Prosa Galega: Irmandades da Fala e Grupo Nós

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,75 KB

A Prosa do Primeiro Terzo do Século XX: As Irmandades da Fala e o Grupo Nós (Narrativa, Ensaio e Xornalismo)

A denominación de Xeración Nós úsase, habitualmente, para facer referencia a un grupo de intelectuais galeguistas, nacidos na década de 1880, que se organizaron arredor da Revista Nós, da que toman o nome. Estes intelectuais, entre os que destacan escritores como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Daniel Rodríguez Castelao, Antón Lousada Diéguez ou Arturo Noguerol, potenciaron os xéneros literarios que acadaran unha menor relevancia ata ese intre (a narrativa, o teatro, o ensaio e o xornalismo), consolidando definitivamente o sistema literario galego. Os integrantes da Xeración Nós comparten unha serie de características comúns, como a sólida formación cultural e académica (eran universitarios), o cultivo da prosa científica no ámbito das ciencias sociais (arqueoloxía, xeografía, historia etc.) ou o desenvolvemento da actividade política. O Grupo Nós desenvolveu o fundamental da súa actividade durante o período de preguerra (1916-1936), unha etapa moi brillante para a literatura galega na que confluíron varias xeracións de autores e na que houbo un entusiasmo colectivo sen precedentes que, por riba das diferenzas individuais, estabeleceu unha irmandade interxeracional arredor de todo o relacionado con Galicia. Esta etapa, chamada ás veces “Época Nós”, constitúe, en palabras de Fernández del Riego, un verdadeiro segundo Rexurdimento da nosa literatura e estivo marcada por importantes acontecementos culturais (nacemento da revista Nós, publicación do manifesto “Máis alá”, creación do Seminario de Estudos Galegos) e políticos (constitución das Irmandades da Fala, fundación do Partido Galeguista, aprobación do Estatuto de Autonomía). Houbo tamén relevantes proxectos editoriais. No eido da narrativa destaca a posta en marcha das editoriais Nós (1924) e Lar (1927) por parte de Leandro Carré e Ánxel Casal. Desde o punto de vista do xornalismo podemos destacar a creación do xornal A Nosa Terra. O golpe de estado fascista e a guerra civil (1936-1939) supuxeron un remate tráxico e abrupto para toda esta actividade cultural.

Vicente Risco (Ourense, 1884-1963)

É un dos principais renovadores da narrativa galega de preguerra. É, fundamentalmente, un escritor didáctico que cultivou formas literarias como a sátira social ou as glosas da cultura popular. Como sucede con outros autores da época, a súa lingua procura o enxebrismo e o afastamento do castelán. Dentro da súa traxectoria pódense distinguir tres períodos claramente diferenciados. O primeiro deles, a etapa de formación, caracterízase polo seu interese nas correntes estéticas europeas e na filosofía oriental. É a etapa na que dirixiu a revista La Centuria. Mais en 1917, co seu ingreso nas Irmandades da Fala, iniciouse a súa etapa galeguista (1917-1939), a de maior actividade intelectual e política. A súa produción literaria desenvolveuse fundamentalmente nestes anos, o mesmo que sucede cos seus escritos teóricos, entre os que destaca a Teoría do nacionalismo galego (1920). Desde o punto de vista literario a súa obra máis xenuína é a novela O porco de pé (1928), unha sátira que ten como protagonista a don Celidonio, personaxe mediocre que chega a ser alcalde e que representa o ascenso social dunha burguesía que ten unha única preocupación, os cartos. Ademais, tamén publicou narrativa breve (Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros, O lobo da xente, A trave de ouro e a trave de alquitrán, A coutada, Os europeos en Abrantes), teatro (O bufón de El-Rei, unha reflexión sobre a relación entre a beleza física e mais a bondade moral) e numerosos artigos sobre antropoloxía e etnografía.

A terceira etapa comeza na posguerra, Vicente Risco abandonou por completo o galeguismo e mesmo o cultivo do galego como lingua literaria. Aínda así, publicou textos ensaísticos na nosa lingua (Leria, 1961) e colaborou con Otero Pedrayo na edición da súa Historia de Galicia.

Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Buenos Aires, 1950)

Aínda que colaborou activamente cos membros do Grupo Nós, a nivel ideolóxico hai moitas características particulares que afastan a Castelao do elitismo dos escritores ourensáns que o compoñen. Castelao sempre mantivo un sincero compromiso coas clases populares e isto influíu de xeito determinante na súa obra, porque a temática está centrada na vida do pobo (labregos e mariñeiros). A súa visión das clases populares galegas é renovadora, case podemos dicir que revolucionaria: fondamente humanitaria e moi artística, pero realista. O autor rianxeiro é, xunto con Rosalía, o grande descubridor da dignidade do paisano galego. En Castelao conflúen dúas facetas: a de escritor e a de debuxante; de feito, a grande popularidade que acadou iniciouse coa publicación dunha obra predominantemente plástica como Cousas da vida. Poida que sexa por isto polo que o seu estilo é austero, perfeccionista. Tiña fama de retocar os seus escritos ata conseguir o efecto desexado. Outra das súas características máis sobranceiras é o uso do humor, mais este recurso sempre vai vencellado a unha intención moral, porque hai na súa obra un propósito de rexenerar a sociedade galega. Aínda que Castelao é esencialmente un narrador, na súa produción literaria apréciase un marcado lirismo que ás veces o aproxima á poesía. Os textos narrativos que publicou están dominados polo sintetismo e hai unha clara preferencia polas estruturas breves. Os remates dos seus relatos están moi coidados. A súa creación literaria máis orixinal é Cousas (1926; 1929), obra formada por un limiar e 44 pezas que se acompañan dunha ilustración, mais é autor doutros libros de grande calidade como Retrincos (1934), de marcado carácter autobiográfico, ou a súa primeira obra, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), un retrato satírico da sociedade galega da súa época. A súa única novela, Os dous de sempre, converteuse co paso do tempo nunha das máis célebres da historia da literatura galega. A súa estrutura, formada por 44 capítulos moi curtos que xiran arredor dos personaxes de Pedriño e Rañolas, non se afasta moito da que Castelao emprega nos seus relatos. Pouco a pouco as circunstancias históricas levaron a Castelao a centrarse máis na súa faceta política, mais nunca abandonou o cultivo literario do galego. As súas publicacións máis destacadas na posguerra foron a peza teatral Os vellos non deben de namorarse (1941) e o ensaio Sempre en Galiza (1944), considerada pola crítica como a Biblia do nacionalismo galego.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976)

Estaba dotado dunha vastísima cultura, dunha memoria impresionante e un pulo difícil de igualar. Foi o autor máis prolífico da súa época e posúe unha das obras máis amplas e vizosas de toda a historia da literatura galega. O seu estilo é moi refinado e complexo, de sintaxe exuberante e barroca. Da súa man cúmprese unha das ambicións do Grupo Nós: a modernización e creación dunha lingua literaria con vocación universal. Pódese dicir que é o primeiro grande novelista galego, o auténtico creador da nosa prosa literaria moderna. A súa obra narrativa iniciouse con tres relatos breves, Pantelas, home libre, O purgatorio de Don Ramiro e Escrito na néboa, nos que aparecen xa os que serán os grandes temas do conxunto da súa obra: a identificación coa terra, o protagonismo da figura do fidalgo e a evolución da conciencia galega. Nos anos seguintes irán aparecendo as súas novelas, que a crítica adoita clasificar en dous grandes grupos, ademais de varios libros de contos como, por exemplo, Contos do camiño e da rúa. O primeiro grupo de novelas estaría conformado polas obras realistas, nas que predominan os temas relacionados coa realidade galega. A novela máis representativa é Os camiños da vida (1928), triloxía na que Otero Pedrayo reconstrúe a transformación vivida pola sociedade galega durante o século XIX, desde a Desamortización de Mendizábal ata a revolución de 1868. No segundo grupo estarían as novelas culturais, aquelas que se centran no tema da evolución da conciencia galega. A máis significativa é Arredor de si (1930), obra de influencia autobiográfica que narra a conversión de Adrián Solovio ao galeguismo despois de viaxar por Europa e entrar en contacto con culturas alleas. A súa obra ensaística, que xira arredor do tema de Galicia, é moi ampla e variada (ensaios sobre a cultura galega, estudos sobre historia, etc.).

Outros Escritores

Florentino López Cuevillas (Ourense, 1886-1958) foi o prehistoriador do Grupo Nós. Dedicouse especialmente ás tarefas investigadoras, aínda que tamén cultivou a prosa e o ensaio literario. A súa obra máis significativa é Prosas galegas (1962), libro que reúne textos literarios, retratos de escritores galegos e estudos nos que se intentan difundir e explicar as principais características da cultura galega. A prosa de Cuevillas caracterízase pola riqueza léxica e a expresividade sintáctica e reflicte a paisaxe dun xeito impresionista. Outro escritor importante, contemporáneo, pero non pertencente ao Grupo Nós, é Rafael Dieste (Rianxo, 1899-1981). A súa contribución decisiva á modernización da narrativa galega é Dos arquivos do trasno (1926), unha obra que reúne vinte relatos que xiran arredor dos temas da ausencia, o regreso, a dignidade, a ilusión, a emigración, o terror e a morte.