Evolución da Lingua Galega: Do Protoestándar á Recuperación Cultural Posguerra

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,19 KB

1. Características Lingüísticas do Galego na Editorial Galaxia

Os textos publicados na editorial Galaxia marcan o camiño que seguirá a escrita galega desde o 1950 ata os anos 70. O máis destacable é:

  • A eliminación do apóstrofo.
  • A redución do uso do guión.
  • O intento de evitar hiperenxebrismos e dialectalismos.

É o que se coñece como galego protoestándar. Autores como Celso Emilio e Álvaro Cunqueiro pretenden acadar un rexistro literario culto, pero vacilan á hora de se decidiren polo emprego ou non dos grupos cultos, da forma ao ou ó, etc.

2. Contexto Histórico, Social e Cultural: Consecuencias da Guerra Civil

Cando o 18 de xullo de 1936 estala a rebelión militar contra o goberno da República, Galiza fica controlada desde moi cedo polos rebeldes, implantándose entón unha verdadeira situación de terror social. Tras a vitoria na guerra, o réxime ditatorial logrou o apoio de diferentes sectores sociais coa axuda da Igrexa, e os pactos de Franco cos EEUU, nos anos 50, garantiron a continuidade da ditadura.

3. A Represión do Idioma e a Agudización da Ideoloxía Castelanizadora

Todo o esforzo de normalización lingüística e cultural levado a cabo desde a fundación das Irmandades da Fala, vai sufrir coa derrota republicana na guerra un corte brutal, de maneira que os primeiros anos da ditadura constitúen un verdadeiro ermo para a lingua e literatura galegas.

A Percepción Oficial do Galego

As autoridades franquistas non lle concederán ao idioma galego máis valor nin condición que a de “dialecto”, fala vulgar ou rústica impropia de xente ben educada e culta (o seu uso estará prohibido fóra da familia, traballo ou contextos coloquiais).

A escola, a Igrexa, a xustiza e a administración ignorarán por completo a existencia do galego e, se é o caso, reprimirán o seu uso espontáneo. Institucións antes identificadas coa cultura galega (SEG) serán tomadas pola intelectualidade franquista e reorientadas.

4. As Resistencias á Asimilación: Exilio, Interior e Recuperación Cultural

O Papel do Exilio

Neste contexto, son os exiliados os que manteñen vivo o proceso de recuperación lingüística e cultural. Promoven:

  • A publicación de libros en editoriais creadas por eles mesmos.
  • Emisións radiofónicas no noso idioma.
  • Edición de xornais e revistas.
  • Creación de grupos teatrais e musicais.
  • Celebración de numerosos actos culturais.

A Resistencia Interior e o Xurdimento de Galaxia

No interior, en 1947, publícase a primeira obra, de certa entidade escrita en galego na posguerra (Cómaros verdes de A. Iglesia Alvariño). Otero Pedrayo comeza a colaborar co xornal compostelán La Noche. Este mesmo diario edita un suplemento cultural con colaboracións escritas na nosa lingua, aparecen varias coleccións de poesía (“Benito Soto”, “Xistral”...).

O ano 1950 vai ser de gran importancia para a recuperación da lingua e, en xeral, da cultura galega, ao constituírse en Santiago a editorial Galaxia. Os seus impulsores abandonaron a loita política clandestina, en contra da opinión dos exiliados, con Castelao á cabeza, que sen negar eficacia ao labor cultural, defendían a continuidade do activismo político.

Produción Editorial e Revistas Clave

Galaxia publicará poesía, prosa, teatro e ensaio e traducións para galego, facilitando a publicación de obras de novos autores a través da colección “Illa Nova”.

  • En 1951 aparecerá Grial, censurada pouco máis tarde.
  • A editorial promoveu tamén a revista de cultura e arte Atlántida.
  • A Revista de Economía de Galicia serviu como canle de expresión do pensamento galeguista desa época.

A Década dos Sesenta e a Reorganización do Nacionalismo

Os anos 60 van traer cambios relativamente importantes que afectarán á situación xeral do idioma e incidirán positivamente na súa lenta recuperación de usos en ámbitos cultos (reaparece Grial, instáurase o Día das Letras Galegas, nace “Ediciós do Castro”).

O nacemento de organizacións políticas nacionalistas nesta década (UPG e PSG) fai que arredor delas ou por medio de asociacións culturais que burlan a clandestinidade (O Galo en Santiago, O Facho na Coruña, Abrente en Ribadavia...) se organicen actividades, onde a lingua empregada é sempre o galego: representacións de teatro, recitais, xornais, revistas, conferencias...

Fitos Institucionais e Mediáticos

Ten grande importancia:

  1. A creación en 1965 da Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago.
  2. A creación do ILGA (Instituto da Lingua Galega).
  3. Colectivos estudantís como ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos).
  4. O movemento da “Nova Canción Galega”.
  5. A aparición en 1974 do programa “Panorama de Galicia”, emitido pola TVE-Galicia.

5. Evolución do Conflito Lingüístico

O proceso de desgaleguización idiomática experimentou unha intensificación e unha aceleración sen precedentes. Isto ponse de manifesto en:

  1. Aumento dos monolingües en español (zonas urbanas, vilegas e incluso rurais).
  2. Intensa difusión dos prexuízos e dos comportamentos diglósicos na sociedade.

Factores Inflúintes na Desgaleguización

Os factores que inflúen nesta situación son:

  1. O incremento da poboación urbana trouxo consigo a identificación cidade=español fronte a aldea=galego.
  2. O impacto da emigración americana, abandonando moitos a lingua propia e contribuíndo así ao prestixio do español como lingua “útil” na nosa sociedade.
  3. Influencia da escola, a Igrexa e os medios de comunicación.