O galego durante o franquismo (1936-1975): Sociolingüística
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,34 KB
Sociolingüística (1936-1975)
As características da lingüística son as mesmas que na etapa anterior.
No seu proceso de estandarización, o galego atópase na fase protoestándar, na cal comezan a definirse solucións coincidentes co estándar actual.
Nesta etapa diferéncianse dous períodos:
1936-1950: Represión e silencio literario
A etapa normalizadora que se iniciara coa fundación das Irmandades da Fala (IF) vese interrompida en 1936 coa rebelión militar.
O silencio das imprentas e a morte ou exilio de homes vinculados á cultura galega serán o comezo da ditadura franquista, que terá as seguintes consecuencias:
- O galego perde prestixio social e fica implicitamente prohibido. A nova filosofía baséase nun ideal de uniformidade lingüística e cultural.
- Desaparecidas todas as estruturas e institucións galeguistas, o galego perde a función cultural que conquistara e non acada os usos institucionais.
Mentres Galiza enmudece, os galeguistas no exterior van tentar continuar o traballo levado a cabo antes do 36.
Os usos culturais e institucionais que aquí lle son negados ao galego continuarán en pé en América a través de:
- Institucións coma o Patronato da Cultura Galega ou o Instituto Arxentino da Cultura Galega.
- A edición de libros e revistas.
- Conferencias, cursos en galego, e a creación dunha Cátedra de Literatura Galego-Portuguesa na Universidade de La Plata.
1950-1975: Lenta e progresiva recuperación
Fronte á postura dos exiliados que defendían a actividade política clandestina do Partido Galeguista (PG) en Galiza, os galeguistas que aquí ficaron decidiron centrar os seus esforzos na acción cultural, nacendo así o culturalismo.
Anos 50
Nace a Editorial Galaxia, que pretende empregar o galego en todos os xéneros e temáticas. Crea as revistas Revista de Economía de Galicia, Atlántida e Grial. Aparecen tamén Edicións Monterrey e Xistral.
Perante esta actividade normalizadora, o réxime reacciona reprimíndoa mediante a censura ou a prohibición.
Anos 60
Dáse un certo aperturismo que se vai reflectir nunha serie de actividades normalizadoras:
- Nacen as primeiras asociacións culturais, que van divulgar a nosa cultura, o teatro, etc.
- No 1963 nace Edicións do Castro. O aperturismo permite a celebración do centenario de Cantares Gallegos e suspéndese a prohibición sobre a revista Grial.
- Organízanse, clandestinamente, as forzas galeguistas: a Unión do Pobo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG).
- Na Universidade de Santiago créase a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas e nace o centro investigador Instituto da Lingua Galega (ILG).
Anos 70
As demandas galeguistas continúan a normalización:
- Comezan a aparecer corrixidos os topónimos nos indicadores das estradas.
- Comezan as emisións de radio en galego.
- No mundo do ensino aparecen iniciativas moi importantes: o Manifesto da Universidade de Galicia e o Manifesto dos Ensinantes de Galicia.
En 1975, coa morte do ditador, a lingua camiña cara á oficialidade.
O galego na sociedade (1936-1975)
Durante o franquismo o galego sufriu un forte retroceso na súa situación sociolingüística.
O galego continúa convivindo en diglosia co castelán e sofre a perda de falantes, xa que a sociedade se desgaleguiza a un ritmo máis acelerado.
Como principais axentes castelanizadores podemos sinalar:
- Factores socioeconómicos como a emigración ou o traslado da poboación do mundo rural ao urbano.
- As estruturas todas do Estado, que seguen empregando exclusivamente a lingua oficial (o castelán). O ensino será o mellor exemplo.
- A Igrexa negarase a utilizar o galego na liturxia.
- Os medios de comunicación: a prensa, a radio e a televisión serán canles imparables de expansión do castelán.