Prexuízos Lingüísticos no Galego: Impacto e Combate

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,83 KB

Estereotipos e Prexuízos Lingüísticos: A súa Repercusión nos Usos

O prexuízo dunha lingua está directamente relacionado coas funcións sociais que ese idioma desempeñe na sociedade, cos ámbitos de uso e co seu recoñecemento legal. É dicir, a lingua que se use en contextos formais, teña presenza nos medios de comunicación, conte cunha cultura escrita, posúa carácter oficial, etc., recibirá un maior recoñecemento por parte dos falantes que aquela que estea relegada ao ámbito familiar.

Podemos definir os prexuízos lingüísticos como xuízos de valor emitidos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes co propósito de provocar o seu rexeitamento. Estes falsos xuízos de valor non só están enraizados na conciencia popular, senón que son creados e difundidos por personalidades e institucións da vida pública, cultural e relixiosa da lingua dominante en diversos momentos históricos.

Os prexuízos fórmanse a partir de estereotipos, é dicir, de ideas ou opinións que, por ser moi repetidas, adquiren falsa aparencia de verdades irrefutables para un grupo social. Susténtanse na simplificación da realidade e cómpre identificalos para poder desarticulalos.

A función máis importante dos prexuízos, e a máis oculta socialmente, é o uso que se fai deles para manter e xustificar a superioridade dun grupo. É dicir, os prexuízos serven directamente para manter o status dun grupo social determinado fronte ao resto da sociedade.

Como sabemos, a sociedade galega sufriu durante os séculos unha situación que propiciou o asentamento no pobo dun complexo de inferioridade e de autoodio. Velaquí a raíz dos prexuízos e das valoracións negativas sobre o idioma, que teñen como consecuencia última o incremento dun (auto)concepto negativo, individual e colectivo.

Clasificación dos Prexuízos sobre o Galego

O lingüista X. R. Freixeiro Mato elaborou unha clasificación dos prexuízos sobre a lingua galega que pode resumirse deste xeito:

  • A suposta falta de utilidade do galego
  • O galego asociado á pobreza e ao atraso
  • O galego coma sinal de cortesía
  • A suposta imposición do galego
  • O galego como marca ideolóxica
  • A caracterización pexorativa do galego

En síntese, podemos dicir que os prexuízos lingüísticos son xerados e potenciados desde os ámbitos de poder na procura da uniformidade cultural e lingüística. Polas especiais circunstancias da súa historia, a lingua galega acumula unha cantidade importante deses prexuízos. Cómpre ter presente que o noso comportamento e actitude como falantes inflúe, queiramos ou non, nos individuos que nos rodean. Por iso é moi importante poñer ao descuberto estes prexuízos e combatelos para evitar que se sigan transmitindo.