A Revolución Industrial: Conceptos e Factores Clave
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
con un tamaño de 5,35 KB
Protoindustrialización
A protoindustrialización é o concepto que explica o modelo de produción doméstico e de tecnoloxía artesá (domestic ou putting-out system). Un sistema previo ao modelo de produción fabril baseado na mecanización das actividades de transformación de materias primas en produtos elaborados.
Revolución Industrial e Industrialización
A Revolución Industrial refírese ao proceso experimentado naqueles territorios onde tiveron lugar os cambios políticos, económicos e sociais orixinados cos seus propios recursos e capacidades.
A industrialización sería o proceso que experimentaron aqueles estados que, carecendo de técnicas orixinais e propias, comezaron a modificar as súas estruturas económicas e de produción cara a un modelo liberal, industrial e capitalista.
Os First Comers e Late Comers
Os first comers serían os primeiros países europeos en iniciar este proceso, entre os que destacan Francia, Bélxica e Alemaña. Pola súa banda, España industrializouse de forma desigual, con áreas moi desenvolvidas no norte e zonas moi rurais no centro-sur. Desta forma, España pertence ao grupo de países que se industrializaron máis tarde, coñecidos como os late comers.
Factores de desenvolvemento
- Factores externos (esóxenos): Revolución agrícola, revolución demográfica, mentalidades (política, cultura, educación e relixión), transporte, dispoñibilidade de fontes de enerxía e materias primas.
- Factores internos (endóxenos): Tecnoloxía e innovación, acumulación de capital, dinamismo empresarial.
A Revolución Agrícola
A comezos do século XVIII, Europa era unha sociedade baseada na economía agraria, dependente da produtividade e dos rendementos duns cultivos condicionados polo clima e as malas colleitas. A todo isto sumaríanse as epidemias e as guerras, que tiveron o seu impacto sobre a fame, o abandono de terras e a mortalidade.
En Inglaterra, toda unha serie de cambios permitirían aumentar a produción e mellorar a alimentación, o que conlevaría o crecemento da poboación. Estas serían algunhas das innovacións máis salientables: eliminación do barbeito e introdución do Sistema Norfolk, baseado na rotación de cultivos. Con este sistema xa non era necesario dar descanso á terra, tal e como se viña facendo dende a Idade Media coa rotación trienal e o barbeito.
Medidas de modernización agrícola
- Ampliación de terras de cultivo: Desecando pantanos e, sobre todo, favorecendo os cerramentos ou enclosures fronte aos campos abertos ou open fields. Deste modo, a través das Enclosures Acts apoiábase á mediana ou gran propiedade, dando preferencia aos terratenentes fronte ao pequeno propietario, que pasou a converterse en man de obra.
- Selección de sementes e de especies gandeiras que aseguraran mellores rendementos.
- Mellora de ferramentas: Introdución de novas técnicas e maquinaria agrícola, como a sementadora, que facilitaron o desenvolvemento das explotacións intensivas fronte ás extensivas.
- Cambios na mentalidade campesiña: Facendo da terra e das actividades agrarias unha vía para o enriquecemento.
Beneficios da Revolución Agrícola en Inglaterra
- Aumento da produción.
- Abundancia de man de obra libre para ser ocupada no propio campo ou nas cidades.
- Incremento na renda dos terratenentes.
A modernización agraria en España
En España tamén se incentivaron transformacións co fin de modernizar a agricultura:
- Abolición dos señoríos e supresión da Mesta.
- Desafección dos morgados co fin de liberalizar a terra.
- Desamortizacións: expropiacións de bens con fin recadador, de modernización do agro e de fidelización ao modelo liberal.
Revolución Demográfica
O conxunto de melloras nas condicións naturais e técnicas permitiu que as ocupacións agrarias obtivesen máis rendementos e un crecemento da produción, favorecendo unha mellora na ingesta de alimentos e, por conseguinte, un aumento da poboación.
Deste xeito, Gran Bretaña experimentou a transición demográfica: o paso dun modelo demográfico antigo (altas taxas de natalidade e mortalidade, poboación nova, baixa esperanza de vida) a un modelo demográfico moderno (natalidade e mortalidade baixas, alta esperanza de vida, poboación avellentada).
A evolución demográfica en España
En España, esta transformación foi máis lenta ca en Gran Bretaña. No século XIX distínguense dúas fases: unha de expansión ata 1860 e outra de estancamento ata 1898.
Factores que incidiron na poboación española
- Factores positivos: Aumento da produtividade agrícola, mellora alimenticia, melloras hixiénico-sanitarias, fin progresivo das crises de subsistencia e independencia das colonias en América.
- Factores negativos: Epidemias (cólera e gripe), guerras civís e campañas militares no exterior, forte desigualdade social e industrialización tardía.