A Xeración Nós e a Revista Nós: Historia e Legado Cultural Galego
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,26 KB
A Xeración Nós
É a primeira vez que na literatura galega atopamos un grupo de escritores tan coherente, pola súa formación intelectual e literaria, pola súa procedencia social, pola súa participación no esforzo de facer unha Galiza moderna a través da creación dunha prosa dinámica, moderna e de gran altura artística, e finalmente pola investigación e o estudo científico das diversas disciplinas do saber (historia, xeografía, arqueoloxía, antropoloxía, artes plásticas...) e pola creación do ensaio en galego, xénero non traballado ata entón e que eles fixeron madurar.
Os nomes que aparecen vinculados a esta xeración ou grupo son Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Antón Losada Diéguez primeiramente; logo, hai que engadir o nome de Castelao, de procedencia social humilde, e que, como os outros, tomou parte nos mesmos proxectos culturais e políticos.
Todos se empeñaron na redacción dunha revista que lles deu nome á súa xeración: a revista Nós. Propagaron o ideario nacionalista en conferencias, mitins, ensaios e no seu traballo político e parlamentario.
Case todos os membros desta xeración explicaron a súa evolución ideolóxica: pasaron dunha actitude cosmopolita e individualista, afastada da realidade próxima (vivían nas súas torres de marfil lendo autores europeos e interesados polas culturas máis afastadas e exóticas) a descubrir Galiza, facerse galeguistas e europeístas.
Este descubrimento supuxo evoluír dunha actitude pasiva e decadente, centrada no individuo, cara a unha actitude activa, que demostrase que a cultura galega, igual que todas as culturas do mundo, ten dereito a defender o seu espazo propio e integrarse universalmente sen renunciar á súa identidade. O Grupo Nós dedicou o seu labor investigador e artístico a facer realidade a consigna que máis adiante redixiría o Partido Galeguista (1931): «Galiza, célula de universalidade».
Florentino López Cuevillas (1886-1958), estudoso da prehistoria de Galiza e da arqueoloxía, publicou artigos de creación na revista Nós e é autor dun libro póstumo: Prosas galegas (1962). As súas creacións literarias son moi depuradas e de excelente calidade no equilibrio da composición e na claridade do seu estilo.
A evolución do Grupo Nós foi analizada en diversas obras:
- No artigo «Dos nosos tempos» (Revista Nós, 1920), por Florentino López Cuevillas.
- Na novela Arredor de si (1920), por Ramón Otero Pedrayo.
- Na revista Nós, Vicente Risco, que coñecía os traballos anteriores, fixo unha exposición moi significativa sobre a súa xeración: «Nós, os inadaptados» (1933).
Castelao, que nas súas conferencias sobre arte se arrepentira da súa actitude nos debuxos anteriores á súa entrada nas Irmandades da Fala, é de orixe ben diferente da do cenáculo ourensán (Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas). A súa procedencia é vilega, mariñeira e popular, e coincide na reflexión que se fai da etapa anterior á entrada no galeguismo, sobre todo cando renega da actitude de «señorito» nos debuxos que fixo para a revista Vida Gallega. Todos eles recoñecen, polo tanto, unha evolución similar desde o individualismo ao galeguismo.
A Revista Nós
A revista Nós foi creada en 1920 en Ourense polo Grupo Nós, sendo o seu director Vicente Risco e o director artístico Castelao. Saíu de forma case ininterrompida ata a Guerra Civil, en 1936. Contribuíu a dar a coñecer o que estaba acontecendo en Europa de forma directa, sen ter que esperar que chegasen de Madrid as novidades.
Nela abundan as creacións literarias propias e as colaboracións estranxeiras, sobre todo de lugares que interesaban especialmente ao nacionalismo galego: Irlanda e Portugal. Colaboraron todos os membros desta xeración e apareceron as primeiras colaboracións das xeracións seguintes, sobre todo as dos mozos vinculados ao Seminario de Estudos Galegos.