O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI: Contexto e Normalización
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,59 KB
O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI
Características Lingüísticas Fundamentais, Contexto Histórico e Situación Sociolingüística
A pesar do aumento da urbanización e o éxodo rural que vive Galicia desde os anos 60, a finais do século XX, o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, aínda que en descenso.
Marco Legal e Institucional
Coa aprobación da Constitución española en 1978, nace o Estado das Autonomías e recoñece a Galicia, Cataluña e Euskadi como nacionalidades históricas.
- En 1981 apróbase o Estatuto de Autonomía da nosa comunidade, e recoñécese o galego como lingua propia e cooficial, xunto co castelán.
- En 1983 elabórase a Lei de Normalización Lingüística co obxectivo de potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.
- Nesta década dos 80, tamén nace a Mesa pola Normalización Lingüística, unha ONG que defende o uso normalizado do galego e loita arreo por conseguilo.
- En 2004 apróbase o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que contén 445 medidas para potenciar o uso desta lingua.
O Galego no Ensino
Un dos logros máis importantes para o galego foi a súa introdución no ensino, proceso que se desenvolveu en varias fases:
- O decreto de 1975 autorizaba a introdución desta lingua, pero con carácter voluntario.
- Máis tarde, co Decreto de Bilingüismo (1979), establécese por primeira vez a obrigatoriedade do ensino do galego no sistema educativo, desde infantil ata secundaria.
- O Decreto de 1995 establece a obrigatoriedade do ensino en galego, determinando o número de horas e as materias que deben impartirse na nosa lingua.
A introdución do galego no ensino favoreceu a creación de editoriais novas e a consolidación das xa existentes.
Medios de Comunicación e Prensa
No que respecta aos medios de comunicación, a normalización está moi lonxe de acadarse. Canto á prensa escrita, só a finais do século XX aparece o primeiro diario monolingüe no noso idioma, O Correo Galego (xa que as publicacións periódicas en galego anteriores eran semanais ou quincenais, como era o caso de A Nosa Terra). En 2003, O Correo Galego foi substituído por Galicia Hoxe.
Pero o fito máis importante neste ámbito é a creación da CRTVG (Compañía de Radio-Televisión de Galicia), que comeza a emitirse en 1985.
A Lingua Galega e as Novas Tecnoloxías
Nos anos 90 o galego accede ao mundo da informática, aparecendo así programas de ordenador, buscadores e páxinas web no noso idioma.
Normalización e Estandarización Lingüística
En 1982, a Real Academia Galega (RAG), xunto co Instituto da Lingua Galega (ILGA), saca á luz as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.
Nos anos seguintes, o ILGA elaborou o Vocabulario ortográfico da lingua galega, no que se basearían todos os dicionarios e manuais lingüísticos posteriores. Así, de acordo coas directrices do ILGA e da RAG, publícanse a partir de 1982:
- Gramáticas amplas e sistemáticas.
- Manuais ortográficos e de dúbidas.
- Correctores ortográficos e dicionarios.
- Unha gran cantidade de vocabulario técnico especializado sobre os máis diversos temas.
As Normas de 1982 foron reformadas por primeira vez en 1995, e máis amplamente no 2003.