloquial».
Ambientadas tamén en Auria están *Os biosbardos* e *Xente ao lonxe*.
Xosé Neira Vilas: O Mundo Rural e a Emigración
A obra narrativa de Xosé Neira Vilas caracterízase pola presenza de dous mundos: o mundo rural da posguerra e a emigración.
A súa primeira obra é *Memorias dun neno labrego*. Esta obra compleméntase con *Cartas a Lelo* e *Aqueles anos do Moncho*. Entre moitos títulos podemos sinalar *Historias de emigrantes* e *O cabaliño de buxo*.