Historia da lingua e literatura galega (1936-actualidade)
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 24,66 KB
O galego de 1936 a 1975
O levantamento militar de Franco deu lugar á Guerra Civil, que en Galicia triunfou rapidamente. Os organismos e institucións tocan fin no ano 1936:
- A Nosa Terra
- Nós
- As Irmandades da Fala
- O Seminario de Estudos Galegos
A única excepción será a RAG. A guerra interrompeu calquera movemento político ou cultural galeguista; os seus protagonistas foron asasinados ou tiveron que exiliarse. Os que sobreviviron e permaneceron en Galicia tiveron que estar totalmente silenciados. Son os tempos da Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro.
Os anos posteriores á Guerra Civil foron totalmente estériles para a produción en lingua galega. Cómpre esperar ata 1947 para que se publique o primeiro libro de poemas, Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño. E ata 1951 para que apareza a primeira novela, A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero. O ano clave, sen dúbida, será 1950 coa fundación da Editorial Galaxia. Houbera antes outras empresas culturais nas que predominaba o bilingüismo: Mensaxes de Poesía, Alba, Xistral. Galaxia constituíu a principal saída cultural do galeguismo. Esta editorial vai exercer un papel fundamental na recuperación da lingua e cultura galegas. A xeración máis propiamente vinculada a ela é a de Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Xosé María Álvarez Blázquez e Ricardo Carballo Calero. A editorial consegue recuperar os autores silenciados e, ao mesmo tempo, dar cabida ás novas xeracións xurdidas nos anos 50 e 60, como Xohana Torres, X. L. Méndez Ferrín ou Carlos Casares.
Durante este período, o grupo de autores que Galaxia aglutinaba conseguiu facerse co control da Real Academia Galega (RAG). Adquire especial relevancia a revista Grial, que sae á luz en 1951 pero é prohibida polo réxime franquista, dado que traspasaba os límites impostos pola ditadura. Estaba prohibido publicar calquera texto informativo en galego nos xornais de Galicia ou empregar o galego en actos públicos, mesmo dentro da RAG. Pero a finais dos anos 50 a censura afrouxou un pouco, e Galaxia comeza a publicar a Revista de Economía de Galicia, dirixida por Xaime Isla Couto e Xosé Manuel Beiras. Tamén a publicación de Longa noite de pedra, que se convertería nun símbolo antifranquista. En 1963, a RAG instaura o Día das Letras Galegas.
A nivel político fúndase o Partido Socialista Galego (PSG) e, ao ano seguinte, a Unión do Pobo Galego (UPG), que nace como reacción á liña considerada apolítica e culturalista de Galaxia. Deste xeito, o idioma galego acabaría asociado no imaxinario colectivo á oposición ao franquismo. A lingua galega introducirase tamén no ámbito da canción protesta, co grupo Voces Ceibes.
Características lingüísticas (1936-1975)
O galego escrito na posguerra non responde a ningunha norma sistemática, polo que imos atopar bastante variedade de solucións. Non obstante, si se avanza cara a unha maior sinxeleza formal. Os autores da Editorial Galaxia levan á práctica o criterio simplificador da ortografía polo que se decantaban xa as normas do Seminario de Estudos Galegos, reducindo o uso do apóstrofo, o guión e os tiles diacríticos. No resto dos axentes galeguistas da época, a cuestión da norma era practicamente invisible.
Na Universidade de Santiago déronse novidades importantes na década de 1960, sobre todo a incorporación de xeito opcional de estudos de lingua e literatura galegas na licenciatura de Filosofía e Letras. Precisamente, o primeiro profesor encargado desta docencia, Ricardo Carballo Calero, foi quen elaborou a gramática máis importante publicada neste período: Gramática elemental del gallego común (1966). A RAG, a comezos dos setenta, asumirá o seu labor na codificación do idioma ao publicar os primeiros códigos normativos minimamente completos e sistemáticos.
O galego a finais do XX e comezos do XXI
A pesar do crecemento da urbanización e o consecuente éxodo rural que vive Galicia desde a década dos 60, a finais do século XX o rural segue tendo moito peso demográfico. Ademais das sete cidades, hai unha serie de asentamentos de menor tamaño que presentan características urbanas. Da man sempre do proceso de urbanización, a substitución lingüística do galego polo castelán continúa, non só nas cidades, senón tamén e cada vez con máis forza nas vilas. A pesar disto, o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, aínda que en descenso e cunha distribución moi desigual, pois concéntrase no rural (sobre todo nas provincias orientais) e na xente maior.
A Transición democrática coincide coas primeiras voces de alerta con respecto ao perigo de desaparición da lingua propia, provocadas pola introdución do castelán en ámbitos tradicionalmente exclusivos do galego. En contraposición, a chegada da democracia vai permitir iniciar o proceso de normalización e introducir o galego en ámbitos reservados ata ese momento ao castelán. Asistimos á ruptura definitiva da estabilidade diglósica que perdurara durante séculos. En calquera caso, os progresos cualitativos do galego non foron quen de frear o avance cuantitativo do castelán, e as altas expectativas depositadas nos novos tempos víronse en gran medida frustradas. En efecto, en Galicia levouse a cabo unha política lingüística de baixa intensidade. Na maioría dos casos, non existiu unha verdadeira vontade política a favor do galego, reservándolle a esta lingua un uso meramente ritual.
Marco lexislativo
Coa aprobación da Constitución española en 1978, nace o Estado das Autonomías. Ata 1981 non se aproba en Galicia o Estatuto de Autonomía, que supón o recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia. En 1983 aprobarase a Lei de normalización lingüística. Tal e como sabemos, o galego é a lingua propia do noso país, e todos temos dereito a usalo. A nosa lingua, xunto coa nosa cultura, diferéncianos do resto e axuda a construír un país diferenciado. En 1983 tamén foi creada a Dirección Xeral de Política Lingüística, organismo encargado de levar á práctica as leis. En 2004 aprobarase o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).
Unha parte importante das medidas normalizadoras centráronse no ámbito do ensino, xa que todos os axentes sociais e políticos coincidían na importancia de incluír a lingua galega no sistema educativo para avanzar na súa normalización. Esta incorporación foi lenta e xurdiron importantes reticencias, mesmo dentro do propio profesorado. A introdución do galego no ensino e a correspondente necesidade de materiais didácticos favoreceu a creación de editoriais novas e a consolidación das existentes.
En canto á prensa escrita, só a finais do século XX aparece o primeiro diario monolingüe no noso idioma, O Correo Galego. Este, no 2003, é substituído por Galicia Hoxe, único diario integramente en galego existente na actualidade (segundo o texto orixinal), á parte do xornal gratuíto De Luns a Venres. Cómpre salientar tamén a creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), que comeza a emitir en 1985.
Características lingüísticas (finais XX - XXI)
As primeiras normas da época democrática, previas aínda á aprobación dos textos legais fundamentais, son as Bases pra unificación das normas lingüísticas do galego (1977). Estas respondían á necesidade urxente de dispoñer dunha variedade codificada para ser usada nos novos ámbitos que, coa chegada da democracia, se agardaban para o galego. Trátase dun texto froito dun amplo diálogo, aberto e participativo, no que formaron parte desde membros da RAG ata defensores de posturas reintegracionistas. Isto fixo que houbese un novo intento, promovido directamente pola Xunta de Galicia, pero foi errado, xa que non acadaba unha solución para as dúas posturas enfrontadas e resultaba, polo tanto, confuso e ambiguo.
En 1982, a Real Academia Galega (RAG), xunto co Instituto da Lingua Galega (ILG), saca á luz as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, baseadas en parte nas de 1977. A Lei de normalización lingüística de 1983 converte a RAG na autoridade en cuestións normativas. Nos anos seguintes, o Instituto da Lingua Galega elaborou o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), no que se basearían todos os dicionarios posteriores. Desde 1982 publícanse gramáticas amplas e sistemáticas, manuais ortográficos e de dúbidas, dicionarios e unha gran cantidade de vocabularios técnicos especializados sobre os máis diversos temas. As normas de 1982 foron reformadas por primeira vez, de xeito bastante limitado, en 1995, e máis amplamente en 2003, dando como resultado a denominada “normativa de concordia”, vixente na actualidade.
Campos semánticos e definición de palabras
O signo lingüístico consta de dous elementos indisolubles: o significante e o significado. O significado atinxe ao sentido, concepto, idea, etc., que se asocia a unha secuencia de significante (sons na lingua falada, letras na escrita). Agás nos termos de orixe onomatopeica, non hai unha relación condicionada entre un significante e o significado que se lle atribúe; por iso se fala da arbitrariedade como unha das características do signo lingüístico. Un mesmo significante pode ter significados completamente distintos en linguas diferentes.
Para o estudo do significado cómpre distinguir os conceptos de sentido e referencia. O sentido é unha calidade necesaria, obrigatoria e permanente do significado, mentres que a referencia (ou o referente) é a entidade física ou o obxecto a que se refire un significante dado. Non todos os significantes teñen referentes reais, aínda que si todos teñen sentido; por exemplo, as palabras abstractas (timidez, amor) non posúen un referente real. O sentido é sempre máis xeral ca a referencia e permite relacionar significados asociándoos por certas afinidades, de xeito que podemos delimitar campos semánticos.
A semántica e o campo semántico
Se o léxico se ocupa das palabras desde o punto de vista dos significantes, a semántica estúdaas desde o punto de vista dos seus significados. O estudo semántico é máis complexo e impreciso ca o léxico, porque as unidades léxicas en que se pode descompoñer unha palabra son máis evidentes ca as unidades semánticas. As unidades semánticas, unidades mínimas de significado, reciben o nome de trazos semánticos ou semas.
Por exemplo, o significado de gato pódese descompoñer nos semas: [+animal], [+felino], [+doméstico]. Gata contén tamén os mesmos semas e, ademais, un cuarto: [+femia]. Os dous formarían o campo semántico dos 'animais felinos domésticos', que ao mesmo tempo é un subcampo dos 'animais felinos'. Do mesmo xeito, podemos descompoñer motocicleta en: [+vehículo], [+de dúas rodas], [+motorizado]. Un campo semántico é un conxunto de palabras que teñen en común polo menos un sema ou trazo semántico.
Definición semántica das palabras
Para definir a estrutura dun campo semántico hai que considerar primeiro as palabras que o forman. Despois, esas palabras analízanse en semas ou trazos semánticos. Para definir o campo non é preciso establecer moitos trazos semánticos. Logo debemos indicar o sema ou semas que opoñen o significado de cada unha desas palabras ao de todas as demais pertencentes ao mesmo campo semántico.
Por exemplo, o campo semántico dos 'fenómenos meteorolóxicos relacionados coa auga' é un campo definido por estes dous trazos: [+fenómeno meteorolóxico], [+con auga]. Dentro deste campo están: nube, néboa, orballo, chuvia, neve e sarabia.
O teatro galego posterior a 1975
Á aparición a finais dos 70 de novos autores que, ao abeiro dos últimos anos da Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, inician unha lenta renovación formal, súmase, en 1980, a aprobación do Estatuto de Autonomía. Isto supón a posta en funcionamento de institucións autonómicas que posibilitan a creación dun Centro Dramático Galego (CDG) e o establecemento dunha política cultural que ha de influír sobre a produción e o consumo da literatura dramática en Galicia. Péchase, pois, nestes anos unha experiencia e ábrense novas perspectivas e diferentes posicionamentos na literatura dramática, todos cun obxectivo común: a configuración dunha estrutura profesional e institucional para o teatro galego desde a posición iniciada polo teatro independente. Pódense distinguir varias etapas ou modelos:
- Teatro independente: Segue nos anos 70 unha traxectoria itinerante na procura dun público popular.
- Teatro profesional: Xorde en 1980 coa finalidade de crear un teatro estable.
- Teatro institucional: Dependendo da Dirección Xeral de Cultura, nace o Centro Dramático Galego (CDG).
- Formación: No ano 2007 créase a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.
O teatro na fin de século
Distínguense dúas promocións: a Promoción de 1980 e a Xeración dos 90. Aínda que se fale de dúas xeracións diferentes, non hai que esquecer a innegable continuidade temática e estilística nos seus escritores, que fan posible a convivencia de liñas e autores de promocións diferentes. As dúas adoitan agruparse na chamada Xeración Postabrente.
O marco no que se desenvolve a literatura dramática das últimas décadas vén lastrado pola falta dun público consumidor de textos teatrais e polas escasas iniciativas editoriais; isto provoca que os premios literarios cobren un papel decisivo. Coleccións como a Biblioteca do Arlequín ou premios como o Rafael Dieste serven para ofrecer aos autores unha plataforma de proxección.
Como referentes na normalización da vida teatral, xorden as compañías estables: Antroido, Trola, Artello, Ítaca... Entre mediados e finais dos oitenta tamén se poñen en marcha novas mostras e festivais que van consolidando a creación dun tecido teatral básico e un proceso de asentamento profesional que vai callar en grupos como Matarile ou Chévere. Tras a creación do IGAEM en 1990, aumenta considerablemente o número de compañías: Ollomol, Librescena… así ata un total de 46 compañías rexistradas no 2000.
Liñas temáticas principais:
- Compromiso: Alberto Avendaño, Xesús Pisón...
- Culturalismo: Luísa Villalta, Lino Braxe...
- Neorruralismo: Raúl Dans, Cándido Pazó...
- Comedia: Cándido Pazó...
- Teatro histórico e mítico: María Xosé Queizán...
- Teatro posmoderno: Gustavo Pernas...
- Intertextualidade lúdica: Miguel Anxo Murado, Cándido Pazó...
A Promoción de 1980
Son autores e autoras nados na década dos 50. A diferenza do Grupo Abrente, esta promoción mantén unha relación menos estreita co teatro, de xeito que moitos deles acadaron maior éxito e continuidade noutros xéneros, como a poesía. O interese por acadar novas linguaxes, novas estruturas e novos lectores determina neste grupo unha vertente culturalista que se materializa nun fondo lirismo e contido simbólico. A maior parte dos elementos deste culturalismo están xa presentes na obra de autores do Grupo Abrente.
Trazos xerais:
- Frecuente recurso ao metateatro.
- Teatro culturalista cun forte compoñente simbólico e irónico.
- Rexeitamento das formas abertamente lúdicas.
- Presenza dun humor á beira do absurdo.
- Os procesos de abstracción e xeneralización levan a unha práctica de anonimia dos personaxes.
Autores destacados:
Como autor paradigmático desta xeración, Miguel Anxo Fernán-Vello viu publicadas todas as súas obras, ben premiadas no concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega.
A liña culturalista revélase no simbolismo decadentista de A tertulia das máscaras.
Esta vía do metateatro como novo medio de expresión e comunicación teatral será a experimentada por Andrés Álvarez Vila e X. Cid Cabido coa peza Copenhague.
O culturalismo mesturado coa ironía, como no caso de Luísa Villalta, ten unha proposta máis persoal na obra de João Guisan.
Na peza Un escenario chamado Frederico desenvolve de xeito orixinal o vello tema do triángulo amoroso, transformando o escenario no protagonista da historia de amor.
Obras posteriores deste mesmo autor son Teatro para se comer e Tábua ocre, na que Guisan fai amoreamento de todos os recursos.
Parece que a opción estética do culturalismo declina na escrita de Xesús Pisón Villapol, continuador da liña esperpéntica de Euloxio R. Ruibal ou Roberto Vidal Bolaño. Consagrarase cun texto cargado de fantasía e de lirismo á par que de crítica social, para despois servirse doutros textos que, como Venenos, nos mostren unha amarga visión do ser humano.
As últimas obras, máis experimentais, continúan na liña de mostrar a incomunicación a través dun teatro mudo ou de diálogos espidos.
Nunha liña máis crítica desenvólvese o teatro de Xosé Luís Martínez Pereiro; o metateatro, o culturalismo ou o pretendido vangardismo do noso teatro son temas tratados cunha visión paródica e corrosiva.
Máis desenfadado atopamos o teatro de Anxo Rei Ballesteros ou de Alberto Avendaño Prieto, que en Fin de acto fai unha lúdica reflexión sobre a política do teatro contemporáneo.
As pezas de Antón Reixa ou Xosé Carlos Cermeño achegan a esta liña de teatro irónico fórmulas posmodernas, mentres que na obra de Roberto Salgueiro son as estratexias esperpénticas as que posibilitan unha lectura crítica.
Na corrente da intertextualidade, atopamos autores como Paulino Pereiro ou Manuel Guede.
Temos tamén incursións no ámbito da literatura dramática doutros autores máis coñecidos noutros campos literarios, como Suso de Toro.
A Xeración dos 90
Atopamos unha maior presenza dos autores ocasionais. En xeral, apréciase unha superación da liña estilizante anterior cara a propostas e linguaxes máis comunicativas. Confírmase nesta década o compromiso profesional co teatro galego, cada vez máis favorecido polas axudas á normalización que emprenden as institucións galegas. Hai unha estreita dependencia destes autores respecto do circuíto dos premios literarios, fundamentalmente os da Escola Dramática Galega.
Trazos xerais:
- Menor carga simbólica.
- Preferencia pola intertextualidade.
- Coidado na estrutura da peza.
- Redescuberta da comedia como modelo xenérico.
- Converxencia entre literatura dramática e espectáculo.
- Primacía do carácter lúdico sobre o transcendental.
- Cultivo da comedia e do teatro histórico.
Autores destacados:
Cándido Pazó González é autor de Commedia, un xoguete para Goldoni, Raíñas de pedra, O rei nu e Nau de amores.
Miguel Anxo Murado escribiu A grande noite de Fiz e Historias peregrinas.
A liña culturalista segue vixente en Henrique Rabuñal, que escribe A noite das noites (con dous monólogos: Orati Mare e Amleth, voz e verbo).
Quizais Xavier Lama sexa o mellor expoñente de que o texto se converte no obxectivo fundamental desta xeración para a elaboración dunha dramaturxia que bebe nas nosas propias tradicións, tanto na temática coma no tratamento.
Do mesmo xeito que serán referentes o teatro de Valle-Inclán e o de Otero Pedrayo, serao Vidal Bolaño en O peregrino errante que cansou ao demo.
Raúl Dans escribiu dúas traxedias, Matalobos e Estrema, que abren a liña neorruralista deste autor.
Lino Braxe publicou en 1991 A promesa e tamén o monólogo A actriz, que recrea de novo as interferencias entre teatro e vida.
Como contribucións á comedia, á parte de Miguel Anxo Murado, temos as obras de Manuel Carlos Núñez Singala e Roberto Salgueiro.
O teatro de Imma António Souto xira arredor do mundo feminino con reflexións sobre o amor.
O ensaio: da posguerra á actualidade
O importante labor desenvolvido polo Grupo Nós no primeiro terzo do s. XX verase interrompido pola Guerra Civil, que provoca, cando non o asasinato ou o exilio, a dispersión dos seus membros. Sobre os anos 50 xorde a actividade do grupo da Editorial Galaxia, no que converxen autores consagrados con outros máis novos como Xoán Rof Carballo, Ramón Piñeiro, etc., todos conscientes do labor xeracional de recoller e transmitir o legado dos seus predecesores e xerar unha nova toma de conciencia de Galicia a través dunha gama riquísima de temas e enfoques sobre a realidade económica e sociocultural do país.
O grupo de Galaxia
A figura de Ramón Piñeiro destaca fundamentalmente na faceta de coordinador e animador cultural. Con outros membros do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas tratou de modernizar o noso ámbito cultural. Filosofía da saudade (1953) reúne todos os traballos anteriores sobre este tema cun estilo expositivo pleno de claridade e sinxeleza.
Aquí tamén atopamos a Domingo García-Sabell; a diversidade de temas converxen na análise existencial do home galego, visto desde diferentes enfoques en varias obras.
O interese de Xoán Rof Carballo reside no seu libro de ensaios Mito e realidade da terra nai.
Francisco Fernández del Riego é tamén un dos máis destacables na dinamización da cultura galega. Colabora na fundación de Galaxia e contribúe con participacións diversas ao ensaio e á análise literaria.
O ensaio nas últimas décadas do século XX
Tras o recoñecemento da lingua galega na Constitución española (1978), a entrada en vigor dun Estatuto de Autonomía (1981) e a aprobación da Lei de normalización lingüística (1983), ábrese o camiño á escolarización en galego e propíciase a ampliación do mundo editorial, coa creación de coleccións específicas non só para a actividade literaria, senón tamén para o ensaio.
Revistas de pensamento destacadas:
- Encrucillada (1977): pensamento cristián.
- Festa da Palabra Silenciada (1983) e Andaina (1983): orientación feminista.
- Luces de Galiza (1985): crítica e cultura.
- A Trabe de Ouro (1990): pensamento crítico de esquerdas.
Esta actividade corre tamén parella coa dotación de premios ao ensaio. Organizado pola Editorial Galaxia, destaca o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.
Neste discurso poden verse diferentes liñas, non sempre separables na obra dos seus autores:
- Unha na que se ve a realidade galega como problemática ou conflitiva.
- Outras que encamiñan as vías de investigación cara a estudos nos que non se amosa de maneira explícita ou aberta esta problemática, pero nos que case sempre se enfocan desde perspectivas nacionalistas.
En xeral, amplíanse as liñas ensaísticas de etapas anteriores e incorpóranse novos temas e metodoloxías, cubrindo a totalidade dos campos da actividade individual e colectiva. A crecente especialización en diversas áreas provoca que o ensaio contemporáneo se afaste daqueles elementos que mellor o identifican e se converta, en determinados casos, nunha modalidade academicista, froito da investigación universitaria, que non fai senón incrementar o carácter minoritario que ten este xénero.