A Primeira República Española: Historia e caída (1873-1874)

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,57 KB

A Primeira República Española

Logo da renuncia ao trono de Amadeo de Saboia, Pi y Margall tomou a iniciativa ante o baleiro de poder e propuxo a proclamación da República, que foi aceptada mediante votación. As novas Cortes abríronse en xuño de 1873 e formouse un goberno presidido por Pi y Margall, cuxo lema era “orde e progreso”.

O proxecto constitucional

A súa actuación centrouse en pacificar as insurreccións que se estenderan pola Península e elaborar un proxecto de Constitución, que se inspirou na de 1869 no referente a garantías, dereitos e liberdades. Establecía:

  • Soberanía popular con sufraxio universal.
  • Cortes bicamerais (Congreso e Senado).
  • Liberdade de culto e separación de Igrexa e Estado.
  • Prohibición da subvención a calquera relixión.

O cambio máis radical foi a estrutura do Estado. Definía a República Federal e establecía que a nación española se compoñía de 17 estados, contando Cuba e Porto Rico. Organizaba o poder a nivel dos municipios, dos estados rexionais e do Estado federal. Cada estado rexional tería a súa propia constitución, regulando os seus poderes e cunha ampla autonomía económico-administrativa e política. Polo tanto, rompía co modelo centralista tradicional e definía un novo sistema democrático. Sen embargo, a Constitución non se chegou a aprobar.

Os conflitos bélicos e a crise

No contexto bélico da República atopamos:

  • Guerra carlista: cunha fronte aberta co dominio de diversos pobos tradicionalmente carlistas.
  • Guerra de Cuba: que continuaba estendéndose, mentres as autoridades e funcionarios da illa actuaban á marxe do poder republicano. Aínda así, os gobernos tentaron dar unha solución ao problema co proxecto federal do Estado.

A sublevación cantonal

O cantonalismo provocou a maior crise para o goberno. Era un fenómeno complexo no que se mesturaban as aspiracións autonomistas, propiciadas polos federais intransixentes, coas aspiracións de revolución social inspiradas nas novas ideas internacionalistas.

Proclamáronse cantóns independentes con gobernos autónomos e lexislación propia, como consecuencia de aplicar a estrutura federal desde abaixo. O primeiro foi o de Cartaxena; a partir de aquí, estendeuse por outras poboacións como Sevilla, Andújar, Cádiz ou Málaga. A eclosión do cantonalismo procedía, en definitiva, da decepción polo escaso desenvolvemento da República e o seu limitado alcance social.

O fin da República

O presidente Pi y Margall opúxose a sofocar a revolta polas armas e dimitiu. Foi substituído por Nicolás Salmerón, que iniciou unha acción militar contra o movemento cantonalista, que foi rapidamente sofocado, salvo en Cartaxena, que durou ata 1874.

Salmerón dimitiu ao negarse a asinar dúas penas de morte a cantonalistas. Sucedeulle Emilio Castelar, un republicano unitario de carácter conservador, derrocado ao enfrontarse aos federais. Isto precipitou o golpe de Estado do xeral Pavía, que coas forzas da Garda Civil se impuxo sen atopar resistencia, o que reflectía a debilidade da República.

O xeral Serrano, enfrontado aos republicanos, pretendía incorporar aos conservadores, pero a maioría dos monárquicos optaron polo retorno dos Borbóns. En decembro de 1874, o xeral Martínez Campos encabezou un pronunciamento en Sagunto que proclamou rei a Afonso XII, fillo de Isabel II.