Funcións Sociais da Lingua, Diglosia e Prexuízos Lingüísticos en Galego
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,59 KB
As Funcións Sociais da Lingua, Conflito e Diglosia
A función básica das linguas é ser o vehículo primordial de comunicación entre os membros dunha sociedade. Esta función xeral concrétase nunha serie de funcións que as linguas desempeñan nos distintos ámbitos e niveis da sociedade:
Funcións Esenciais da Lingua na Sociedade
- Función de identidade: Aquela que realiza a lingua en cada individuo, servíndolle como instrumento de articulación do pensamento.
- Función familiar: A que desempeña dentro da familia como elemento de relación entre os seus membros.
- Función laboral: A que se desenvolve no mundo do traballo.
- Función local: A que realiza a lingua nos contactos entre as persoas que comparten o mesmo contorno na vida cotiá.
- Función institucional: Prodúcese nos contactos entre os individuos e as entidades administrativas, políticas, sociais e culturais da comunidade á que pertence.
- Función cultural ou de civilización: Desenvólvese cando a comunidade humana que posúe unha lingua a utiliza para as súas expresións científicas, tecnolóxicas e artísticas.
- Función internacional: Prodúcese cando unha lingua ten uso alén da súa comunidade de falantes.
Diglosia e Conflito Lingüístico
O termo diglosia designa o contacto estable entre dúas linguas que teñen unha distribución xerárquica das funcións. Existe unha lingua A (a alta ou dominante) de usos formais e prestixiados, e unha lingua B (a baixa ou dominada) de usos informais e menos prestixiados.
O conflito lingüístico defínese como a disputa que se produce entre dúas linguas dentro da mesma sociedade por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. O conflito lingüístico é unha situación derivada do contacto de linguas.
Unha situación de conflito non permanece indefinidamente no tempo, senón que ten dúas saídas opostas: cara á normalización da lingua dominada ou cara á súa substitución pola dominante.
Estereotipos e Prexuízos Lingüísticos: A Súa Repercusión nos Usos
En Galicia, a lingua galega está moi marcada pola existencia de estereotipos, prexuízos lingüísticos ou valoracións negativas que pretenden transmitir a idea de que o galego non é válido para os usos formais.
A Influencia dos Prexuízos na Percepción e Usos
Todas estas ideas preconcebidas inflúen, á súa vez, na percepción e nos usos lingüísticos dos cidadáns, que poden mesmo provocar nalgúns galegos un complexo de inferioridade con respecto á súa lingua inicial (o chamado autoodio).
Entre os prexuízos que existen sobre a lingua galega hai algúns que veñen xa de vello, como:
- “O galego é lingua de pobres, ou lingua de pailáns.”
- “O galego é lingua de aldeáns.”
- “O galego non serve fóra de Galicia.”
Pero hai tamén prexuízos modernos, resultado do proceso de estandarización:
- “O galego dos libros non o entendo.”
- “É unha lingua inventada que non se corresponde coa fala.”
En síntese, o repertorio de prexuízos que existen sobre o galego non é moi distinto dos prexuízos que existen sobre outros idiomas noutros lugares do mundo.
Afortunadamente, estereotipos negativos sobre a lingua como os mencionados están en retroceso, sobre todo entre os galegos máis novos.