A Xeración Nós: Historia e impacto na literatura galega

Enviado por sariguari y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,6 KB

A Xeración Nós e a literatura galega

O proceso de evolución ideolóxica que se produciu en Galicia a partir de 1916 coa creación das Irmandades da Fala e o avance cara ás ideas nacionalistas tivo a súa repercusión no ámbito da cultura e, especialmente, nas creacións literarias (na poesía grazas ás vangardas e na prosa grazas á Xeración Nós).

Innovacións na narrativa, teatro e ensaio

Moitas foron as innovacións que os autores da Xeración Nós introduciron na narrativa, no teatro e no ensaio:

  • Narrativa: Superáronse os temas costumistas, que monopolizaban a prosa do século XIX e principios do XX, para introducir outros como o realismo, a sátira, a novela histórica ou o mundo de ultratumba. Tamén apareceron por primeira vez ámbitos urbanos non galegos. Outra innovación importante foi a utilización das obras para analizar criticamente a sociedade galega e mostrar unha vontade de reforma para facela avanzar e superar a situación de atraso. Pedrayo centrouse na fidalguía, Risco na burguesía e Castelao atacou o caciquismo e a submisión do pobo. Ademais, engadiuse o humor como elemento revelador das realidades sociais e para resaltar o contraste entre a realidade e o mundo ideal. Abandonouse o bilingüismo social e buscouse a criação dun galego literario mediante a introdución de lusismos, cultismos, coa técnica narrativa e coa maneira de editar as obras, utilizando os libros grazas á creación de editoriais.
  • Teatro: O costumismo deixou paso a outros asuntos, engadíronse elementos simbólicos e desvinculouse a obra da compoñente ideolóxica de etapas anteriores. As innovacións máis importantes tiveron que ver coa técnica dramática, ao dar un papel fundamental aos elementos escenográficos, cuxo principal impulsor foi Castelao.
  • Ensaio: A importancia da Xeración Nós foi fundamental, pois foron os iniciadores do xénero na nosa lingua, accedendo o galego por primeira vez ao ámbito científico e intelectual. Os temas que trataron foron moi variados: historia, política, difusión ideolóxica, etnografía, lingüística e arte.

A modernización da literatura galega

En definitiva, os membros do grupo Nós foron os que realmente iniciaron a modernización da literatura galega, os que a situaron no século XX, os que abriron as portas a novos camiños mediante a europeización e universalización da narrativa, do teatro e do ensaio.