O Galego no Século XXI: Situación Sociolingüística e Retos

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,94 KB

O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI: Características Lingüísticas Fundamentais. Contexto Histórico e Situación Sociolingüística

Coa chegada da democracia mudou o marco político. Instaurouse o estado autonómico, plasmado na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que se recolle o galego como lingua propia de Galicia e a súa oficialidade. Con este amparo legal comeza a súa expansión a aqueles ámbitos dos que fora expulsado ou aos que lle fora negado o acceso na ditadura: administración, ensino, igrexa, empresa privada, mundo da cultura, medios de comunicación, etc. A partir da década dos 70 desenvolveuse na Universidade un amplo labor de investigación filolóxica que fixo medrar o grao de coñecemento do idioma e posibilitou a elaboración dun estándar, imprescindible para a actualización e difusión da lingua. Pero, pese a todo isto, a situación social da lingua dista moito de ser a dunha lingua normalizada.
É evidente, pois, que nos últimos tempos se teñen dado avances cualitativos e cuantitativos na situación do galego, pero tamén atopamos indicadores sociolingüísticos negativos que pasamos a analizar.

Indicadores Sociolingüísticos Negativos

O indicador negativo máis importante é o proceso de perda de falantes de lingua inicial galega a prol do castelán, castelanización que é maior segundo nos aproximamos ás xeracións máis novas, aos hábitats caracterizados como máis urbanos, ás clases sociais máis elevadas e ás persoas con maior nivel de estudos. A este indicador negativo vense sumar a timidez con que avanza o proceso de normalización lingüística, motivada en parte por unha moi discutíbel eficacia institucional, e en parte pola falta dunha sensibilidade lingüística xeneralizada. Podemos ademais constatar a escasa penetración do galego nos usos públicos desenvolvidos ou promovidos por axentes de titularidade privada.

Factores de Recuperación Social

Con todo, xunto a estes factores encontrámonos con outros que denotan un avance na recuperación social da lingua. Nin que dicir ten que, en comparación coas fases precedentes do idioma, o galego incrementou a súa presenza na vida pública. Tampouco podemos esquecer o salto cualitativo que supuxo, como xa dixemos, a oficialización da lingua, coa conseguinte entrada do galego no mundo da educación, e o incremento do seu emprego nos medios de comunicación de masas. Estas e outras causas, entre as que salienta a proliferación de colectivos que defenden a normalización, están provocando nos últimos tempos unha mudanza positiva importante nos códigos de valorización social da lingua, coas transformacións derivadas no comportamento lingüístico dos galegos e das galegas.

Colectivos Defensores da Normalización

  • Mesa pola Normalización Lingüística
  • Pais e nais polo ensino en galego
  • Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística
  • Mocidade pola Normalización Lingüística
  • Fundación Galicia-Empresa
  • AS-PG
Máis, a pesar de todo, estes factores non conseguen vencer aínda a tendencia asimilatoria que testemuñan os indicadores negativos anteriormente apuntados.

Conclusión

En resumo, pese á evidente e substancial mellora do marco legal e institucional, a situación social da lingua galega dista moito de ser a dunha lingua normalizada. Avanza lentamente o seu uso en ámbitos cultos e formais, pero retrocede rapidamente alí onde se mantivo firme dende sempre: o mundo rural e mariñeiro e as clases vilegas e urbanas máis desfavorecidas. O mundo dos medios de comunicación, o do ensino, o comercial e empresarial son claramente partidarios do castelán. Así, o labor dos intelectuais e grupos políticos e culturais comprometidos co galego non é quen de contrarrestar os efectos negativos sobre a saúde da lingua.