Poesía Vanguardista en Galicia: Movimientos, Autores Clave y Obras Esenciales

Otras lenguas extranjeras3,79 KB

A poesía de vangarda en Galicia

As vangardas responden a unha reformulación teórica das artes: futurismo, cubismo, dadaísmo, creacionismo, surrealismo... Todos teñen en común a reivindicación da materia artística como algo autónomo, sen conexión co mundo real, a percepción simplemente intelectual da realidade, unha actitude antisentimental e a innovación da linguaxe figurada.

O xurdimento da xeración vangardista galega

Os poetas galegos danse a coñecer contra 1925, publicando ademais unha serie de revistas que se constituíron como a súa principal canle de expresión. Esta xeración de autores incorpora as novidades das vangardas, mais sen renuncia ao sentimento, fornecido pola pegada do saudosismo de Teixeira de Pascoaes. Tamén inflúen nas vangardas galegas o espírito nacionalista, herdado da xeración precedente, mais a descuberta dos cancioneiros medievais.

Deste xeito, e tendo en conta as circunstancias específicas de Galicia, podemos falar de varias correntes poéticas, aínda que non todas se poderían incluír dentro da denominación de vangarda plena.

Correntes poéticas principais

1. A vangarda plena

Esta primeira corrente é a que podemos denominar vangarda plena. Está representada polo creacionismo de Manuel Antonio, autor de De catro a catro (1922). O autor asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o único manifesto vangardista galego, ¡Mais aló!. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia, publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, o que incide novamente nos afáns vangardistas.

De catro a catro, composto durante a primeira navegación de Manuel Antonio, constitúe unha sorte de caderno de bitácora. Está composto por dezanove poemas e reflicte unha liña temporal:

  • Principio: Con Intencións, o eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia.
  • Travesía: Continúan dezasete poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar. No medio da navegación prodúcese unha escala en terra (poemas oito e nove).
  • Desenlace: Remata a viaxe coa volta a terra no poema Adeus, unha despedida dubidosa e o regreso á vila natal.

No texto creacionista, a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora.

Pola súa banda, Álvaro Cunqueiro é o poeta galego que conectou máis decididamente con outros movementos de vangarda: co cubismo en Mar ao norde e co surrealismo no libro Poemas do si e non.

2. A vangarda matizada

As outras dúas correntes seguidas son o que denominariamos vangarda matizada, pois restauran elementos da tradición con temas, metáforas e recursos léxicos vangardistas:

  • O Hilozoismo: Escola que ten como principal representante ao pontevedrés Luis Amado Carballo, autor dos poemarios Proel e O Galo.
  • O Neotrobadorismo: Xorde polo influxo da lectura dos cancioneiros medievais.

Prodúcense, polo tanto, unha reformulación de estilos e temas, engadindo imaxes propias da poesía moderna. Os representantes sobranceiros desta corrente son Fermín Bouza Brey, con Nao senlleira, e Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chamaba ribeira, o libro máis significativo do momento.

Outras achegas

Finalmente, cómpre destacar a Luis Pimentel, presente nas iniciativas da vangarda galega, onde a aparición da revista Ronsel e a obra Sombra do aire na herba aparecen un ano despois da súa morte.

Descargar

PDF Word HTML