Glosario de urbanismo, agricultura e pesca
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,58 KB
Glosario de urbanismo, agricultura e pesca
Conxunto de definicións clave relacionadas co urbanismo, a actividade agropecuaria, a pesca e a xestión forestal en galego. Este glosario recolle termos básicos e as súas explicacións para estudos e consultas.
Área suburbana / periurbana
Área suburbana/periurbana: é o espazo periférico no que medra a urbe e en que a cidade contacta co campo circundante; é dicir, un espazo de converxencia entre a cidade e o medio rural. Pode presentar aspectos moi diversos: casas unifamiliares, grandes conxuntos de edificios e tamén barrios de chabolas. Dentro da periferia urbana aparecen, polo tanto, barrios residenciais, áreas industriais e áreas de equipamento, pero todos dependen economicamente da cidade central.
Área metropolitana
Área metropolitana: é unha gran extensión urbana que rodea unha cidade importante e abrange administrativamente varios municipios, entre os que existen importantes relacións económicas e sociais que fan necesaria a planificación conxunta e a coordinación de determinados servizos e obras. A estrutura interna da área metropolitana adoita dividirse en tres sectores:
- Centro urbano;
- Área submetropolitana (barrios periféricos);
- Área suburbana (periferia).
Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU)
Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU): é o instrumento básico para a ordenación integral dun municipio. Proxecta o desenvolvemento urbano e define aspectos como os usos do solo (residencial, industrial, protexido), a clasificación do solo (urbanizable, non urbanizable), a densidade de edificación, a rede viaria, os equipamentos xerais e as medidas de protección do medio natural e urbano. Tamén inclúe a financiación, o período de vixencia e as cláusulas de revisión.
Xentrificación
Xentrificación: é un proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra de maior nivel adquisitivo. É un fenómeno característico da etapa do posfordismo. Con este proceso de alonxamento da poboación de baixo poder adquisitivo prodúcese unha revalorización do solo e a súa recalificación para residencias de alto nivel.
Acuicultura
Acuicultura: conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico dos animais ou das plantas acuáticas ou no seu medio, permite controlar a súa reprodución e crecemento. É unha solución ao problema do déficit de produtos pesqueiros, aínda que as instalacións son custosas. Hai dous grandes tipos:
- Acuicultura de auga doce: piscifactorías de salmón, troita, carpa, crustáceos, etc.
- Acuicultura mariña: concentrada nos moluscos (sobre todo mexilón, ostras, ameixas) e tamén en especies como lubina, dourada, rodaballo.
Agricultura ecolóxica
Agricultura ecolóxica: é o cultivo de vexetais que utiliza só sistemas naturais para producir e non recorre ao emprego de produtos químicos sintéticos. Tras descontaminar os solos úsanse fertilizantes orgánicos, rotación de cultivos e métodos naturais para combater as pragas. Os produtos son máis sans, pero resultan máis caros; por iso a demanda é menor e unha gran parte da produción exportase.
Denominación de orixe
Denominación de orixe: distinción que se outorga a certos produtos, xeralmente de alta calidade, para garantir e identificar o seu lugar de procedencia e evitar as falsificacións e a invasión do mercado.
Desagrarización
Desagrarización: proceso que consiste na paulatina perda de importancia económica do sector primario no PIB e no emprego dun país. Tradicionalmente ocorre coa industrialización e a terciarización, xa que estes sectores teñen maior valor engadido e xeran máis emprego. É un proceso asociado á economía postindustrial e ás chamadas sociedades do benestar. En España, por exemplo, o sector primario aportaba case o 30 % da riqueza do país nos anos 60 do século XX e na actualidade arredor do 6 %.
Explotación intensiva
Explotación intensiva: agricultura ou gandería localizada sobre unha superficie moi limitada de terreo, que require un gran investimento de capital e traballo co fin de obter rendementos elevados. Implica a utilización de maquinaria, fertilizantes, etc., para aumentar o rendemento, obter máis dunha colleita anual ou acelerar o crecemento da gandería.
Política pesqueira comunitaria
Política pesqueira comunitaria: conxunto de normas e mecanismos da Unión Europea que regulan as actividades de explotación, transformación e comercialización nos países membros. Os seus obxectivos son, entre outros:
- Un desenvolvemento racional da produción;
- Aumento da produtividade;
- Garantir un nivel de vida equitativo para a poboación pesqueira;
- Estabilizar os mercados;
- Asegurar prezos razoables aos consumidores.
Silvicultura
Silvicultura: ciencia ou actividade que ten por obxecto o cultivo, a conservación e o aproveitamento dos montes. O seu principal cometido é a explotación da madeira, aínda que tamén actúa sobre a protección e a rexeneración dos montes e dos seus solos, sobre a prevención de incendios e de pragas, e sobre o desenvolvemento dos variados usos que pode ofrecer o monte.