A Monarquía dos Reis Católicos: Unión e Estado Moderno

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,95 KB

A nova monarquía dos Reis Católicos

No reinado de Sabela I de Castela e Fernando II de Aragón, coñecidos como os Reis Católicos, sentáronse as bases da construción dun Estado moderno con gran proxección internacional, coñecido como Monarquía Hispánica.

Unión dinástica

En 1469 tivo lugar o matrimonio de dous príncipes: Sabela de Castela e Fernando de Aragón. Sabela ocupou o trono de Castela en 1474 e Fernando herdou a coroa de Aragón en 1479. Esta unión matrimonial non significou a unión política das dúas coroas; foi unicamente unha unión dinástica baseada nun vínculo persoal. Non se fusionaron os territorios: cada unha das coroas conservou a súa personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas, manténdose tamén as fronteiras e as aduanas entre elas.

Para gobernar os seus reinos, os reis acordaron repartirse competencias, administrar conxuntamente os territorios e establecer un único escudo. Porén, na súa titulación, os Reis Católicos decidiron manter os seus títulos tradicionais coa enumeración de todas as súas posesións, aínda que na Corte real e no exterior foise impoñendo paulatinamente o título de reis de España.

Castela era o territorio máis poderoso da nova monarquía, tanto pola súa maior poboación como polo seu dinamismo económico. Este feito, unido a que as súas institucións eran similares en todo o reino e máis facilmente controlables polo poder real, explica a preferencia de ambos os reis por este reino. Na Coroa de Aragón, o poder do rei estaba máis limitado ca en Castela, pois cada un dos tres reinos dispoñía das súas propias institucións. Así pois, a supremacía castelá acabou favorecendo a difusión dos seus costumes, leis e lingua polo resto dos territorios.

Reorganización político-administrativa

Os Reis Católicos non unificaron as estruturas políticas dos seus reinos. Non obstante, se ben mantiveron intacta a lexislación foral e as institucións de cada reino, procuraron reforzar os organismos que favorecían o poder real. Neste sentido, a súa actuación foi moito máis efectiva en Castela, onde puideron aplicar a súa política autoritaria e centralizadora, ca en Aragón, onde sobrevivía o pactismo e as institucións forais impuñan restricións á actuación dos reis.

A política institucional que impuxeron os Reis Católicos orientouse a crear unha monarquía autoritaria e forte fronte aos outros grandes poderes: a nobreza, a Igrexa e as cidades. Pretendían socavar os privilexios políticos destes grupos e facer máis efectiva a administración do Estado. Para iso, reforzaron institucións xa existentes, especialmente en Castela:

  • Reforzamento dos consellos: Reorganizouse o Consello Real de Castela (1480), que se constituíu no principal órgano asesor e de goberno dos reis. Profesionalizouse a administración.