O Teatro Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Historia e Autores Clave
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,47 KB
O Teatro Galego no Primeiro Terzo do Século XX
O teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega, por dúas razóns fundamentais:
- A exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (e o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués).
- As sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.
A obra A fonte do xuramento (1882) de Francisco M.ª de la Iglesia, marca o inicio do teatro moderno galego. Ata entón, o teatro galego era de temática case exclusivamente rural, de extensión breve, dominado polo costumismo, con diálogos chocalleiros e personaxes tópicos, e escrito, frecuentemente, en verso.
Inicios do Século XX e a Escola Rexional de Declamación
O teatro galego comeza o século XX en 1903, ao crearse a Escola Rexional de Declamación, que, presidida por Galo Salinas, tivo unha curta duración. Esta escola representou A ponte, de Lugrís Freire, o primeiro drama galego en prosa, aínda que cun galego moi dialectalizado que imitaba o rexistro oral e popular.
O Impulso das Irmandades da Fala
O teatro galego recibiu un importante impulso das Irmandades da Fala, fundadas na Coruña en 1916. Mentres que o anterior teatro “rexionalista” era máis folclórico e se centraba na dualidade entre a Galicia rural e a urbana, o teatro impulsado polas Irmandades, de carácter nacionalista, rompía con esa visión, era universalista e se centraba na dramaticidade dos textos. O teatro deixou de ser un mero divertimento para converterse nunha arma política e reivindicativa.
Diversificouse a oferta teatral, abarcando xéneros como:
- Teatro histórico
- Teatro social (con denuncia da emigración e do caciquismo)
- Teatro señorial (de pazo fidalgo)
- Teatro cómico
- Teatro infantil
- Comedia burguesa
Os seus impulsores crían que a difusión da literatura en galego, e en especial da dramática, debía xogar un importante papel na difusión das ideas nacionalistas. Crearon un Conservatorio de Arte Dramática que puxo en escena a obra de Ramón Cabanillas, A man de Santiña, unha comedia de costumes de ambiente pacego na que, por primeira vez, o galego deixa os ambientes populares e aparece en boca das clases elevadas da sociedade, cun clarísimo afán de dignificación do idioma. Tras cambiar o seu nome polo de Escola Dramática Galega, o conservatorio realizou representacións de obras de autores como Ramón Villar Ponte, Xesús Carré Alvarellos e Gonzalo López Abente, ata que desapareceu en 1926.
Autores Destacados e a Xeración Nós
Ademais da súa contribución á dignificación do idioma, Ramón Cabanillas publicou O Mariscal, unha obra en verso de inspiración modernista que reflectía a ideoloxía nacionalista dun xeito romántico, baseándose no tema do mariscal Pardo de Cela.
Outros autores relevantes desta etapa inclúen:
- Armando Cotarelo Valledor, autor de teatro rural (como Trebón) ou mariñeiro (como Beiramar).
- Xaime Quintanilla, que escribiu Alén para demostrar a universalidade da lingua galega, evidenciando que en galego se podían tratar temas non galegos.
Os intelectuais da Xeración Nós tamén apoiaron activamente o teatro en galego, con obras significativas como:
- Vicente Risco, autor de O bufón d'El Rei (1928), obra que se desenvolve na época medieval e que toca a materia de Bretaña.
- Ramón Otero Pedrayo, que publicou A lagarada (1929), un drama realista con personaxes populares no que o viño desencadea as forzas da cobiza e da luxuria.
- E, sobre todo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coa obra Os vellos non deben namorarse. Esta peza é destacada porque Castelao non concibía o teatro como un simple texto, senón como un espectáculo global, polo que adquirían unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utilizaba tamén outras artes, como a música.
Finalmente, e á parte tamén dalgúns membros do Seminario de Estudos Galegos, Rafael Dieste publicou A fiestra baldeira, unha comedia simbólica considerada unha obra mestra do xénero.