Guía de Gramática Galega: Pronomes, Verbos e Variedades
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,32 KB
O pronome persoal
O pronome persoal designa os participantes do discurso e o seu obxecto, e teñen flexión de xénero, número e persoa.
Formas tónicas
Son as formas rectas (eu, ti, el/ela, nós, vostede, vós, eles/elas) e as formas oblicuas (min, ti, el/ela, nós, vós, eles/elas), que precisan de preposición.
Formas átonas
Son: me, che, te, lle, o/a, lo/a, no/a, nos, vos, lles, os/as, los/as, nos/as e se.
Colocación do pronome átono
Casos nos que se antepón ao verbo
O pronome vai antes do verbo (próclise) en:
- Enunciados negativos.
- Nas exclamativas e interrogativas introducidas por pronome ou adverbio interrogativo ou exclamativo.
- Nas cláusulas subordinadas.
- Cando a secuencia vai iniciada por algúns adverbios e indefinidos.
- Cando hai adverbios polisémicos que, dependendo do significado, provocan a énclise ou próclise do pronome.
Colocación do pronome co infinitivo e co xerundio
Nas perífrases e grupos verbais con infinitivo ou xerundio, o pronome pode acompañar o verbo auxiliar na posición que lle corresponda segundo as regras xerais. Se na perífrase verbal o auxiliar e o auxiliado están relacionados por medio dun nexo, o pronome pódese colocar tamén en posición proclítica respecto do infinitivo.
Variedades lingüísticas
Isto denomínase aos diferentes xeitos de falar que se dan no interior dunha mesma lingua. Poden ser de varios tipos:
- Temporal: que é consecuencia do paso do tempo.
- Xeográfica: que dá lugar a variedades dialectais segundo os trazos lingüísticos de cada zona.
- Social: que depende do estrato social dos falantes ou doutras características como a idade ou o sexo.
- Situacional: que permite diferenciar diversos rexistros en función das características contextuais de cada acto comunicativo.
Os posesivos
Achegan a idea de posesión ou pertenza respecto ás persoas gramaticais. Son: meu, miña, teu, túa, seu, súa, noso, nosa, voso, vosa e seu, súa.
Usos e valores dos posesivos
Poden indicar afectividade ou familiaridade. Usado con numerais, equivale a unha expresión aproximativa. Pode significar algo habitual ou formar locucións. As formas masculinas con preposición poden indicar propiedade exclusiva e o posesivo presenta formas específicas distributivas.
Os indefinidos
Achegan un significado de imprecisión e indeterminación ao substantivo. Poden presentar as seguintes formas:
- Invariables: alguén, calquera, nada, máis, cada.
- Con variación de xénero e número: un, unha, algún...
- Só con variación de xénero: varios/as, entrambos/as.
- Só con variación de número: tal/tales, bastante/s.
As alternancias vocálicas
Alternancia de timbre
Dase unha alternancia de timbre (aberto/pechado) nos verbos con vogal media (e, o) no radical. Un número considerable de verbos da 2ª conxugación presentan unha alternancia na sílaba tónica nalgúns tempos e persoas do paradigma.
Alternancia u/o
Nos verbos que teñen U no radical, esta vogal pode converterse en O. Algúns verbos da 3ª conxugación que teñen U como última vogal do lexema presentan a alternancia u/o.
Os préstamos lingüísticos
Son as incorporacións de vocábulos procedentes doutras linguas que fan as linguas. Isto pódese efectuar de tres xeitos:
- Aceptación do vocábulo da lingua doadora sen adaptar.
- O termo da lingua doadora é traducido á lingua receptora.
- Adaptación fonética, gráfica ou morfolóxica do vocábulo incorporado.
Tamén se pode falar de préstamos aceptables ou necesarios e de préstamos superfluos ou innecesarios cando se impón un termo propio doutra lingua. Este último tipo de préstamos denomínanse interferencias.
As formas nominais do verbo
Son as que carecen dos morfemas de modo e tempo. Son o infinitivo, o xerundio e o participio.
O infinitivo
É a forma máis neutra das nominais e pode desempeñar as mesmas funcións sintácticas ca o verbo ou o substantivo. Así mesmo, o infinitivo tamén pode funcionar como complemento directo, suplemento e complemento circunstancial.
Infinitivo conxugado
Ademais da forma non conxugada do infinitivo, que carece de morfemas de número e persoa, existe o infinitivo conxugado, o cal si posúe os ditos morfemas.
O xerundio
Realiza a función equivalente á dun adverbio respecto do verbo principal e admite suxeito e complementos.
O participio
Funciona igual ca un adxectivo ou frase adxectiva. Os participios regulares fórmanse engadíndolle á raíz os morfemas (-ado para a 1ª conxugación e -ido para a 2ª e 3ª conxugación). Aínda que hai verbos que tamén poden presentar unicamente participios irregulares, outras teñen dúas formas e adóitase empregar a regular nas perífrases verbais e na voz pasiva, mentres que a irregular ten uso como adxectivo.
As perífrases verbais
Son construcións compostas por dous verbos: un auxiliar e un auxiliado, que se caracterizan pola unidade formal e a significación conxunta que teñen. O auxiliar proporciona o significado gramatical e o auxiliado o significado léxico. Poden ser de varios tipos:
- Con valor temporal: indican futuridade e inminencia.
- Con valor modal: expresan obrigación, hipótese ou probabilidade.
- Con valor aspectual: poden ser imperfectivas (acción non rematada), perfectivas (acción rematada), reiterativas (repetición da acción), incoativas (comezo da acción) e terminativas (acción que se achega ao seu remate).