Cantigas Galego-Portuguesas: Tipos, Orixes e Temas
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,65 KB
A Lírica Galego-Portuguesa Medieval
1. Cantiga de Amigo
Son composicións breves, escritas na voz dunha moza solteira e namorada que, xeralmente, se lamenta pola ausencia do seu amigo (o amado). A miúdo, a moza diríxese a unha confidente. Os elementos da natureza adoitan adquirir valores simbólicos:
- Cervos: Simbolizan ao namorado (presentes en moitas cantigas de Pero Meogo).
- Augas: Representan á muller.
- Fontes: Lugar de encontro entre os namorados.
- Mar tempestuoso: Símbolo de paixón.
- Vento: Símbolo da masculinidade.
2. Orixes da Cantiga de Amigo
A cantiga de amigo, ao igual que as kharxas mozárabes, ten a súa orixe nunha tradición lírica popular. As kharxas eran breves composicións escritas no romance mozárabe e constitúen as máis antigas manifestacións escritas da lírica castelá.
3. Variedades da Cantiga de Amigo
- Bailadas: A moza expresa o seu xúbilo por estar namorada e incita ás súas compañeiras a bailar.
- Cantigas de romaría: Relacionadas coas romaxes e peregrinacións a ermidas, igrexas e santuarios.
- Mariñas ou barcarolas: Caracterízanse pola presenza do mar. A amiga conversa a miúdo coas ondas.
- Albas ou alboradas: Localizadas na hora do día do amencer.
4. Cantiga de Amor
É unha adaptación á nosa realidade dun xénero provenzal denominado cançó. Un cabaleiro expresa os seus sentimentos amorosos cara a unha muller, e a súa coita por non ser correspondido. Como temas secundarios, aparecen frecuentemente o eloxio da dama e os síntomas do amor (perda do sono, do apetito e da razón) que levan ao protagonista a morrer de amor.
O namorado debía seguir as normas do amor cortés:
- Amor a unha dama de clase social superior e casada.
- Total sometemento e obediencia do namorado á dama.
- Virtudes do bo cabaleiro:
- Mesura: Non revelar nunca o nome da dama.
- Largueza: Xenerosidade, manifestada facendo regalos.
- A recompensa final era o goce do amor correspondido, denominado joi.
5. Cantiga de Escarnio e Maldicir
O xénero satírico galego-portugués está constituído por unha serie de cantigas nas que todas as clases sociais e os diversos oficios son obxecto de burla máis cruel: monxas pecadoras, malos poetas, infanzóns arruinados, solteiras libidinosas... A diferenza do sirventés provenzal, no que se pretendía facer unha crítica seria, as cantigas galego-portuguesas buscan a hilaridade.
Clasificación Temática:
- Sátira política e militar: Trátanse acontecementos daquel tempo, como a covardía dos nobres cristiáns na guerra contra os mouros.
- Sátira social: Ridiculízanse os diferentes estamentos ou clases sociais, fundamentalmente os infanzóns.
- Sátira de costumes: Faise burla da crenza en agorios e na astroloxía, das modas no vestir, etc.
- Sátira de temática sexual: Trátanse críticas protagonizadas por solteiras, cregos, monxas e homosexuais.
- Sátira moral e relixiosa: Son as composicións máis parecidas ao sirventés provenzal pola súa intención didáctica e moralizadora.
Aspectos Formais:
- Cantigas de escarnio: Nelas están sempre presentes o equívoco e o dobre sentido.
- Cantigas de maldicir: Nelas non hai dobre sentido.