Análise da Nova Narrativa Galega (NNG) e os seus escritores

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,48 KB

A Nova Narrativa Galega

O fenómeno coñecido como Nova Narrativa Galega (NNG) prodúcese a partir de mediados dos anos 50, nun contexto marcado pola ditadura franquista, o medo e a represión, que contrastaban coas arelas de liberdade que moitos xoves, especialmente de extracción culta e burguesa, desexaban. Os escritores da NNG eran mozos universitarios, con inquedanzas culturais e con lecturas asimiladas dos escritores máis renovadores da prosa do século XX.

Influencias e Características da NNG

  • Influencias filosóficas: Acusan claramente dúas:
    • O marxismo, como método para revisar a historia e como actitude igualitarista nun contexto de ditadura e represión.
    • O existencialismo, que produce unha sensación de angustia cotiá ao convivir diariamente coa certeza da morte inexorable. Jean Paul Sartre é un referente claro.
  • Influencias propiamente literarias: Reflúen nos textos dos novos narradores (contos e novelas):
    • De James Joyce (Ulysses, 1922) ou William Faulkner (O ruído e a furia, 1929) toman o monólogo interior ou “fluír da conciencia”, técnica que mostra o discorrer do pensamento dun personaxe tal e como se produce na súa mente, sen orde nin coherencia ás veces.
    • Do Nouveau roman francés (Claude Simon, Marguerite Duras) adoptan o obxectalismo como técnica narrativa que substitúe o narrador omnisciente por un narrador obxectivo, que só narra o que pode ver ou oír, á maneira dunha filmación cinematográfica.
    • Como consecuencia, os membros da NNG empregaron ambas técnicas narrativas, e tamén outras como a combinación de narradores (en 1ª e en 3ª persoa), a 2ª persoa narrativa (como desdobramento do eu da 1ª persoa) ou a técnica epistolar.
    • Dos mesmos Joyce e Faulkner toman a confusión temporal e a ruptura da orde cronolóxica lineal do relato.
    • De Marcel Proust e as súas novelas de Á procura do tempo perdido (1913→) toman o tipo de descricións, máis que dos personaxes, dos seus estados de ánimo.

Características dos Personaxes e Ambientes

  • Son característicos da NNG personaxes que acusan a angustia vital propia dos existencialistas (Sartre), o cal provoca desacougo no lector.
  • Adoitan ser personaxes fóra da normalidade: enfermos, atormentados, solitarios, etc. No seu vivir cotián ofrecen unha visión pesimista e desesperada da realidade, movéndose en ambientes asfixiantes e de opresión (un reflexo da vida real da Galicia e da España da época).
  • A influencia de Franz Kafka nótase na creación de climas ou atmosferas de irrealidade e na confusión entre realidade e soño. Son característicos os ambientes oníricos nos que ás veces non se sabe moi ben se estamos no mundo real ou no dos soños.
  • Finalmente, achegan á narrativa galega a utilización de espazos narrativos fundamentalmente urbanos, o cal supón unha gran novidade na prosa galega de posguerra, se exceptuamos a obra de Blanco Amor.

Principais Autores da NNG

Gonzalo Rodríguez Mourullo

Nado en Teo en 1935. Sendo estudante de Dereito publica os seus dous libros, que inician a NNG:

  • Nasce unha árbore (1954), onde xa están presentes a pluralidade de voces narrativas e os ambientes de irrealidade.
  • Memorias de Tains (1956), oito relatos escritos en forma epistolar, que presentan un mundo opresivo; tecnicamente isto tradúcese nun estilo de frases curtas e obsesivamente repetitivas.

X. L. Méndez Ferrín

Nado en Ourense en 1938. Forxou un estilo narrativo moi persoal, creando espazos narrativos propios como Tagen Ata e empregando nos seus relatos topónimos e antropónimos sonoros e evocadores, de aparencia celta: Ulm Roam, Grieih…

  • En 1958 publica Percival e outras historias, catorce relatos de atmosferas irreais e con personaxes caracterizados pola violencia; só o primeiro conto é artúrico.
  • Na súa abundante obra narrativa hai dous libros máis encadrados dentro da NNG:
    • Os contos de O crepúsculo e as formigas (1961), con personaxes de arrabalde, solitarios, oprimidos e desequilibrados.
    • A novela obxectalista Arrabaldo do norte (1964), que presenta uns personaxes perdidos deambulando por unha cidade sen identificar.

Fóra xa dos presupostos da NNG, Ferrín é autor doutros libros de contos e novelas. Uns tratan temas políticos de xeito simbólico (a Galicia sometida, a represión política) como Retorno a Tagen Ata (1971) ou os contos de Elipsis e outras sombras (1974) e os de Arraianos (1991) nos que cultiva algunha das súas temáticas preferidas: a violencia, a presión do estado sobre o individuo, etc. Outros libros van dando conta de diferentes episodios contemporáneos nos que se involucrou o autor: os relatos de Crónica do nós (1980) ou a novela No 27 ventre do silencio (1999), crónica da Compostela universitaria á que chegou o autor entre finais dos anos 50 e os primeiros 60. [Trátanse de novo no tema 11].

Xohán Casal

Nado en 1935, morreu prematuramente en 1960 aos 24 anos pero deixou o mecanoscrito dun feixe de contos rematados o ano anterior, que foron publicados póstumamente en 1970 baixo o título de O camiño de abaixo. O máis característico deles é a atmosfera agobiante e pechada na que se moven os seus personaxes.

Camilo Gonsar

Nado en Sarria en 1931. Licenciouse en Letras e en Dereito.

  • A súa novela Como calquera outro día (1962) trata das lembranzas dun emigrante a piques de regresar a Galiza.
  • Cara a Times Square (1980, pero escrita anos antes) é a novela que pecha definitivamente a época da NNG (os outros escritores colegas xa abandonaran eses presupostos): nun clima de irrealidade, dous estranxeiros solitarios e desarraigados deambulan por Nova York cara a un destino misterioso; para difuminar aínda máis o relato, Gonsar usa a estratexia de que o narrador é só o tradutor dun manuscrito atopado.

María Xosé Queizán

Nacida en Vigo en 1939. Só a primeira das súas obras entra dentro da NNG:

  • A orella no buraco (1965), unha breve novela escrita coa técnica obxectalista na que todos os obxectos se describen con moito pormenor; o protagonista, que é descrito como un obxecto máis, é un vagabundo que monologa sen orde temporal ningunha.

Toda a narrativa posterior desta autora está tingida dun forte compromiso progresista, igualitarista e feminista.

Xohana Torres

Nacida en Santiago en 1931, publicou en 1972 Adiós, María, unha novela que balancea entre o Vigo proletario dos anos 60 e a realidade da emigración. O punto de conexión é Maxa, a protagonista adolescente que ten que facerse cargo de si mesma, dos seus irmáns e tamén dos seus avós nun arrabaldo de Vigo porque os seus pais tiveron que emigrar a Francia. O monólogo interior e os saltos no tempo son os recursos técnicos máis destacados.

Carlos Casares

Nado en Xinzo de Limia en 1941. Foi profesor, biógrafo, editor, parlamentario autonómico, columnista e académico da RAG. Na súa traxectoria narrativa hai que diferenciar claramente dúas etapas: a do experimentalismo e a renovación formal propias da NNG e unha segunda etapa de narrativa máis clásica e realista.

Etapa do Experimentalismo (NNG)

Comprende as súas dúas primeiras obras:

  • Vento ferido (1967), un espléndido volume de contos breves nos que os personaxes viven situacións de crueldade, sufrimento ou violencia explicables polos ambientes nos que viven: a guerra civil, as vellas inimizades, a bebida…
  • A novela Cambio en tres (1969), que traslada ao lector os pensamentos do protagonista, un emigrante ourensán que regresa para asistir ao enterro dun colega; o experimentalismo vese no obxectalismo descritivo e no uso do monólogo interior.
Transición e Etapa Realista

A transición entre esta etapa e a seguinte etapa realista márcaa a novela Xoguetes para un tempo prohibido (1975), na que introduce a narración en 2ª persoa para este relato autobiográfico que abrangue a infancia, a adolescencia e o contacto co mundo universitario compostelán dos anos 60 que se atopou o seu autor cando chegou a Santiago para comezar os estudos na Facultade de Letras.

A seguinte etapa realista xa non entra dentro dos presupostos da NNG. Comprende:

  • Un volume de contos breves baseados en episodios recoñecibles da historia de Galicia de diferentes épocas e titulado Os escuros soños de Clío (1979).
  • A novela Ilustrísima (1980), ambientada no Ourense de principios do século XX e que relata as polémicas cidadás que suscitou a chegada do cine a esa cidade.
  • A novela Os mortos daquel verán (1987), que dá conta da impunidade do asasinato (“paseo”) dun boticario republicano.
  • A súa última e póstuma novela O sol do verán (2002), probablemente a mellor do autor e na que manexa moi ben unha serie de intrigas familiares.