Sociolingüística do Galego no Século XX: Diglosia e Revalorización

Enviado por sariguari y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,85 KB

Características Sociolingüísticas do Galego no Século XX

Durante o século XX atopamos unha serie de trazos característicos no ámbito sociolingüístico do galego. Continúa o proceso de revalorización iniciado no século XIX. Porén, o castelán segue a ser considerado máis culto mentres que o galego queda limitado ao ámbito familiar e ás relacións entre iguais.

Factores que impulsan a castelanización e a conservación rural

O proceso de castelanización continúa nas cidades e nas clases de maior nivel económico, fronte a unha maior conservación do idioma galego no rural debido aos seguintes elementos:

  1. O aumento do sector terciario favorece o incremento de poboación nos sectores urbanos, así como a extensión das clases medias e a práctica do castelán. Pola contra, o sector primario diminúe, e con el tamén o uso do galego.
  2. Tanto o ensino coma os medios de comunicación de masas empregan o castelán. Neste período ambos se estenden, favorecendo a difusión do castelán.
  3. O galego segue a ser sinónimo de pobreza e contrario ao ascenso social.

Funcionalidade lingüística e actitude diglósica

Debemos prestar atención á funcionalidade lingüística, xa que os progresos no uso do galego dependen moito dos ámbitos aos que nos refiramos. As características que definen a situación son as seguintes:

  • O galego continúa a ser empregado como lingua oral, propia dos contextos informais e das relacións entre iguais. O castelán reafirma a súa posición como lingua escrita, propia dos ámbitos formais (sinónimo de educación) e das relacións con persoas de clase ou posición superior. Mantense, así pois, unha actitude **diglósica**.
  • No ámbito laboral séguese a mesma liña: nos oficios manuais e tradicionais domina o galego, en contraste coa supremacía do castelán nos traballos modernos. Así mesmo, dentro da mesma empresa varía a utilización do idioma en relación co nivel ou a capacitación profesional do traballador.

Contradición e ruptura da transmisión familiar (1975-2000)

Apréciase unha gran contradición entre os avances na cultura e no uso cotián. Mesmo no período **1975-2000**, o galego segue a ser a lingua de identidade da maioría da poboación e a lingua da relación familiar e local, pero o castelán avanza rapidamente nos ámbitos urbanos e entre as clases medias (*ruptura da transmisión familiar*).

Fases do proceso de revalorización do galego

Mencionaremos a continuación do proceso de revalorización do galego iniciado no século XIX, no que podemos distinguir tres fases:

  1. **Avance vertixinoso (1900-1936):** Corresponde ao avance tanto no uso literario (*Xeración Nós*, vangardas, etc.) como político (*Irmandades da Fala*, *Partido Galeguista*) no primeiro terzo do século XX.
  2. **Recuperación lenta (1950-1970s):** Recuperación lenta, aínda que constante, a partir de 1950 e sobre todo nas décadas dos 60 e 70, tras a involución brutal debida aos primeiros anos da Ditadura.
  3. **Avances na democracia (Post-1975):** Comprende os avances iniciados na democracia, como a función institucional, na que a aplicación das leis permitiu a presenza do galego na Administración e no ensino. Non obstante, este avance viuse obstaculizado, pois o galego seguiu a ter que loitar cos estigmas do ruralismo e a incultura, e as relacións lingüísticas seguiron a ser problemáticas polo incumprimento e a falta de rigor na aplicación das leis.

Conclusión: Valorización e obstáculos

En resumo, o galego experimentou un intento de valorización positiva e un fomento do seu uso, aínda que isto se viu interrompido (primeiros anos da Ditadura) e sempre obstaculizado polos prexuízos que sofre a lingua, mesmo nas etapas de maior profusión cultural e máis regularizadas.