Conceptos Básicos de Demografía e Poboación en Galego
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,44 KB
Censo de poboación
Recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación e as súas principais características (demográficas, socioeconómicas, socioculturais, etc.). Realízase nos anos rematados en 1.
Crecemento real
Variación do efectivo dunha poboación durante un período de tempo, resultado do balance entre o crecemento natural (ou vexetativo) e a migración neta. A fórmula é: CR = CV + SM ou CR = (TN - TM) + (I - E).
Crecemento vexetativo
Tamén chamado crecemento natural, mide a variación do volume dunha poboación durante un período de tempo debido ao balance entre nacementos e defuncións. A fórmula é: CV = TN – TM, e exprésase en %.
Densidade de poboación
Relación establecida entre o número de individuos que compoñen unha poboación e a superficie que ocupa. Exprésase en habitantes por quilómetro cadrado (hab./km2).
Emigración
Desprazamento dun individuo desde un territorio cara a outro distinto. Pódese distinguir entre unha emigración interior ou exterior segundo se realiza ou non dentro dos límites dun Estado. As causas son fundamentalmente económicas.
Esperanza de vida
Cálculo do número medio de anos que un individuo pode esperar vivir, ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. En España, en 2005, era de 83,9 anos para as mulleres e 77,4 para os homes.
Estrutura demográfica
Composición dunha poboación en función dunha serie de variables: sexo, idade, actividade profesional, estado civil, nivel de instrución, etc.
Éxodo rural
Fenómeno migratorio que implica o cambio de residencia da poboación do medio rural cara aos núcleos urbanos. Estas migracións supoñen, xeralmente, o cambio de actividade económica (do sector primario ao secundario ou terciario).
Índice de envellecemento
O índice de envellecemento calcúlase poñendo en relación o grupo de idades de máis de 65 anos co grupo de 0 a 15 anos. Se o resultado é igual ou superior a 1 (ou ao 100%, segundo a fórmula), a poboación comeza a amosar claros signos de envellecemento.
Inmigración
Traslado de poboación cara a un espazo concreto, de tal xeito que, para os habitantes do espazo receptor, esa poboación constitúe un fluxo de inmigrantes.
Movemento pendular
Desprazamento que realiza unha persoa desde o seu lugar de residencia ao lugar onde traballa, movemento que a maioría das veces é de carácter diario.
Nomenclátor
Relación das entidades de poboación que conforman un determinado territorio. O nomenclátor español inclúe datos de poboación, vivendas, distancias quilométricas, altitude, etc., dos distintos municipios.
Padrón municipal
O padrón municipal de habitantes é un rexistro administrativo público e fidedigno para todos os efectos, que contén a relación dos habitantes dos termos municipais (nome, apelidos e domicilio) con algunhas das súas características. A diferenza do censo (que é un documento estatístico e secreto, realizado cada 10 anos e centrado en máis variables como matrimonios, nacementos, defuncións, etc.), o padrón actualízase continuamente e é a proba da residencia no municipio.