Rosalía de Castro e o Rexurdimento da Literatura Galega

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,75 KB

O Rexurdimento e Rosalía de Castro

Caracterización do Rexurdimento

Denomínase Rexurdimento o movemento de recuperación da cultura galega que se produce na segunda metade do século XIX por parte dun sector da sociedade galega. A manifestación deste movemento é a aparición dunha serie de autores capaces de crear obras literarias de notable calidade. Mostran unha incuestionable militancia a prol de Galicia e o seu idioma, e un compromiso firme por recuperar o galego como lingua de uso nos ámbitos cultos. O renacer da cultura galega ten tamén o seu reflexo na publicación de obras históricas e filosóficas que se ocupan de Galicia e da súa lingua, aínda que redactadas en castelán.

Delimitación Temporal

O acontecemento que marca o remate do Prerrexurdimento e a transición ao Rexurdimento é a convocatoria dos primeiros Xogos Florais que tiveron lugar na Coruña en 1861. A historia literaria galega acepta xeralmente a publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no 1863 como o sinal inconfundible de comezo da etapa e do movemento literario coñecido como Rexurdimento, que se estenderá ata finais da década de 1880.

Os Protagonistas do Rexurdimento

Historicamente o Rexurdimento será protagonizado por unha xeración de escritores mozos, herdeiros da ideoloxía galeguista no provincialismo, aglutinados arredor do Liceo de la Juventud de Santiago. Entre eles destacan:

  • Rosalía de Castro
  • Eduardo Pondal
  • Manuel Murguía

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro é a figura máis importante do Rexurdimento e de toda a historia da literatura galega; non soamente pola calidade artística da súa obra senón tamén polo gran recoñecemento popular que goza fóra de Galicia. Con frecuencia víñase esquecendo o marcado compromiso social e cultural que mostra tanto nas súas actitudes vitais como na súa obra, para salientar a súa faceta máis sentimental e intimista.

Vida

Naceu en Santiago no ano 1837, morreu en Padrón no 1885. Era filla dunha muller solteira. Rexistrada como filla de pais descoñecidos, foi recollida pola súa madriña e criada nunha aldea preto de Padrón, nun ambiente popular e baixo a tutela dunha tía paterna. Na adolescencia atópase vivindo coa súa nai en Santiago. Alí recibiría unha educación propia dunha moza da fidalguía e participaría nas actividades do Liceo de la Juventud, onde tamén se daban cita outros mozos intelectuais como Manuel Murguía e Eduardo Pondal, cos que compartía uns ideais igualitaristas e galeguistas. Casou con Manuel Murguía co que tivo 7 fillos. Pasou certos apuros económicos e sufriu reiterados problemas de saúde. Enterrouse en Iria. Os seus restos serían trasladados no ano 1891 ao Panteón de Galegos Ilustres, na capital de Galicia.

Obra

En castelán

Rosalía é unha escritora bilingüe en galego e castelán. Como literata en castelán debuta publicando un breve poemario titulado La Flor, e La hija del mar, a súa primeira novela, e Flavio, a segunda, a súa obra de mocidade, de forte influencia romántica. Tamén en castelán publica: A mi madre, Ruinas, El caballero de las botas azules, e En las orillas del Sar. A crítica española contemporánea non valorou a obra rosaliana castelá. O recoñecemento comezaría a chegar postumamente.

En galego

A súa obra literaria en galego consta de 3 títulos entre os que destacan especialmente dous poemarios: Cantares Gallegos (1863) e Follas Novas (1880). En prosa Rosalía deixou inédito un conto de tipo popular, Conto gallego, publicado postumamente.

Cantares Gallegos

O 17 de maio de 1863 sae a primeira edición da obra Cantares gallegos, o primeiro libro que se publica integramente en galego. Este acontecemento ficará na historia de Galicia como o fito co que se inaugura simbolicamente o Rexurdimento das letras galegas.

Temas

Trátase dunha colección de 36 poemas onde se abordan distintos temas. Predominan as compoñentes costumista-folclórica, amorosa e intimista. Tamén se poden atopar poemas nos que se denuncia a mísera situación que está a sufrir o pobo galego e o esquecemento que padece o país dentro do reino de España. En Cantares gallegos predominan os temas costumistas, amorosos, as sátiras político-sociais e o sentimento da terra, a miúdo combinados entre si:

  • Temática costumista-folclórica: Poemas nos que se describen tipos e costumes galegos (o gaiteiro, as romarías).
  • Temática amorosa: Poemas nos que a muller ou o home expoñen a súa coita amorosa.
  • Temática intimista: Alúdese á saudade provocada pola evocación da terra ou dos antergos (<<Campanas de Bastabales>> e <<Como chove miudiño>>).
  • Temática denuncia: Tratan problemas de índole social, como a emigración ou a marxinación do país.
Formas

Clara influencia da expresividade popular. En canto á métrica, Cantares gallegos caracterízase polo predominio dos modelos tradicionais, con preferencia polos versos de arte menor (sobre todo o octosílabo) e pola rima asonante. Emprego ocasional do verso chamado de gaita galega (decassílabo, hendecasílabo ou dodecassílabo) que resulta da adaptación do ritmo popular da muiñeira. Estilisticamente, é destacable o uso de figuras retóricas baseadas na repetición de elementos (aliteración, anáfora...) e a abundancia das comparacións poéticas, a miúdo tiradas da lingua común.

Recepción

A publicación foi acollida con entusiasmo dentro de Galicia e proporcionoulle á autora unha notable sona no exterior, particularmente en Cataluña e en Portugal. Algúns dos seus poemas eran coñecidos e recitados de memoria por sucesivas xeracións de mozas e mozos galegos. En 1984 fúndase o Patronato Rosalía de Castro en memoria da insigne escritora.

Follas Novas

En 1880, Rosalía de Castro publica Follas Novas, que será o seu segundo e derradeiro libro de poemas en galego. No limiar do libro, a propia Rosalía dá testemuño da súa decisión de non volver escribir en galego: A razón desta renuncia non están moi claras; hai quen pensa que se debeu ao fracaso da súa causa política.

Temas

Desde o intimismo radical ata a denuncia social, desde o costumismo ata a angustia existencial, desde a reflexión relixiosa ata a metapoética. Poemas de inspiración popular, e temática costumista ou crítica, nos que predomina a visión obxectiva, e poemas de temática metafísica e existencial, cunha visión subxectiva marcada pola saudade e o pesimismo.

Formas

Follas Novas é unha obra máis progresiva e innovadora que Cantares, con novas formas que delatan a pegada do Romanticismo e das correntes poéticas contemporáneas. Cómpre salientar a combinación de versos de diferente medida e mesmo o emprego de estrofas distintas dentro dun mesmo poema. En canto aos recursos retóricos cómpre facer mención do complexo sistema simbólico.

Estrutura

Os 136 poemas que compoñen esta obra aparecen organizados en cinco apartados: <Vaguedás>, <Do íntimo>, <Varia>, <Da terra> e <As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos>.

  • Nos dous primeiros, desenvólvense temas de carácter intimista nos que predomina a subxectividade (Saudade, desacougo, angustia).
  • No intermedio (<Varia>) trátanse temas de natureza diversa (sociais, intimistas) desde diferentes perspectivas (obxectiva e subxectiva).
  • Nos dous últimos, os temas desenvolvidos son de natureza social e costumista e predomina a obxectividade (denuncia das inxustizas, solidariedade, feminismo...).
O Galego de Rosalía

A lingua de Rosalía presenta en xeral as mesmas características que o idioma a esa altura do século XIX. Trátase dun galego baseada na lingua oral, cun alto índice de castelanismos, dialectismos e vulgarismos.

Rosalía na Literatura Galega

Pouco despois da súa morte, Rosalía de Castro converteuse nun mito exemplar para todos os galegos. Con Cantares gallegos, Rosalía consolidou de maneira definitiva o renacer da moderna literatura galega e, con Follas Novas, elevou o discurso poético en galego ao nivel alto que se puidese desexar. Cultivou todas as grandes liñas temáticas da poesía galega contemporánea: a intimista e subxectiva, a costumista e paisaxística, e a ética e de denuncia social. Creou e vén a ser o <primeiro clásico> da literatura galega.