Manuel Antonio: Análise de "De catro en catro"

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 33,3 KB

Manuel Antonio: Análise de De catro en catro

De catro en catro é unha das obras máis importantes de Manuel Antonio. Esta obra correspóndese co período en que Manuel Antonio comeza, en 1926, as prácticas de navegación no mercante de cabotaxe, con viaxes polo Atlántico e polo Mediterráneo.

A relación desta obra coas vangardas baséase en tres elementos principais que son o compromiso ideolóxico, a relación entre o autor e o texto, e por último a vontade renovadora respecto da linguaxe e da forma poética.

En canto ao compromiso ideolóxico, o autor defende a idea de que a poesía de vangarda non debe preocuparse da ideoloxía porque o poema non pode transmitir ideas, por iso a elección do galego como idioma poético debe ser marca suficiente do seu compromiso ideolóxico e da actitude nacionalista do poeta, tendo en conta a situación marxinada de Galicia no panorama cultural do Estado. Por outra banda, o ruralismo debe rexeitarse porque só leva á repetición da arte popular e as vangardas son elitistas. Unha última idea é que o poeta debe mostrar a súa individualidade fronte aos demais.

En segundo lugar, falaremos da relación entre o autor e o texto. Dende o punto de vista das vangardas, o poder de creación do poeta debe ser total, xa que non describe a natureza, senón que crea unha nova. Ademais, Manuel Antonio intenta ser obxectivo, pero nos seus versos tamén hai certo subxectivismo na presenza de sentimentos e no intimismo dalgúns poemas. Pola contra, o poeta ten tamén unha actitude de distanciamento: o humor e a ironía son utilizadas para romper o sentimentalismo entre o poema e o autor.

Por último, falaremos da renovación da forma e da linguaxe poética. Os trazos da poesía vangardista máis destacados nesta obra son os seguintes: a ausencia de signos de puntuación, a ruptura dos versos tradicionais, a desaparición da rima, a ruptura do ritmo “tradicional” dos versos, a “descolocación” de versos e estrofas, a intercalación de versos en branco para resaltar os silencios no recitado. En xeral, trátase de proporcionar unha imaxe plástica do poema, de acordo co modelo da pintura cubista. Ademais, Manuel Antonio introduce moitos termos mariñeiros e técnicos nos seus poemas que relacionan a súa obra co futurismo, e para rematar, os elementos naturais adquiren unha nova dimensión, unha nova expresión: gaivotas - equilibristas; sol – aparvado; vento – calendario.

En resumo, na obra de Manuel Antonio, hai aspectos vangardistas como a actitude obxectiva, a linguaxe, o vocabulario innovador, pero tamén hai outros que non o son tanto como a presenza da voz poética, a aproximación á natureza e un certo sentimentalismo.

As vangardas poéticas en Galicia

Para entender a actitude estética dos escritores galegos vangardistas cómpre ter moi en conta a situación de Galicia dentro do ambiente cultural español e europeo, pero poderíase dicir que os escritores galegos, ao mesmo tempo que recollen certas influencias exteriores, souberon diferenciarse e individualizarse a través das súas particulares achegas. Un aspecto que caracterizou este grupo foi o espírito universalista herdado da xeración Nós, que exerceu sobre eles un maxisterio evidente.

Os diferentes “ismos” galegos son o hilozoísmo, o neotrobadorismo e o creacionismo.

O grupo de poetas dentro das correntes vangardistas máis importante encádrase na denominada Xeración de 1925, integrada por Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Fermín Bouza Brey ou Luís Pimentel.

Hिलोzoísmo

O hilozoísmo é un estilo poético que nace da combinación de tradición lírica galega de tipo paisaxístico con tendencias novas, sobre todo no que se refire á busca de novas imaxes. Os trazos característicos deste ismo son a personificación dos elementos da natureza e a supresión dos sentimentos e do argumento: o poema debe ser a resposta ao estímulo, a unha sensación experimentada polo poeta, e o seu núcleo unha imaxe. Por outra banda, os recursos máis empregados son o símil e a metáfora. En canto á forma, os versos son de arte menor, con rimas asonantes e sintaxe simple. O representante deste ismo é Luís Amado Carballo con dous libros: Proel e O galo.

Neotrobadorismo

O neotrobadorismo é un ismo exclusivo da literatura galega e debe o seu nome ao carácter imitador da poesía dos cancioneiros medievais, combinándoa con imaxes innovadoras e recursos propios das vangardas, como as metáforas. O iniciador desta tendencia foi Fermín Bouza Brey co libro Nao Senlleira. Outro autor destacado é Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama ribeira e, na posguerra, Dona do corpo delgado. Este ismo chegou ao seu ocaso con Xosé María Álvarez Blázquez con Cancioneiro de Monfero.

Creacionismo

O creacionismo, creado polo poeta chileno Vicente Huidobro, ten a súa expresión na literatura galega con Manuel Antonio. A súa obra comeza con dous libros (Con anacos do meu interior e Foulas) nos que combina elementos tradicionais con outros máis innovadores, como os caligramas. O libro De catro en catro representa a culminación da súa achega á vangarda galega a través duns poemas nos que non hai concesións ao lector e nos que se amosa o seu verdadeiro mundo poético, cheo de símbolos, imaxes e metáforas que o relacionan co futurismo. Por último, Viladomar abandona a estética da vangarda e recupera a forma e o ton tradicionalista das primeiras obras. Tamén escribiu textos en prosa como “Máis Alá” e o “Prólogo a un libro que ninguén escribiu”.

Nesta etapa, un importante labor foi o das revistas como Alfar, Ronsel, Resol, Yunque, Cristal e Papel de Color que, grazas a elas, as vangardas puidéronse difundir a certos ámbitos culturais, universitarios, en xeral na órbita do movemento galeguista.

En conclusión, estes autores foron moi importantes na poesía galega do século XX, xa que permitiron que o galego chegase a ámbitos da cultura que antes aínda non chegara mediante a publicación das revistas nomeadas anteriormente.

Características da obra literaria de Castelao

Castelao naceu en Rianxo en 1886 nunha familia mariñeira. Algunhas das súas obras son Un ollo de vidro, Cousas, Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza.

Castelao é un artista popular no sentido de que a súa temática é a vida do pobo, entendido como as “clases populares”. Castelao presenta unha nova visión do paisano galego, unha imaxe orixinal e verdadeira. Ademais, este autor sente unha sinceira simpatía polos paisanos e non ten que aparentar ningunha actitude ilustrada ou progresista para comunicarnos a súa unión con eles.

Outro aspecto que cómpre sinalar é que Castelao non idealiza as xentes que retrata. O seu estilo é realista porque presenta os homes tal e como son, cos seus defectos e virtudes, mesmo fixo un poema coa vida do pobo galego do seu tempo.

Castelao ponse do lado dos débiles ao xustificar os seus defectos colectivos como condutas provocadas polo medio no que se desenvolve a súa vida. Tamén tivo sempre unha compaixón polos que sofren e os desamparados da sorte, da xustiza, pero ese lirismo está sempre freado polo humor: a cita de Mark Twain que encabeza o relato, “Debaixo do humorismo sempre hai unha grande dor”, que mostra ese sentimento de preocupación de Castelao pola cara máis triste ou dolorosa da realidade e dos que a padecen, que aparece en Un ollo de vidro.

Outro trazo importante deste autor é que é un humorista, xa que destaca a falta de concordancia entre a harmonía ética e a realidade, entre o idealismo e a vida real. Non obstante, non actúa como un notario dogmático e ríxido, senón como observador sagaz da miseria moral que lle mostra a experiencia. Estes aspectos poden apreciarse na súa obra Cousas.

Finalmente, o traballo realizado polo autor criticando o Mal non tería sentido se non crera no Ben. Este autor é un home optimista que loita con confianza pola liberdade do seu pobo.

En resumo, Castelao presenta unha nova visión do paisano galego, non idealiza as xentes que retrata e ponse do lado dos débiles ao xustificar os seus defectos colectivos como condutas provocadas polo medio no que se desenvolve a súa vida.

Significado da narrativa de Otero Pedrayo

O conxunto da narrativa de Otero Pedrayo xira arredor da idea da decadencia da fidalguía e a conseguinte perda de influencia social. As ideas ligadas a esta son as seguintes:

  • En primeiro lugar, o cambio de réxime durante o século XIX, polo que desaparece a monarquía absoluta e instálase unha monarquía parlamentaria. Isto provocará a desaparición dos foros.
  • En segundo lugar, a falta de capacidade dos fidalgos para adaptarse aos cambios sociais que os afectan.
  • En terceiro lugar, o abandono por parte dos fidalgos das súas responsabilidades; os burgueses son os que compran títulos e prestixio social e acceden aos centros de poder para acabar ocupando os postos de responsabilidade.
  • En cuarto lugar, a visión positiva da fidalguía como clase dirixente dos destinos da sociedade galega porque, a pesar dos seus defectos, é a que ten conciencia dunha identidade propia, a que ten uns valores morais que se herdan por pertencer a unha terra, mentres que para os burgueses non hai moral ou, en todo caso, a única moral é o diñeiro.
  • E por último, a importancia da paisaxe como elemento definidor da vida: o paso das estacións, os traballos de cada unha delas, a visión da terra como produtiva e amable.

En definitiva, a obra de Otero Pedrayo pode considerarse como representativa da Xeración Nós, pois recolle os valores que todos defendían: a idea de Galicia como unha nación pola que valía a pena loitar para recuperar a dignidade a partir dunha identidade baseada na cultura, nas tradicións e nun idioma propios.

Século XX: Características sociolingüísticas

A situación da lingua galega no século XX respecto do ámbito sociolingüístico pódese dividir en tres características que son a continuidade do proceso de castelanización, a funcionalidade lingüística e o proceso de revalorización do galego, as cales se explicarán a continuación.

A primeira característica sociolingüística da lingua galega é a continuidade do proceso de castelanización dos ámbitos urbanos e das clases sociais con mellor situación económica, fronte a un maior grao de conservación do galego nas zonas rurais ou semirrurais. Neste proceso inciden varios elementos como son o crecemento urbano e a extensión das clases medias, debida ao aumento da poboación dedicada ao sector terciario en detrimento do sector primario; a progresiva xeneralización do ensino e a extensión dos grandes medios de comunicación; e os factores de prestixio e valorización lingüística, que continúan a marcar o galego como negativo, contrario ao ascenso social.

A segunda característica é a funcionalidade lingüística, de xeito que os progresos no uso do galego dependen moito dos ámbitos aos que nos refiramos. En primeiro lugar, mantense unha actitude diglósica, pois o galego continúa a ser empregado como lingua oral, propia dos contextos informais e para as relacións entre os iguais, mentres que o castelán aséntase cada vez máis como a lingua escrita, propia dos ámbitos máis formais. En segundo lugar, no ámbito laboral o reparto das linguas depende do tipo de ocupación, de xeito que nos oficios máis tradicionais ou manuais domina o galego e nos relacionados co mundo moderno domina o castelán. Por último, existe unha gran contradición entre os avances no ámbito da cultura e os que se producen na percepción dos usos cotiáns, pois o galego segue a ser unha lingua de identidade da maioría da poboación e a lingua da relación familiar e local, pero o castelán avanza nos ámbitos urbanos e entre as clases medias.

Para rematar, a continuación do proceso de revalorización do galego iniciado no século XIX desenvólvese en tres fases: no primeiro terzo do século (1900-1936) prodúcese un avance vertixinoso tanto no uso literario como no político; tras os primeiros anos da Ditadura, nos que se produce unha involución, a partir de 1950 e, sobre todo, na década dos anos 60 e 70, comeza unha lenta recuperación; e finalmente, na democracia, iníciase un avance significativo, aínda que non exento de obstáculos.

En resumo, a lingua galega no século XX no ámbito sociolingüístico presenta tres características que son a continuidade do proceso de castelanización, a funcionalidade lingüística e a continuación do proceso de revalorización do galego.

Análise de Na noite estrelecida

Esta é unha das obras máis importantes de Ramón Cabanillas, publicada por primeira vez en 1926 en Mondariz con ilustracións de Castelao. Está formada por tres partes, denominadas sagas, que se comezaron a publicar nos xornais e revistas a partir de 1921.

A espada Escalibor

A primeira saga titúlase “A espada Escalibor”; nela cóntase como o sabio Merlín presenta a espada, de procedencia galega, chantada nunha pedra, e anuncia que quen sexa capaz de arrincala será nomeado rei. Só Artur consegue erguer a espada e, unha vez coroado rei, preséntase diante dos cabaleiros da Táboa Redonda.

O cabaleiro do Santo Grial

Na segunda saga, titulada “O cabaleiro do Santo Grial”, o rei Artur, reunido cos seus cabaleiros na noite de Nadal arredor da Táboa Redonda, encárgalles a misión de recuperar o Santo Grial. Galaaz preséntase para ocupar o seu posto sen armas, que irá conseguindo ao superar determinadas probas ata atopar o Grial no monte Cebreiro.

O sono do rei Artur

A terceira e última saga é “O sono do rei Artur”, onde se fala do tempo en que se cumpriron as profecías de Merlín e a espada volveu á catedral de Caerleón. Galaaz chega a Camelot e Artur, que recibira presaxios sobre a súa morte, despídese del e embarca nunha misteriosa nave mentres anuncia o futuro do pobo celta.

Nesta obra, Cabanillas intenta recoller o relevo de Pondal e concienciar o pobo galego sobre a súa función na Historia e, para iso, retoma as lendas celtas da materia de Bretaña para mostrar ao pobo o seu pasado glorioso.

Cabanillas conserva os trazos característicos do material literario: a fantasía, o espírito cabaleiresco e o misticismo cristián, transformándoo ou adaptándoo. Esta adaptación comeza cando Cabanillas vai engadindo elementos que se unen solidariamente cos anteriores e forman un conxunto inseparable de poesía e vontade cívica.

Os elementos que engade Cabanillas son, en primeiro lugar, o sentimento de saudade, entendido como unha conmoción diante da natureza, un sentimento lírico que provoca unha identificación entre o personaxe, os seus sentimentos e a contorna natural, que se fai partícipe como un personaxe máis. O segundo elemento é a caracterización dos personaxes, sempre de orixes celtas e galegas. Esta identificación ten unha lectura ideolóxica relacionada co galeguismo e as ideas nacionalistas. Por último, o argumento está reducido a conveniencia, de xeito que cada personaxe é un símbolo, cada acontecemento un tema de reflexión relacionado coa finalidade cívica e mesmo política da obra.

En canto á métrica, Cabanillas utiliza tanto versos de tipo popular como culto, pero diferénciase dos demais autores da súa época no dominio da versificación, xa que Cabanillas é o primeiro poeta contemporáneo cun verdadeiro dominio do ritmo e da medida dos versos. Entre os versos de arte menor predomina o octosílabo, tanto en romances como en sextinas. Nos versos de arte maior destaca o hendecasílabo, por influencia modernista. Polo que se refire aos trazos de estilo, en Cabanillas, por un lado, a faceta social, a exaltación de Galicia e dos valores que se relacionan coa identidade galega; por outro lado, busca unha poesía coidada, artística, pero que non deixe de estar presente a vontade estética que concede a adxectivación.

As características máis salientables son a combinación de elementos épicos e líricos, a presenza do marabilloso e extraordinario como influencia da estética modernista, o emprego de símbolos nacionalistas a partir de elementos celtas e da relación de personaxes, e por último, en canto á sintaxe, nas partes narrativas predominan as oracións pasivas, os ablativos absolutos, as oracións subordinadas, os hipérbatos e o léxico culto, mentres que nas descricións predominan as frases breves.

Por último, o significado de Na noite estrelecida comeza coa necesidade de crear mitos identificadores e símbolos de identidade, con antecedente en Pondal.

En resumo, Cabanillas conserva trazos característicos como a fantasía, o espírito cabaleiresco e o misticismo cristián, pero engade outros novos como o sentimento de saudade, a caracterización dos personaxes e a redución do argumento a conveniencia del.

A narrativa galega entre 1900 e 1936

A narrativa galega no primeiro terzo do século XX ten algunhas características comúns coas da poesía no sentido de que coexisten autores que seguen a escribir de acordo cos esquemas e criterios herdados do século XIX con outros autores que introducen novidades coa intención de modernizar o ambiente literario.

Os autores que destacan deste período e que seguen os esquemas e criterios herdados do século XIX son os seguintes: Francisca Herrera Garrido (A ialma de Mingos, Martes de Antroido), Manuel García Barros (Contos da terriña, Aventuras de Alberte Quiñoi), Gonzalo López Abente (O deputado por Beiramar, O novo xuíz, Fuxidos).

Outro grupo de autores están asociados ás ideas das Irmandades, tratan temas como a emigración e describen a vida das clases populares, como Xosé Lesta Meis (Estebo), Leandro Carré Alvarellos e Xaime Quintanilla.

A Xeración Nós

Finalmente, falaremos dos autores da Xeración Nós, que entre 1900 e 1936 marcaron un dos momentos máis importantes da nosa literatura. Este grupo estivo formado por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, ao que se engadiron Castelao ou Antón Losada Diéguez.

As orixes do grupo están no denominado “Cenáculo ourensán”: un grupo de amigos procedentes de familias acomodadas, burguesas ou fidalgas, pero que rexeitan o modelo de sociedade no que viven e adoptan unha actitude elitista e de illamento intelectual; rexeitan a sociedade que consideran vulgar, e fanse afeccionados ás ciencias ocultas, aos mundos exóticos e ás culturas orientais. Esta actitude é a que describe Vicente Risco na súa obra Nós, os inadaptados e que tamén trata Otero Pedrayo na novela Arredor de si.

As características que definen este grupo son as seguintes: teñen como obxectivo modernizar, europeizar e dotar dun carácter universal a literatura galega; teñen unha clara vontade pedagóxica coa intención de modificar as actitudes e o pensamento da sociedade galega; a terra e a paisaxe son os catalizadores dos elementos galegos; a relixión é un elemento consubstancial á sociedade galega; defenden a sociedade tradicional e, por outra banda, aplican novas técnicas narrativas e teñen un estilo persoal que os identifica e distingue. De Vicente Risco podemos destacar algunhas das súas obras como son O lobo da xente, A coutada, O porco de pé. De Cuevillas podemos destacar o seu ensaio titulado Dos nosos tempos, e por último, de Castelao podemos destacar os seus contos breves como Un ollo de vidro, Retrincos e Cousas.

En resumo, nesta etapa había autores como Francisca Herrera, Manuel García e Gonzalo López que seguen a tradición e a temática do século XIX, e por outra banda, os autores da Xeración Nós fixeron achegas á literatura galega que deron lugar a que destacasen e os distinguisen dos demais autores da época.

Importancia da Xeración Nós na literatura galega

O proceso de evolución ideolóxica que se produciu en Galicia a partir de 1916 tivo tamén a súa repercusión no ámbito da cultura e nas creacións literarias: na poesía grazas ás vangardas e na prosa grazas á Xeración Nós.

Na narrativa superáronse os temas costumistas para introducir temas como o realismo (Os dous de sempre), a sátira (O porco de pé), a novela histórica (Os camiños da vida), a novela psicolóxica (Arredor de si) ou o mundo de ultratumba (Un ollo de vidro).

Unha innovación importante foi analizar criticamente a sociedade galega e mostrar unha vontade de reforma que servise para facela avanzar e superar a situación de atraso. Por outra banda, houbo outras menos importantes que son o abandono do bilingüismo social e a busca da creación dun galego literario mediante a introdución de lusismos e cultismos.

No teatro sucede algo semellante ao da narrativa: na temática, o costumismo deixa paso a outros asuntos, engádense elementos simbólicos (O bufón del rei, de Risco; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao). As innovacións máis importantes teñen que ver coa temática dramática, é dicir, coa teatralidade, ao dar un papel fundamentalmente aos elementos escenográficos: a música, as luces… O principal impulsor destes cambios foi Castelao.

Por último, no ensaio a importancia da Xeración Nós é fundamental, pois eles son en realidade os iniciadores do xénero na nosa lingua debido a que o galego accede ao ámbito científico e intelectual. Os temas son moi variados: desde a Historia (Ensaio histórico sobre a cultura galega), á Política (Sempre en Galiza), á lingüística (A vontade de estilo na fala popular) ou á Arte (As cruces de pedra en Galiza).

En resumo, os membros do grupo Nós foron os que realmente realizaron a modernización da literatura galega, os que a situaron no século XX, os que abriron as portas a novos camiños mediante a europeización e universalización da narrativa, do teatro e do ensaio.

Historia da lingua galega: Século XX

Primeiro terzo do século (1900-1936)

Neste século producíronse unha serie de avances e retrocesos na situación social do galego dependendo do momento en que nos centremos. En xeral, segue sendo negativa porque hai un contraste entre o uso do galego e o uso do castelán: comezouse cunha etapa de avances no primeiro terzo, logo a etapa da ditadura foi moi dura e de moito pesimismo e, na última parte do século, aceleráronse algúns efectos positivos pero que engadirán problemas novos.

No primeiro terzo do século XX (1900-1936), o galego estaba nunha situación de pausa, xa que o país estaba un pouco deprimido. Un dos poucos feitos positivos desta época foi a creación da Real Academia Galega (1906), pero tivo unha compoñente anómala porque se creou na Habana por emigrantes de ideoloxía galeguista que declararon a Murguía como presidente.

A primeira data verdadeiramente importante no ámbito lingüístico foi o 1916 coa creación das Irmandades da Fala. Por outra banda, xorde de novo o galeguismo para defender que Galicia posúe unha lingua, unha historia e unha identidade propias: as Irmandades da Fala recollen estas ideas e danlles un novo impulso, estendéndose por toda Galicia en pouco tempo ata un total de 28 asociacións. En 1918 celebrouse en Lugo a primeira Asemblea das Irmandades na que abandonan as ideas rexionalistas e adoptan o nacionalismo. Algúns membros que participaron nesta Asemblea foron Vicente Risco e Otero Pedrayo. No ámbito lingüístico, estes dous personaxes foron o motor do desenvolvemento lingüístico e cultural. En 1923 creouse o Seminario de Estudos Galegos (o galego esténdese ao ámbito das ciencias) e no 1931 o Partido Galeguista (acceso do galego ao ámbito político).

Por outra parte, entre 1907 e 1917 desenvolveuse o agrarismo, que é un movemento social do ámbito labrego que pretendía a supresión dos foros (tipo de contrato moi abundante en Galicia, pero que era moi prexudicial para os campesiños e moi beneficioso para os donos da terra) e que os campesiños se converteran en propietarios. Este movemento significou que a fidalguía desaparecese como clase dominante.

Os aspectos negativos desta etapa son que o castelán chegou a ámbitos moi importantes como os medios de comunicación, e ademais, íalle gañando espazo ao galego no ámbito urbano e entre a burguesía, de modo que se acentúa a división que relacionaba o galego co ámbito rural e coas clases menos favorecidas.

En resumo, grazas ao impulso das Irmandades o galego chega a ámbitos que antes nunca chegara (poesía, conto, novela, teatro, ensaio), créanse editoriais como Lar e Nós, e prodúcense avances nos estudos lingüísticos (dicionarios e gramáticas), pero ao mesmo tempo a situación do galego é pésima, xa que hai un desprestixio social enorme, e ademais era unha lingua asociada ao mundo rural.

Etapa da Ditadura

Nesta etapa de posguerra producíronse, debido á ditadura, unha serie de retrocesos que lle afectaron moito á situación social do galego: prohibiuse a súa fala e a súa escritura, producíndose así unha ruptura total do proceso normalizador, xa que esta situación de penurias deu lugar a un regreso sociocultural á época dos Séculos Escuros ou ao Prerrexurdimento.

Un mes antes de que comezase a Guerra Civil fora aprobado o Estatuto de 1936 que significaba a cooficialidade do galego, pero a chegada da Ditadura supuxo a supresión “de facto” do idioma, polo que deste xeito o castelán quedou como único idioma para a Igrexa, a escola e os medios de comunicación. Ademais, a resistencia cultural trasládase a Bos Aires debido a que os escritores galegos emigran para poder seguir escribindo en galego.

Os primeiros feitos importantes no proceso de recuperación foron, en 1950, a fundación da editorial Galaxia como unha actitude culturalista dos galeguistas superviventes, e en 1954 a recuperación das Festas Minervais.

Respecto da década dos anos 60, produciuse un cambio na actitude do réxime e un desenvolvemento económico que deu lugar á aparición do 600 e a un rexurdimento na clandestinidade do nacionalismo. Ademais, nesta época de esplendor, créanse asociacións culturais como “O Facho” e “O Galo”. Por outra parte, a RAG institúe o Día das Letras Galegas e publica as Normas ortográficas do idioma galego.

Por último, en 1971 créase o Instituto da Lingua Galega que depende da Universidade de Santiago, e comeza a publicar os primeiros manuais para o ensino da lingua. Tamén nesta época se creou a cátedra de Lingua e Literatura Galega na USC.

En resumo, debido á Ditadura o galego pasou por situacións moi difíciles, xa que foi prohibida a súa fala e a súa escritura. Por outra parte, algúns feitos positivos desta etapa foron a fundación da editorial Galaxia, a recuperación das Festas Minervais, e por outra banda, a RAG institúe o Día das Letras Galegas e publica as Normas ortográficas do idioma galego e, por último, a creación do Instituto da Lingua Galega.

Etapa da recuperación democrática

No século XX a etapa da democracia iníciase en 1975 coa morte de Franco. O galego recoñécese como lingua propia de Galicia, o que vai significar o acceso do idioma ao ensino, aos medios de comunicación e á Administración, e o inicio dun período de grandes avances, como a aprobación do Estatuto de Autonomía e das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. A pesar disto, a situación social da lingua galega segue a ser problemática porque o proceso de normalización é lento e debe afrontar moitos atrancos debido á situación de bilingüismo oficial e de diglosia.

Entre os avances hai que sinalar varios feitos importantes que son os seguintes: por unha parte, no ano 1976 créase o Departamento de Galego-Portugués na Facultade de Filoloxía da USC. Máis tarde apróbase a Constitución en 1978, que considera Galicia, Euskadi e Cataluña nacionalidades históricas por contaren cun Estatuto feito antes do comezo da Guerra Civil en 1936, e logo, en 1980, foi aprobado o Estatuto de Autonomía que establece que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Nesta liña de feitos positivos, en 1982 a RAG e o ILG aproban as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua. Ademais, apróbase a Lei de Normalización Lingüística en 1983, coa que se consegue, por exemplo, que o galego se incorpore oficialmente ao sistema educativo.

Ademais, outro feito positivo produciuse en 1986, no que nacen os primeiros medios radiofónicos e audiovisuais en galego para todo o territorio, como a RTVG. Dous anos máis tarde, en 1988, créase a Mesa pola Normalización Lingüística co obxectivo de promocionar o uso do idioma galego en todos os ámbitos da vida social, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega. Por último, nos anos 90 o galego accede ao mundo da informática, aparecen correctores, tradutores e programas, así como dicionarios online e moitas ferramentas informáticas que facilitan o uso do galego en internet.

Pero a pesar destes feitos positivos, produciuse unha situación de bilingüismo oficial, que se refire á capacidade dun suxeito para comunicarse de forma independente e alterna en dúas linguas; e de diglosia social, que é unha situación social na que nunha comunidade se falan dúas linguas diferentes en ámbitos e para funcións sociais diferentes; e para isto fixéronse numerosos esforzos para conseguir a igualdade e o equilibrio entre o galego e o castelán.

En resumo, o galego pasou por momentos de moito esplendor como a creación do Estatuto de Autonomía, a aprobación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, a Lei de Normalización Lingüística e a creación da MNL, pero a todo isto hai que sumarlle algúns aspectos negativos como son a situación de bilingüismo oficial e de diglosia social.


ETAPAS DO PROCESO DE NORMALIZACIÓN

O galego pasou por diferentes etapas do proceso de normalización que son as seguintes: a primeira no século XIX, a segunda no primeiro terzo do século XX, a terceira de 1936-1975 e a última 1975-2003, segundo en que etapa nos situemos terá unha serie de características.

A primeira etapa comeza no século XIX e denomínase galego popularizante, o cal foi empregado por autores do Rexurdimento e caracterizado por reproducir a lingua oral. O referente ortográfico vai ser a ortografía castelá e o léxico está cheo de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos. Desde o primeiro momento os autores son conscientes da necesidade dunha normativa que unificase as distintas variedades xeográficas do galego. (X.M.Pintos, Murguía, Curros,Rosalía) pero non houbo un grupo suficiente que se puxese de acordo nunha norma e nela os escritores imitan a fala popular da súa comarca.

A segunda etapa sitúase no primeiro terzo do século XX, que se coñece como o galego enxebrizante ou diferencialista. Ten a súa orixe nos escritores das Irmandades ou do Grupo Nós que tentan afastar o máis posible o galego do castelán para remarcar así a súa identidade propia. Este obxectivo lévaos a incluír cultismos que prestixian o idioma, arcaísmos, hipergaleguismos e lusismos. Ademais, estes autores intentan eliminar os dialectalismos (unificación supradialectal ) e avanzar cara a unha unificación lingüística.

A terceira etapa vai dende 1936 ata 1975, coñecida como galego protoestándar. Nela acelérase a depuración de castelanismos e vulgarismos e modérase o emprego de lusismos e hiperenxebrismos, e elimínanse os apóstrofos, comezando así a definirse solucións para acadar un galego máis puro, como a partir dos anos 50 que hai uns intentos de establecer unha variante escrita culta.

E por último a cuarta etapa vai dende 1975 ata 2003, coñecida como galego estándar. Os cambios políticos, como o recoñecemento da oficialidade do galego, permiten que a lingua se encamiñe cara a situación de normalidade, xa que a necesidade de crear  unha norma estándar séntese como algo máis urxente. Hoxe, a proposta oficial é a das Normas Ortográficas e morfolóxicas  do idioma galego publicadas pola RAE e o ILG en 1982, e que foron revisadas no 2003. Ademais, apróbanse normas baixo criterios lingüísticos homologados que se basean en estudos científicos (Atlas Lingüístico de Galicia realizado polo ILG) para así difundir o uso do galego.

En definitiva, o proceso de normativización da lingua galega pasou por diferentes etapas: a primeira no século XIX, a segunda no primeiro terzo do século XX, a terceira de 1936-1975 e a última 1975-2003, as cales van evolucionando para diferenciar o galego do castelán e ter unhas bases propias.