O teatro galego: de finais do XX ao século XXI
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,84 KB
Tema 12. O teatro de finais do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.
O cambio de réxime vivido á morte do ditador Franco supuxo unha mudanza radical no terreo literario, reorientando e diversificando a oferta. O mesmo sucede no teatro, no que se produce unha revitalización que nunca tivera na nosa historia literaria, mais de todos os xeitos continúa a ser “a irmá pobre” da literatura, gozando dunha posición inferior á poesía ou á narrativa.
Fases do teatro actual
Podemos distinguir tres fases no teatro actual:
- a) Formación de compañías profesionais (1978-1983): Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia emprenden a aventura de facer do teatro a súa profesión, superando polo tanto a fase de afeccionados na que debían vivir doutro traballo. Podemos destacar a Sarabela Teatro, en Ourense, como compañía exitosa que segue en primeira liña na actualidade. No plano estético, as obras de intencionalidade política explícita ou alegórica van deixando paso a propostas máis diversificadas e máis complexas.
- b) Institucionalización (1984-1991): O primeiro fito é a creación do Centro Dramático Galego (1984), primeira compañía pública dependente da Consellería de Cultura, ademais da convocatoria de diversos premios amparados por outras institucións públicas. Xorden ademais novas compañías profesionais.
- c) Desenvolvemento: Multiplícanse as compañías profesionais e aparecen outras de teatro alternativo ou experimental; ponse en funcionamento a Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996), o que permite unha oferta máis estable e descentralizada. No curso 2005/06 arranca en Vigo a Escola Superior de Arte Dramática, primeiro centro oficial para o ensino e aprendizaxe teatrais.
Ao longo destes 30 anos van aumentando tamén as publicacións e coleccións de teatro, como os Cadernos da Escola Dramática Galega ou os Libros do Centro Dramático Galego publicados por Edicións Xerais, pero tamén neste campo o teatro é a “Cincenta” da literatura.
Tendencias e características
Ao contarmos cunha oferta moi diversificada, é difícil atopar unhas características comúns a todo o teatro desta época, pero a maioría dos estudosos sinalan catro liñas que con frecuencia se entrecruzan: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta.
- O teatro crítico, comprometido coa realidade, non vai ser tan directo e combativo como no final do franquismo, senón que botará man do humor e a sátira para reflectir diferentes aspectos da nova realidade.
- A corrente lúdica maniféstase nas comedias de enredo, musicais...
- Outra tendencia é a culturalista, caracterizada polo xogo do “teatro dentro do teatro” e a interrelación vida/escena.
- A intertextualidade con outros textos da dramaturxia universal, que xa cultivara Cunqueiro e outros autores nos anos 50/60, volve ter vixencia e encontra un novo viveiro na adaptación de novelas galegas contemporáneas (A esmorga de Sarabela Teatro).
- E cobran cada vez maior relevancia as obras de carácter experimental.
Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados en 1997 pola AAAG a fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral. Todos os anos celebran un acto que serve de promoción da actividade teatral.
Autores e dramaturgos destacados
Entre os autores debemos comezar por lembrar a boa parte dos que participaron nas Mostras de Ribadavia, como Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño, auténticos “pais” do teatro actual e cuxa obra pertence maioritariamente a esta etapa. Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis salientables, citaremos algúns:
- Manuel Guede Oliva (1956): Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...), foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros. Foi premio Álvaro Cunqueiro no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
- João Guisán Seixas (1957): Características de toda a súa produción son a ironía e a personificación de elementos da escenografía.
- Xesús Pisón (1954): Cunha obra moi extensa caracterizada pola axilidade da lingua e o logrado ritmo escénico, a súa temática é moi variada: desde a crítica social evolucionou a un teatro pesimista e cheo de amargura sobre as dificultades das relacións humanas. Ten tamén teatro infantil de carácter fantástico moi afastado desa visión pesimista.
- Quico Cadaval (1960): Actor, contacontos, director e autor teatral.
- Cándido Pazó (1960): Tamén actor, guionista, contacontos, director e autor teatral, é un dos máis orixinais, prolíficos e premiados da actualidade. Os seus textos potencian os monólogos ou diálogos que poñen en evidencia as ambicións, carencias e contradicións dos seres humanos. Fixo unha adaptación, Nano, da novela Tic-tac de Suso de Toro.
- Manuel Núñez Singala (1963): O achado do Castro, Comedia bífida...
- Ademais, cómpre mencionar a Henrique Rabuñal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Gustavo Pernas e Lino Braxe.