Guía Completa de Conceptos de Agricultura e Pesca en Galicia
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 20,59 KB
Agricultura
Accións transformadoras do medio natural que o home leva a cabo co fin de producir vexetais para a súa alimentación, para a alimentación de animais e outros fins. A poboación ocupada na agricultura descende a medida que un país se vai desenvolvendo economicamente.
Agricultura a tempo parcial
Tipo de agricultura, cada vez máis frecuente en Galicia, no que o empresario vive coa súa familia na explotación, obtendo a maioría dos ingresos económicos doutra fonte distinta á agricultura. A muller é a que traballa a maior parte do tempo na explotación, namentres o home e os fillos teñen actividades principais doutro tipo. Non tende á especialización e baséase nun tipo de explotación de reducidas dimensións. Propicia a fixación da poboación rural ao seu medio.
Agricultura comercial
Variedade de agricultura que ten como característica principal a de destinar a produción á comercialización. Está moi mecanizada, mostra un alto grao de capitalización, con alta produtividade e alto grao de especulación. O tipo de parcela e os rendementos son variables, dependendo do tipo de cultivo de que se trate. Depende do mercado, polo que lle afectan decisivamente as oscilacións que nel se producen.
Agricultura de secaño
Tipo extensivo de agricultura, caracterizada por practicarse en áreas onde os cultivos non precisan rega artificial para o seu crecemento.
Agricultura extensiva
Tipo de agricultura na que se practica un sistema de cultivo extensivo. Require grandes extensións de terreo e proporciona baixos rendementos debido aos escasos investimentos que recibe e/ou ao emprego de técnicas tradicionais.
Agricultura intensiva
Tipo de agricultura na que se practica un sistema de cultivo intensivo. Localízase sobre unha superficie reducida de terreo, que proporciona altos rendementos grazas aos elevados investimentos que recibe en traballo ou no emprego de técnicas avanzadas.
Agricultura protexida ou de invernadoiro
Tipo de agricultura comercial intensiva desenvolvida en pequenas parcelas que presentan a particularidade de estar resgardadas das inclemencias do tempo mediante un plástico que recobre unha estrutura logrando crear un microclima de características distintas ao que se dá no contorno exterior. Con este sistema lógranse cultivos, case sempre de horta, fóra da estación normal en que se producen con circunstancias climáticas normais, o que supón un aumento no valor do produto.
Agrocidades
Núcleos de poboación cuxas actividades son principalmente agrarias, pero que polo seu tamaño poderían considerarse cidades.
Área periurbana
Espazo localizado na periferia urbana, de transición entre a cidade e o campo, no que se mesturan os usos do solo e as formas de vida propias de ambos os dous.
Barbeito
Terra de labradío que se deixa sen cultivar un ano ou máis co fin de que o terreo canso recupere as substancias que lle subtraeron os cultivos que nel se deron.
Campos abertos
Parcelas que non teñen límite físico. Propios de zonas de secaño.
Campos cerrados
Denominación que reciben aquelas paisaxes agrarias que mostran un parcelario dividido debido á existencia de cercas nos seus lindes. Habitualmente trátase de sebes vivas, elevacións de pedras soas ou mesturadas con terra, ou, máis recentemente, postes unidos con arame. A paisaxe de campos cerrados ou bocage é característica da fachada atlántica de Europa.
Canada (cañada)
Camiño empregado para o tránsito de gando trashumante.
Catastro parcelario
Rexistro das propiedades territoriais que ten por obxectivo o equitativo reparto do imposto territorial. Nel pódese apreciar a distribución do dominio útil do chan, os seus usos, clases de cultivo e a súa extensión, técnicas de rotación deses cultivos, rendemento medio por unidade media de terreo, etc. Serve para estudar o espazo rural e é un instrumento imprescindible na planificación e ordenación rural.
Concentración parcelaria
Proceso, levado xeralmente por organismos públicos, que supón a redución en número, a regularización dos contornos e o aumento da superficie das parcelas dunha determinada área, logo de medición, avaliación edáfica, topográfica, económica… O proceso supón o intercambio de terras entre veciños e a apertura dunha serie de vías de comunicación que conectan as novas parcelas cos núcleos de poboación e coas principais vías de comunicación do lugar.
Cooperativas agrícolas
Sociedades cooperativas, integradas en xeral por medianos e pequenos agricultores, co fin de dotarse dunhas unidades de produción, comercialización ou consumo competitivas fronte a outro tipo de empresas de carácter non cooperativo. Son variadas: de comercialización, de produción, crédito, maquinaria, de consumo de produtos necesarios para as actividades agrícolas (adubos, insecticidas, etc.), integrando algunhas delas varias destas actividades.
Cultivo forraxeiro
Aquel destinado á alimentación animal.
Estabulación
Residencia e manutención dos animais na corte de maneira temporal ou permanente.
Explotación agraria
Terreo no que se desenvolven actividades agrícolas ou gandeiras.
Explotación gandeira
Unidade económica conformada polo conxunto de animais, dependencias e terras pertencentes habitualmente a un só propietario que se utiliza para a produción de leite e/ou carne.
FEAGA
Fondo Europeo Agrícola de Garantía. Substitúe ao FEOGA desde 2006. Financia as intervencións destinadas á regulación dos mercados agrarios, as restitucións á exportación, as axudas directas aos agricultores e gandeiros, a promoción dos produtos agrarios europeos no interior e no exterior da UE, e as axudas á reestruturación e diversificación da produción.
FEOGA
Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria. Encargouse ata 2006 de financiar os gastos ocasionados pola implantación da PAC, isto é, a política de mercado da UE e as subvencións aos agricultores.
Gandería
Conxunto de actividades agrarias baseadas na explotación de animais domésticos coa finalidade de obter un beneficio económico.
Labradío
Todas aquelas terras dedicadas a cultivos diversos incluídos os prados artificiais.
Latifundio
Tipo de propiedade agraria caracterizada pola súa gran extensión superficial (máis de 100 ha). Ademais da extensión tamén se considera como propios do latifundio uns medios de produción deficientes, pouco grao de tecnificación, explotación extensiva, e un alto grao de conflitividade social pola existencia de campesiños sen terra que ven como os latifundios están infraexplotados sen que o propietario se preocupe de mellorar os rendementos. Para intentar solucionar o problema idéanse políticas de reforma agraria baseadas na expropiación das terras de baixa rendibilidade e a súa redistribución entre os campesiños que non posúen terras.
Leira
Porción de terreo dunha soa peza dependente dun único explotador que está delimitada por unhas lindes.
Minifundio
Propiedade agrícola de dimensións moi reducidas (menos de 10 ha) en moitos casos non rendible.
Monocultivo
Consiste en cultivar nun espazo un só produto. O obxectivo é obter a máxima produción co mínimo custo para facela competitiva, xa que se destina ao mercado.
Paisaxe agraria
Aquelas áreas conformadas polo espazo rural con todos os elementos que lle son propios: hábitat, parcelario, rede de camiños, cultivos, etc.
Parcela agraria
Segundo o censo agrario é unha extensión de terra que está baixo unha linde, rodeada por edificios, terra ou auga que non pertencen á mesma explotación á que pertence dita extensión de terra. É a unidade básica de cultivo. Pode ser de forma regular ou irregular, grande ou pequena, dependendo de factores físicos e humanos.
Pecuario
Todo aquilo que fai referencia ao gando e á gandería.
Policultivo
Consiste en cultivar no mesmo espazo agrícola varias especies vexetais. É propio de países subdesenvolvidos onde a produción vai destinada ao autoconsumo. Tamén en países desenvolvidos en zonas de horta, igualmente con destino ao autoconsumo.
Programa LEADER
Iniciativa comunitaria que trata de paliar os efectos da Política Agraria Comunitaria en diversas áreas rurais europeas, fomentando investimentos, proxectos de desenvolvemento endóxeno, de innovación rural e de revitalización das zonas deprimidas.
Propiedade
Concepto xurídico que se refire ao dono da terra. Podemos diferenciar entre a gran propiedade (latifundio) e a pequena propiedade (minifundio).
Rega permanente
Sistema de rega que ten a calidade de achegarlle auga durante todo o ano a un determinado sector de terreo que permanece cultivado.
Rega por aspersión
Sistema de rega baseado na utilización de aspersores. Ten a calidade de reproducir o mesmo tipo de rega que produce a choiva. Vantaxes: aproveitamento da auga, baixo custo das instalacións, aforro en man de obra.
Rega por goteo
Conduce a auga a cada planta a través de canalizacións con orificios, achegándolle tamén os nutrientes e os produtos fitosanitarios necesarios no momento axeitado. Afórrase moita auga e minimízase o transporte de nitratos pola auga, reducindo este tipo de contaminación. Nalgúns casos a rega contrólase por ordenador.
Rega por infiltración
Sistema de rega que emprega toda unha serie de canles que teñen a misión de distribuír a auga regularmente por todo o terreo. A auga infíltrase no solo, a través dunhas perforacións feitas nas paredes das canles.
Rega por gravidade, á manta, por inundación ou por submersion
Tipo de rega baseado no asolagamento completo da terra por unha capa de auga de maior ou menor grosor e durante un determinado período de tempo. Pode deberse a causas naturais como o desbordamento dun río ou á construción de pequenos diques de contención das lindes das parcelas para mantelas inundadas certo tempo.
Regadío
Terras que posúen a condición de poderse regar por auga que non procede directamente das precipitacións atmosféricas. A produción deste tipo de terras é moi superior á rexistrada nas de sequeiro. Moitas veces asócianse a un tipo de cultivo intensivo.
Rendemento agrario
Produción por unidade de superficie.
Réxime de tenencia da terra
Grao de dominio sobre a terra que ten o empresario agrícola. É directa cando o propietario e o empresario son a mesma persoa, ou indirecta cando o propietario cede o dereito á terra a un empresario a cambio dunha porcentaxe da colleita (parcería) ou pago dunha renda (arrendamento).
Rotación de cultivos
Sucesión periódica de cultivos nun terreo co fin de lograr os máximos rendementos sen que por isto a terra se esgote, polo que adoitan sucederse cultivos mellorantes e cultivos esquilmantes uns a outros.
Rústico
Todo o relativo ao campo ou propio deste: edificacións, parcelario, etc.
Secaño
Terra de labor que non ten rega.
Sistema de cultivo extensivo
Aquel que produce uns rendementos por unidade de superficie baixos. Adoita practicarse nas grandes explotacións empregando un volume reducido de man de obra.
Sistema de cultivo intensivo
Sistema do que se obteñen uns elevados rendementos por unidade de superficie froito da utilización de fertilizantes xunto con fortes doses de traballo. Habitualmente practícase en pequenas explotacións.
Superficie Agrícola Útil (SAU)
Superficie que se pode aproveitar por unha explotación agrícola.
Terraza de cultivo
Franxa de terreo, moitas veces preto dun río, de aproveitamento agrícola que se construíu aproveitando a inclinación natural do terreo. Dan lugar a paisaxes de socalcos en distintos niveis.
Transxénicos
Plantas modificadas xeneticamente, é dicir, sometidas a unha alteración dos seus xenes ou que recibiron xenes procedentes doutros organismos para dotalas de certas propiedades: resistencia ás malas herbas e a certas pragas, maior rendemento, etc.
Trashumancia
Práctica propia do pastoreo seminómada, na que se traslada o gando seguindo os ritmos estacionais: no inverno aproveitan os pastos das chairas e os barbeitos e no verán aproveitan os pastos de montaña. A trashumancia tivo un gran desenvolvemento en Castela durante a Idade Media, organizada pola Mesta e apoiada pola Coroa. Hoxe é un sistema de gandería en total regresión.
Acuicultura
Conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico de animais ou plantas acuáticas, ou no medio no que habitan, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento.
Acuicultura extensiva
Interfire nalgunhas fases da produción, como a reprodución ou a alimentación, por exemplo a ceba de peixes aproveitando estruturas preexistentes ou a fixación de colonias de moluscos creando arrecifes artificiais.
Acuicultura intensiva
Intervén en todo o proceso vital da especie. Vese favorecida polas liñas de investigación e desenvolvemento estatais e europeas.
Artes de pesca ou marisqueo
Conxunto de aparellos que se empregan para capturar peixes e outros animais acuáticos. Aplícanse indistintamente os termos aparellos e artes de pesca/marisqueo.
Augas territoriais
Sector mariño no que un estado ten xurisdición e pode exercer a súa soberanía. A delimitación deste espazo sufriu varios cambios ao longo do tempo co ánimo de darlle máis extensión debido á importancia económica que ten a explotación dos recursos pesqueiros. Actualmente son 200 millas as consideradas como patrimonio económico dun Estado, aínda que só as 12 primeiras constitúen o mar territorial exclusivo.
Banco
Agrupación de peixes pertencentes a unha mesma especie e que viven próximos ou se desprazan en masa. A localización destes bancos resulta de gran interese nas actividades pesqueiras.
Caladoiro
Área no mar onde, debido á riqueza dos recursos pesqueiros, os barcos faenan.
Cotas pesqueiras
Porcentaxe dos TACs (totais admisibles de capturas) de especies de pesca que un Estado ou organismo supranacional competente sobre a xestión dos recursos ícticos de determinado caladoiro ou zona de pesca asigna a outro Estado ou comunidade de nacións. A UE efectúa o reparto de cotas pesqueiras entre países membros para especies situadas nos caladoiros comunitarios. Tamén reparte cotas para a pesca de especies en caladoiros alleos, en virtude de acordos con outros países ou organismos internacionais.
Marisqueo
Actividade recolectora de moluscos bivalvos que se atopan formando bancos naturais en toda a beiramar. Pode realizarse a pé ou desde embarcación, a man ou con axuda dun aparello.
Paros biolóxicos
Cesamento temporal da actividade pesqueira nas zonas con problemas de sobreexplotación, co fin de posibilitar a recuperación dos recursos.
Pesca de altura
Pesca realizada en mar aberto, máis alá das 50-60 millas de distancia do litoral. Está regulada por acordos internacionais e a frota que se dedica a esta pesca está formada por barcos de mediana e gran tonelaxe.
Pesca de baixura
A que se realiza entre o litoral e as 50-60 millas, dentro das augas xurisdicionais. As embarcacións empregadas caracterízanse pola súa pequena tonelaxe. Tamén chamada pesca de litoral.
Pesca de gran altura
A que se realiza en lugares moi afastados. A frota galega practica esta pesca a partir do desenvolvemento das técnicas de conxelación dos produtos pesqueiros ocorrido nos anos 60. Emprega embarcacións de gran tonelaxe que se concentran en poucos portos (Vigo, A Coruña, Marín, Ribeira, Vilagarcía e Ferrol) e que desenvolven actividades en lugares moi afastados como o SO de África, Terra Nova, etc.
Piscicultura
Actividade consistente na crianza de peixes en catividade. Pode ser costeira ou interior, de auga salgada ou doce. Emprega técnicas avanzadas que fan aumentar a produción e os beneficios desta actividade. As principais especies que se empregan son a troita e o rodaballo.
Rexión pesqueira
Extensión xeográfica que consta dunha serie de especies mariñas (peixes e outros animais acuáticos) en función dunhas características físicas (clima, relevo...).
Zona Económica Exclusiva
Ou augas xurisdicionais, é a área sobre a que un Estado ten dereitos exclusivos de pesca (200 millas).
Os Espazos da Actividade Pesqueira
1. O Espazo Pesqueiro
- Zona Económica Exclusiva (augas xurisdicionais): ata 200 millas.
- Rexións pesqueiras: NO, Cantábrica, Tramontana, Levantina, Surmediterránea, Suratlántica, Balear, Canaria.
2. Actividade Pesqueira
- Destino: Consumo humano (máis en fresco que en transformados industriais).
- Rexións pesqueiras máis importantes: galega e rexións atlánticas.
- Especies capturadas: peixe (90%) – pescada, anchoa, atún, bonito, sardiña, moluscos e crustáceos.
- Frota:
- Artesanal: Caladoiro nacional, técnicas tradicionais.
- Altura e grande altura: Caladoiros alleos con barcos fábrica.
- Pesca desembarcada: Crecemento ata 1976, seguido de descenso por esgotamento, cotas da UE e restricións internacionais.
- Entrada na UE: PPC (Política Pesqueira Común), que implica liberalización de intercambios, fixación de prezos e directrices comunitarias.
3. A Crise da Pesca
3.1. Indicadores da crise
- a) Descenso da poboación ocupada.
- b) Diminución da súa contribución ao PIB, a pesar do importante efecto multiplicador noutras actividades.
- c) Comercio exterior pesqueiro deficitario.
3.2. Problemas da pesca e política pesqueira
- Directrices da UE: Competitividade e sostibilidade, con axudas do FEP (Fondo Europeo de Pesca).
- Estado español: Lei de Pesca do Estado (planificación xeral) e Plan Estratéxico Nacional (concreción das directrices europeas).
- CC.AA.: Augas costeiras, marisqueo e cultivos mariños.
3.2.1. Problema dos caladoiros
- a) Caladoiro nacional:
- Plataforma continental reducida.
- Sobreexplotación e contaminación.
- Plan Integral de Recuperación dos Recursos.
- b) Caladoiros comunitarios:
- Cotas anuais.
- c) Caladoiros internacionais:
- Restricións de pesca.
- Establecemento de Zonas Económicas Exclusivas (200 millas).
- Regulación en alta mar (Organizacións Rexionais de Pesca).
3.2.2. Problemas demográficos
- Poboación escasa, envellecida e con pouca formación.
- Fomento da competitividade e a diversificación, axudas aos novos pescadores, FP.
3.2.3. Problemas económicos
- a) Tamaño excesivo e envellecemento da frota:
- Entrada na UE: Reconversión, que implica redución do tamaño da frota.
- Renovación e modernización.
- b) Escasa diversificación económica dos espazos pesqueiros:
- Promoción de actividades alternativas á pesca.
- c) Insuficiente emprego das telecomunicacións e das novas tecnoloxías:
- Fomento das infraestruturas informáticas e para a adopción das tecnoloxías da información.
- Uso das novas tecnoloxías en detección da pesca, capturas selectivas ou cultivos mariños.
- d) Mellora da transformación e comercialización dos produtos pesqueiros.
- e) Novas normas de seguridade, sanidade e benestar animal.
- f) Esixencias de calidade da demanda.
3.2.4. Problemas sociais
- Revalorización da pesca: Mellora de infraestruturas e axudas para manter a pesca artesanal.
- Diversificación económica: Creación de infraestruturas e reconversión profesional.
3.2.5. Problemas ambientais
- Sobreexplotación dos recursos pesqueiros.
- Contaminación das augas.
4. Acuicultura
- Mariña:
- Cantábrica, Atlántica: mexillón, ostras, ameixas, berberechos, polbo, rodaballo, linguado, salmón.
- Mediterránea, Suratlántica, Canaria: douradas, robalizas.
- Continental:
- Troitas, cangrexos, carpas, esturións.