Diversidade Lingüística na Península Ibérica e Historia do Galego
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,53 KB
A Diversidade Lingüística na Península Ibérica
As Linguas da Península Ibérica
A Península Ibérica caracterízase por unha notable diversidade lingüística. Como consecuencia da conquista e integración da península no Imperio Romano, o latín impúxose en todo o territorio da Hispania, coa excepción dos territorios correspondentes ao País Vasco e Navarra. Posteriormente, a invasión musulmá e o establecemento da civilización islámica en Al-Ándalus (séculos VIII-XV) tivo como consecuencia a arabización das rexións centro-meridionais. Nos reinos cristiáns do norte apareceron distintos idiomas romances que irían avanzando cara ao sur, ao compás dos progresos da Reconquista: o galego-portugués no occidente, o castelán no centro e o catalán no Levante. Na actualidade, en España fálanse catro linguas orixinarias: o castelán, o catalán, o galego e o vasco, sendo o castelán a lingua oficial do Estado.
O Castelán ou Español
É a lingua oficial do Estado, que convive en réxime de cooficialidade co galego, o vasco e o catalán. O castelán ten a súa orixe nas terras do centro-norte peninsular: Cantabria, a Castela Setentrional, A Rioxa. Comezou a escribirse na segunda metade do século XII, pero sobre todo foi cultivado a partir do século XIII como lingua literaria e administrativa, nun proceso en que o rei Afonso X coa súa corte xogou un papel sobranceiro. A Gramática de la lengua castellana de Antonio de Nebrija (publicada en 1492) constitúe o primeiro tratado gramatical impreso dunha lingua europea moderna.
O Catalán-Valenciano
O catalán é outro dos idiomas peninsulares derivado do latín. Orixinouse nas comarcas ao norte e ao sur dos Pireneos Orientais entre os séculos VIII e XI; a partir de aí progresou cara ao sur por terras valencianas, seguindo o paso da Reconquista no Levante (séculos XII-XIII). O primeiro libro escrito nunha lingua romance que se publicou na Península Ibérica foi escrito en catalán: Les trobes en llaors de la Verge Maria (Valencia, 1474). A partir do século XV e ata mediados do século XIX, o cultivo do catalán sufriu unha notable decadencia. A principios do século XX, créase o Institut d'Estudis Catalans (1907), para promover o cultivo e o estudo da lingua, e entre 1913 e 1932 elabórase a normativa básica do catalán escrito. Entre 1931 e 1939 Cataluña conta con autogoberno (Generalitat), que oficializa e promove a lingua propia. Na actualidade, o catalán é a lingua non estatal con máis falantes en Europa.
O Galego
O galego é a lingua propia de Galicia, onde é oficial xunto co castelán, de acordo coa Constitución Española de 1978 e segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Orixinouse a partir da evolución do latín falado no noroeste da Península Ibérica. O galego tomou forma entre os séculos VIII e XII. Baixo o reinado de Afonso X O Sabio, na segunda metade do século XIII, o galego experimentou un extraordinario desenvolvemento como lingua culta e escrita. A decadencia do galego arrinca coa imposición do castelán como lingua oficial e literaria, fundamentalmente a partir dos Reis Católicos. Durante tres séculos, vive practicamente repregado como lingua falada do pobo, desprezada polos grupos privilexiados. A mediados do século XIX ten lugar o movemento denominado Rexurdimento e o galego recupérase como lingua literaria. No ano 1906 fúndase a Real Academia Galega, destinada ao estudo e defensa do idioma. A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas na promoción e ensino do galego. Tales competencias foron desenvolvidas no Decreto de Normativización da Lingua Galega (1982). Na actualidade, a súa utilización é maioritaria nas áreas rurais, pero é minoritaria nas grandes urbes, debido á presión do castelán.
Historia da Lingua: Idade Media. Do Latín ao Galego
O galego é unha lingua neolatina ou romance orixinaria do latín, exactamente do latín vulgar ou latín falado que trouxeron os soldados romanos cando conquistaron o territorio que actualmente ocupa Galicia, a finais do século I a. C. Cando o exército romano chegou ao territorio que eles mesmos denominarían Gallaecia, atopáronse cunha serie de pobos que se comunicaban utilizando varias linguas das que hoxe practicamente non sabemos nada. Chamamos substrato ao conxunto de pegadas que as linguas anteriores á romanización deixaron no galego. Hai dous grandes tipos de estratos cronolóxicos:
- Substrato preindoeuropeo
- Substrato indoeuropeo
É imposible concretar a partir de que momento a lingua latina pasou a ser unha variedade lingüística diferenciada e podemos empezar a falar de lingua galega. Suponse que ocorreu entre o século VIII e o século XII, que é cando aparecen os primeiros documentos escritos utilizando o galego-portugués e non o latín. Si sabemos que a transformación do latín en galego foi o resultado dun proceso de evolución lingüística lento ao longo de varios séculos. As pegadas que trouxeron as linguas posteriores á romanización chámanse superestrato; podemos distinguir:
- Superestrato xermánico: a caída do Imperio Romano produciuse no século V. A partir dese momento chegaron a Galicia tres pobos xermánicos que habían deixar a súa pegada na lingua. Eran os suevos, vándalos e visigodos.
- Superestrato árabe: no ano 711 entran na Península Ibérica os árabes; a súa pegada en Galicia foi escasa.
O Galego na Idade Media
Durante moitos séculos, foi costume escribir en latín. Pouco a pouco, o latín que se empregaba nestes textos comeza a transparentar a lingua romance. Nos séculos finais da Idade Media, o galego convértese no principal instrumento de comunicación da sociedade galega, na fala e na escrita. O galego e o portugués eran practicamente a mesma lingua. A lingua que se utilizou para escribir as cantigas era unha koiné, que non se correspondía exactamente con ningunha variedade falada na época e que denominamos historicamente galego-portugués. Podemos sinalar como principais características da lingua medieval as seguintes:
- Abundan os hiatos, mesmo de vogais duplicadas.
- Úsase o til de nasalidade (~) sobre algunhas vogais, para marcar a perda dun -n- intervocálico latino.
- Había silabantes xordas e sonoras dependendo da palabra latina da que procederan.
- Para as consoantes palatais que hoxe escribimos ñ e ll, usábanse diferentes representacións escritas: nh para (ñ) e lh para (ll).