O Galego nos Medios de Comunicación: Prensa, Radio, TV e Internet

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,55 KB

O galego nos medios de comunicación de masas

A prensa en Galicia

Historia da prensa galega

  • A prensa galega nace no século XIX con xornais en castelán que aparecen e desaparecen cos gobernos liberais.
  • O primeiro foi o semanario El Catón Compostelano (Santiago, 1800).
  • Entre 1833-1868 colaboran na prensa os escritores e galeguistas máis representativos da época e van incluíndo textos —fundamentalmente literarios— en lingua galega.
  • Entre 1868-1874 o galego continúa sendo minoritario na prensa.
  • No último cuarto do século XIX aparece, coa publicación de O Tío Marcos da Portela, a prensa escrita integramente en galego.
  • No século XX o periódico máis importante é A Nosa Terra, pero o acontecemento máis significativo é a publicación da revista Nós.
  • A prensa en galego tivo un auxe importante na República, motivado polo clima de liberdade, que se truncou no franquismo mantendo unha certa actividade no exilio.

A prensa en galego hoxe

  • Tras a morte de Franco produciuse un incremento de publicacións de todo tipo, xa que agora a prensa é plural e existe máis claridade informativa.
  • Os xornais máis relevantes dos últimos anos en Galicia, que utilizan o castelán e, de forma esporádica, o galego, son:
    • Faro de Vigo (1853)
    • El Correo Gallego (Santiago, 1878)
    • La Voz de Galicia (A Coruña, 1882)
    • Diario de Pontevedra (1887)
    • El Progreso (Lugo, 1908)
    • La Región (Ourense, 1910)
    • El Ideal Gallego (A Coruña, 1917)
    • Atlántico Diario (Vigo, 1987)
  • Hoxe en día, ademais da normalización da prensa de información xeral, existe unha gran diversidade de revistas divulgativas e especializadas: Encrucillada, Cadernos de Lingua, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Análise Empresarial.

A radio en Galicia

As primeiras manifestacións en galego na radio son as intervencións en galego dos autonomistas durante a II República, aínda que non existían programas en galego.

Durante o franquismo só se podían escoitar intervencións en galego na radio que chegaba desde o exilio. Concretamente desde a BBC de Londres emítese a primeira emisión; logo chegarían Radio Carve, desde Montevideo, e as emisións patrocinadas pola revista Galicia Emigrante desde Bos Aires.

Nos anos 70, a agrupación cultural O Facho da Coruña, servíndose de Radio Nacional, emitiu os primeiros programas en galego desde Galicia. A mediados dos 80 comezaron a crearse emisoras de radio locais que emiten en galego, e no ano 1985 a única canle pública: a Radio Galega.

A televisión en Galicia

Desde 1956, ano da primeira emisión televisiva en España, as emisións son exclusivamente en castelán. En 1971 creáronse os centros territoriais de TVE, e no ano 1974 comezaron as emisións dalgúns programas en galego, sobre todo informativos rexionais.

En 1985 nace a Televisión de Galicia (TVG), canle pública que emite case integramente en galego.

A publicidade en galego

A maioría da publicidade chéganos en castelán, ou en inglés se o medio é internet; pero a lingua galega comeza a ter presenza tamén neste mundo. O consumidor galego ten unha boa disposición a recibir publicidade en lingua galega; de feito, tres de cada catro galegos consideran axeitada a publicidade nesta lingua e tamén o etiquetado de produtos.

O galego en Internet

No ano 1996 prodúcese un avance masivo na implantación de internet en Galicia e comeza o emprego da lingua na rede. A Administración autonómica comeza a prestar servizos ao cidadán, aparecen as primeiras páxinas web en galego, edicións dixitais dos principais xornais, conmemórase o Día das Letras Galegas e xorden chats, foros e roldas temáticas. Actualmente podemos atopar tamén buscadores e portais galegos e podemos dicir que a nosa lingua serve na rede como vehículo de expresión e comunicación para todo tipo de temas.

A pesar de todo isto, os datos sobre a presenza do galego en internet non son moi positivos, proporcionalmente respecto doutras linguas e do número de falantes, pois son moi poucas as empresas que incorporan o galego nas súas webs. Isto podería constituír un retroceso no proceso de normalización lingüística do galego, pola insuficiente presenza no medio de comunicación por excelencia.